‘Se tiramos con forza desde o Campus do Mar podemos ser locomotora para Galicia e Europa’
“O problema de Europa é que non hai expertos nas empresas para entender os descubrimentos dos seus investigadores e darlle valor económico”, asegura o biólogo e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato (Compostela, 1960). O que fora Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (2005-2009) teima en facer entender o importante que é marcar o futuro da economía potenciando a especialización do sistema universitario galego, con especial agarimo aos avances no Campus do Mar, “desde o que podemos ser locomotora para Galicia e para Europa”.
Un dos grandes eixos do pensamento de Valentín Paz-Andrade xiraba arredor da potencialidade de futuro que tiña o mar para o país. Vostede tamén ten defendido unha tese semellante.
O mar é futuro porque ten historia. Nós somos un pobo moi ligado a esa realidade e polo mar saímos ao mundo, con el debemos vivir e del podemos vivir. Ese coñecemento do mar que temos adquirido a través da historia é tan importante que chega a permear non só no mundo clásico dos descubridores
O mar é medio de comunicación de Galicia, da Península e de Europa co mundo.
ou dos mariñeiros, tamén xerou unha estrutura con fortaleza industrial, potencial económico e enraíza no perfil dos nosos investigadores e creadores de coñecemento. En Vigo hoxe chega a concentrarse o maior número de científicos por metro cadrado en ciencia e tecnoloxía mariña que hai en Europa. Ademais dese sentido histórico e real, ten piares moi sólidos cara o futuro cando falamos de estratexia para Galicia, España e Europa. Porque o estratéxico non é ter un empresario moi bo. Poñamos que falo de Inditex, que é importante para o mundo global e para o emprego, pero transformará a nosa economía e a economía europea? Falemos dun investigador ou grupo investigador espléndido en materia de saúde, iso serve para a transformación económica e social do país? Pois non, porque carecemos da industria que poda darlle valor a ese coñecemento. Pero no mar si, se somos capaces de traballar e poñer en común o que sabemos facer, temos non só o coñecemento, tamén o tecido empresarial e todas as características sociais que nos permiten liderar e nos poden dar crecemento socioeconómico. Cando presentei o proxecto Campus do Mar en Europa, a quen máis lles chamou a atención foi a noruegueses e suecos, porque se dan conta de que se nós somos quen de tirar podemos ser locomotora para toda Europa, non só para Galiza. En medicina serán Alemaña ou Inglaterra porque teñen as farmacéuticas pero no mar a oportunidade é nosa.
Cando falamos do mar estámonos a referir a un conxunto de actividades moi diverso.
Estamos falando dunha maneira transversal, non só do sector primario ou do sector mar-industria (pesca, acuicultura, conserva, conxelado...), tamén do metal, do naval ou da intelixencia loxística. Porque o mar é medio de comunicación de Galicia, da Península e de Europa co mundo.
E aí temos unha vantaxe comparativa.
Temos, temos. Somos un dos centros claves da península e de Europa e hai que facelo valer. Se ollamos o mar como potencial para Europa a senda de crecemento é enorme. Por iso non temos que darlle as costas senón que debemos escollelo como prioridade económica.
A idea é que o Campus do Mar concentre facultades e centros de investigación?
O Campus é un proxecto estratéxico a medio e longo prazo. Estamos seguindo un itinerario e cumprindo prazos sen perder un milímetro o rumbo a pesar das dificultades actuais. O campus é unha
A Universidade fabrica de titulados, xera coñecemento e transfire ás empresas, pero tamén debe volcar o seu potencial no desenvolvemento económico e social do país.
