Índice
O empresario, Galicia no centro
¿Como lograr unha posición para Galicia, non só no espazo xeográfico, cultural, político ou empresarial español, senón tamén no internacional? Para Valentín, Galicia tiña peso específico propio e todos e cada un dos proxectos empresariais que proxectou ou axudou a poñer en marcha tiñan sempre unha fin: mellorar o status de Galicia e dos galegos.
A partir de 1959 e tras forxar unha grande amizade con Manuel Cordo Boullosa, Paz-Andrade presentou un proxecto para a creación dunha gran refinaría en Galicia. A explotación da refinería sería de 15 anos, sendo a continuación revertida ao Estado. O proxecto incluía tamén toda unha rede de industrias petroquímicas e a creación dunha fundación cultural creada a partir do 60% dos beneficios. Petrogasa ofrecía unhas condicións inmellorables para o Estado sen embargo a indiferenza da Cámara de Comercio e a presión dos oligopolios financeiros situados no nivel máis alto do réxime e que dominaban a economía española do momento conseguiron tombar a iniciativa.
“Para min, este programa podía comezar a redimir positivamente a Galiza do subdesenvolvemento, da incultura, da miseria rural, do éxodo ventureiro, da marxinación secular que viña padecendo.” VPA
En 1960, xunto co empresario José Fernández López, pon en marcha Pecanova, a multinacional galega de pesca por excelencia da que Valentín foi vicepresidente. Foi un acerto empresarial que puxo en práctica as ideas de Paz-Andrade de explorar sostibelmente a gran despensa de proteínas dos océanos, combinando a moderna tecnoloxía e a secular experiencia dos homes do mar galego.
“Querase ou non recoñecer, a Pescanova débeselle unha verdadeira revolución do sector do mercado alimentario en España. Non gosto de chamarlle milagre, mais o certo é que case o foi se temos en conta a hora na que se produciu. Dez anos despois sería impensábel, co pulo do custo dos crus ou a imposición das zonas económicas das douscentas millas” VPA
Ao longo da súa vida, Paz-Andrade teimou na necesidade de reinvestimento do aforro galego para acadar o que el chamaba “espiral ascendente da expansión”. É o punto de partida do Estudio económico-legal para la creación de bancos de desarrollo en Galicia que Valentín Paz-Andrade realiza en 1963 co fin da creación do que se daría en chamar o Banco Industrial de Galicia. O proxecto de banco non saíu finalmente adiante pola falta de axilidade de reunir o capital fundacional, mais de telo feito naquela época poderían ter cambiado, sen dúbida o perfil económico e empresarial de Galicia.
“Mentres os fondos de aforro voluntario non sexan utilizados con prioridade na promoción do desenvolvemento industrial, localizado en Galicia, non será desterrada a tradición do estancamento. Continuará a expulsión do capital predestinado ao investimento en novas empresas. E con ela, a daqueles outros recursos cuxa acción, combinada con aquel factor, xerar a produción e a renda: man de obra, enerxía, primeiras materias...” VPA