agrupación de I+D que está lograda, na que hai que procurar denominadores comúns para 4.000 científicos. Nesta primeira onda de dous anos sairán dos clusters proxectos concretos de investigación, e desde 2013, nunha segunda onda, terán que incorporarse os empresarios. Os escépticos, que sempre os hai, están ao axexo de rendementos inmediatos, pero o Campus do Mar non é quen vai resolver os problemas, pero van visibilizarse axiña resultados. Fíxose un traballo científico e académico moi bo, e están realizando aquí moitas teses de doutoramento xente de países americanos, europeos ou dos Estados Unidos. Tamén se abren oportunidades aos investigadores con talento, de aquí e de fóra, tendo avanzado moito na internacionalización. Se a mellor Universidade da China en temas mariños veu a Vigo é un logro, tamén traballamos cos países que coidamos claves na materia e con Bruxelas. Simultaneamente estamos tratando de agrupar os campus de excelencia de temática mariña en toda a península cun obxectivo común. Cada un terá os seus proxectos e a súa implicación no territorio, e competirá en Europa e no mundo, pero temos denominadores comúns e sabemos que xuntos non nos supera ninguén, porque o que podemos ofrecerlle aos países emerxidos, como Brasil, é o noso coñecemento.
Desa cifra de 4.000 científicos da que vostede fala, cantos están fisicamente aquí?
O 40% deles son portugueses e o 60% galegos, e dentro destes case a metade están en Vigo, sumando a Universidade, Oceanografía e o CSIC.
Ás veces todo o que se refire a investigación, desenvolvemento e innovación, resumido nesas pouco expresivas siglas I+D+i, resulta un concepto abstracto que precisa máis realidade para comprender a súa verdadeira dimensión. Por que é tan decisivo?
Se non investigas o único sector onde crear emprego e economía é o dos servizos, atender á xente con equipamentos e materiais doutros. A investigación é fundamental para facer produtos novos, e con máis investigación atoparemos solucións aos nosos problemas e non teremos que buscalas fóra. Sexa para xestionar un hospital, para construír unha ponte, para depurar a auga ou para conservar un espazo natural. Os exemplos serían interminábeis. Quen están entusiasmados co Campus do Mar? Aqueles que gozan de cousas concretas. Na medida que desde alí atopemos solucións en máis sectores teremos a máis xente convencida. Os grupos de investigadores están namorados da capacidade de ter contactos internacionais, de traer investigadores foráneos, de ter estadías en centros punteiros no mundo en cadansúa especialidade ou que se lle abran camiños que antes non tiñan. Os empresarios namoraranse cando vexan que o Campus do Mar é un valor engadido aos seus procesos de internacionalización. Xa interveu timidamente nalgunha negociación do sector naval para facer buques oceanográficos. Sempre sinalo o caso de Construcións Freire e a Universidade de Qatar, coa que nós fixemos contacto. Porque non era só a capacidade técnica do estaleiro, senón amosar que detrás estaba o potencial dunha universidade especializada para resolver calquera petición específica. Cando haxa máis exemplos dese tipo comprenderase mellor a transcendencia do que se está a facer. Agora somos como embaixadores e a medida que nos relacionemos máis con países estratéxicos –xa estamos en relación con universidades de Chile, Brasil, México ou China– as misións internacionais de calquera industria nosa serán máis doadas.
Cando se refire á universidade vostede sempre fala dun sistema universitario galego único e defende a especialización como mellor maneira de potencialo e serlle útil á sociedade. Xa cumpre ese papel ou aínda ten moito camiño a percorrer?
A universidade ten que cumprir principalmente o seu primeiro fin de servizo público e o mellor xeito de facelo é dándolle oportunidade de acceso universal ao ensino superior a todos os cidadáns. O que non podemos é poñer ningunha traba nese acceso a quen cumpre o deber de estudar, que é o que temos que reclamarlle. En Galicia dotámonos de tres universidades para garantir ese fin, e foi una feliz
Cando presentei o proxecto Campus do Mar en Europa, a quen máis lle chamou a atención foi a noruegueses e suecos, porque se dan conta de que se nós somos quen de tirar podemos ser locomotora para toda Europa
idea independentemente das opinións que houbo no seu día e do reducionismo de hoxe en día, porque unha única universidade en Santiago precisaría un sistema de becas dez veces máis potente do actual para manter a capacidade de atender a actual demanda cidadá. Cando promovemos o decreto de titulacións falamos de sermos servizo público e non eliminar alegremente títulos por razóns de eficiencia económica. Eu poño o exemplo de varios que ofrece en exclusiva en Galicia a Universidade de Santiago, que teñen pouca demanda, caso de Matemáticas e Filosofía, para facer ver que non se poden tocar titulacións básicas. Non lle podes dicir a un galego que iso teno que estudar en Madrid. Podo entender que non dupliquemos títulos que non teñen demanda, pero é inexacto considerar ineficiente que existan varias carreiras de dereito ou de administración de empresas, cando completas a oferta e aínda queda xente fóra. Con isto tes un mapa de titulacións, coas súas peculiaridades. Por exemplo a enfermería ten que estar ligada a un hospital,con grupos pequenos e por tanto debe haber varias escolas. Daquela ter un modelo distribuído e non concentrado é máis eficiente tamén economicamente. O que é fundamental é traballar cun sistema universitario galego único, forte e equilibrado, e para iso tes que camiñar cara á especialización. Saber como singularizarnos para ser o máis complementarios posíbel, o que nos permitirá ser fortes en conxunto e responder mellor ao que nos reclama a sociedade.
Nós deseñamos un proxecto de singularización e estratexia da universidade de Vigo, pero que tamén é estratéxico para toda Galicia, para a Eurorexión e para España. Cada universidade debe pensar que quere ser, cal é o seu proxecto de futuro, e especializar cada Campus. Canto máis singulares e especializados mellor, porque nos axudará a ser complementarios entre as universidades, axudarémonos mutuamente e daranos unha imaxe de marca para nos internacionalizar que é a asignatura fundamental. En Vigo centrámonos primeiro no Campus do Mar, que é máis global, pero tamén no Vigo Tecnolóxico. En Ourense formamos o Campus da Auga e axiña presentaremos unha proposta para Pontevedra. Hai que ter presente que non somos unha empresa senón unha institución pública sen xerarquía, onde toda a responsabilidade é do Reitor, pero o modelo de gobernanza obrígame a buscar convencemento, a seducir con proxectos e ideas e niso estamos traballando.
Cando fala da demanda social, témolo claro respecto do mar, pero que pode facer a Universidade para sinalar por onde teñen que ir as iniciativas económicas?
Ao comezo as universidades só tiñan a misión docente de formar titulados. Isto evolucionou e hoxe nas universidades europeas asúmese que hai unha segunda misión que é a investigación. Isto intensificouse e a produción científica e a capacidade de xerar novo coñecemento para o mundo é tan importante como nos centros de investigación creados ad hoc. Nos últimos 30 anos a universidade é
En Vigo hoxe concentramos o maior número de científicos por metro cadrado en ciencia e tecnoloxía mariña que hai en Europa.
formadora de titulados e xeradora de coñecemento. O que xa é máis recente é a terceira misión de transferir ese saber. Non debemos conformarnos con xerar coñecemento e agasallalo ao mundo, porque o oligopolio das revistas americanas é quen de aproveitar e poñer en valor económico os achádegos que acadan as universidades de todas partes. O problema de Europa é que non hai expertos nas empresas para entender os descubrimentos dos seus investigadores e darlle valor económico. Aí nace a transferencia de coñecemento, que na Universidade hai dúas décadas estaba mal vista. Se traballabas para unha empresa e tentabas resolver cos teus saberes un problema, en España e en Europa se dicía que te estabas prostituíndo traballando para a empresa privada. Hoxe xa non. A transferencia pasou a ser un prestixio. Interiorizouse aínda que non está recoñecido a nivel profesional na mesma medida que a investigación. Nesta materia nós somos pioneiros en España, aínda que non sirva para ser catedrático, pero a súa sabedoría contribúe a crear postos de traballo. Estamos nunha fase intermedia nesa terceira misión e aínda que non existan políticas, nin políticos, que impulsen estas cuestións as propias universidades teñen que camiñar xa a unha cuarta misión, que é ser elemento non só fabricador de titulados, xerador de coñecemento e transferidor ás empresas senón que debe interiorizar como volcar o seu potencial no desenvolvemento económico e social no país no que está. Hai que facelo en interacción con todos os organismos, por iso pensamos nos Campus especializados e no Vigo Tecnolóxico centrámonos en catro áreas: emisións cero, telecomunicacións, aeronáutica e bioenxeñería. E se non hai empresas que asuman todos estes retos teremos que contribuír a crealas facéndonos atractivos para que as de fóra veñan instalarse onda nós.
No mundo da política hai comprensión desa nova función que vostede debuxa para as universidades?
Hai que esforzarse na insistencia pedagóxica. Temos interlocución directa con tres ministerios, Educación e Economía e Competitividade, pero o que máis nos interesa que nos entenda é o de Facenda. Non imos alí a pedir cartos, senón a procurar que se revise o sistema contábel que nos penaliza á hora de buscar recursos. O xeito de entender a economía fai que sexa moi capaz de controlar o gasto pero dificulta a consecución de ingresos que é o que se precisa. España ten xente moi ben formada para etapas de crecemento pero non para momentos de devalo. Temos grandes técnicos para control e xestión de recursos pero non especialistas para captalos. E isto padéceo a
Se non investigas o único sector onde crear emprego e economía é o dos servizos. Atender á xente con equipamentos e materiais doutros.
Universidade pero tamén o conxunto da economía. O sistema de contabilidade aprobado en 2003 fainos moito dano e déixanos en mans dos especuladores. A efectos da Universidade o asunto é como facer para acadar recursos e non ter déficit contábel, que é ficticio. Un exemplo: consolidas déficit cando consegues en Europa 10 millóns de euros, para gastar durante un período de varios anos. Aí tes un gasto e se non consegues os mesmos millóns dos que estás gastando estás en déficit. Hai moitos déficits que penalizan ao país e son utilizados polos especuladores para subir os intereses.
Dentro das organizacións políticas hai xente que o entende pero o conxunto da clase política, de ningún partido, non ten interiorizada a transcendencia do I+D+i. Os organismos públicos poden intuír a súa importancia pero fáltalles albiscar como se sustancia, por iso o contemplan como unha entelequia.
Nós somos unha autonomía cun orzamento sempre en crecemento, a pesar das crises porque sempre ían aparecendo transferencias de novas competencias. Pero o I+D+i é clave para procurar mecanismos cos que aumentar os ingresos ademais do campo fiscal. É moi importante ter mentalidades innovadoras e emprendedoras. A sociedade americana si ten ese adestramento, e fan barbaridades porque son un sistema ultraliberal pero teñen unha maior plasticidade, e antes de reducir o gasto xa están pensando en como aumentar os ingresos. Canto tempo se lle dedica aquí a pensar en xeitos de incrementar os ingresos? Que sinais está mandando a clase política de que se está traballando nisto? Agora vivimos nun mundo cunha psicoloxía colectiva, desde o punto de vista emocional, de depresión, pero non é que esteamos tan mal como a finais dos anos 80. A innovación e a investigación supón dar o mesmo con menos custes e resolver problemas económicos e tamén sociais. Nós cando medimos a transferencia non só o facemos cos contratos de empresas, pero aínda non dimos cun algoritmo bo que amose unha medición clara de como impacta no emprego e na economía cada euro que unha empresa pon aquí. E se os pon é porque ten solucións. Eu vin resultados espectaculares, contratos de 60.000 euros que á empresa lle supuxo un negocio de 60 millóns de euros. Medir é difícil, porque hai moitas variábeis, pero os 8 millóns que facturamos este ano con diferentes empresas teñen efecto directo no emprego e no crecemento empresarial. E isto haberá que explicalo moitas veces até que se comprenda.
Por Xan Carballa
Vigo, 28 de decembro de 2012
Foto: Sabela Vázquez Díaz