‘O problema galego non é demográfico, con máis actividade económica téñense máis fillos’
“Temos elementos moi bos de supervivencia, de renovación, de capacidade e creatividade como pobo pero hai que lelos en positivo. Nesta crise o máis negativo é deixarse invadir polo medo”, asegura nesta conversa María Xosé Rodríguez Galdo (Ferrol, 1949). Catedrática de Historia e Institucións Económicas, foi vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela (1984-1986), vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, directora do Centro de Estudios de Población y Análisis de las Migraciones (CEPAM) e dende 2009 é directora do Centro de Estudos Avanzados–Casa Europa.
Cada día coñécense novos datos do devalo demográfico europeo. No caso de Galicia, chégase a falar dun modelo suicida, cunha pirámide poboacional invertida. Cal é a súa análise desta situación?
Tiraríalle dramatismo. Hai algo marabilloso a destacar: que galegas e galegos viven moito e amosamos unha estrutura das máis saudábeis do mundo. A valoración da prolongación da vida hai que poñela no centro de todo, para evitar caermos en modelos produtivistas. A democratización da supervivencia, como lle di algún demógrafo, non só significa que se vivan moitos máis anos é que se vive máis a todas as idades. A nenez prolongouse e morre moita menos xente adulta, e de feito institucións
A estratexia de Lisboa da UE (2000), dicía que para que Europa acadase un maior nivel de desenvolvemento precisaba mobilizar todo o talento feminino.
importantes hai poucos anos, como o padriño e a madriña, case desapareceron cando antes eran respostas a unha moi probábel desaparición temperá dun pai ou dunha nai. E despois está a análise vinculada sempre á sostibilidade futura do sistema de pensións, pero estamos vendo nesta crise que o papel das rendas que reciben os maiores é fundamental para amortecer o impacto nas familias. Cando se fala do gasto das pensións dos maiores esquécese con certa facilidade que se pagou toda a vida para recibilas, que son unha renda diferida. O desafío de sostelas hai que enfrontalo pero as xeneracións non son as mesmas. A xente agora maior non está nas mesmas condicións. Hoxe unha persoa de 65 anos ten un horizonte de actividade diferente. Como di con humor unha boa amiga demógrafa, Anna Cabré, ‘a partir dos oitenta hoxe podemos empezar a falar de vellez’. Hai outros sistemas de vida, de alimentación ou de acceso á cultura, que son moi importantes para unhas boas condicións de supervivencia. Estamos sempre con fotos fixas e atendemos pouco ao dinamismo das mudanzas. Sempre se fala da produtividade, pero é moi diferente a xente que hoxe é maior á das xeneracións que veñen detrás, con incorporacións de tecnoloxía e outros elementos que permiten que a mesma riqueza se produza hoxe cun número de persoas menor que antes, e isto esquecémolo.
Pero vaiamos ao centro da cuestión: se hai máis actividade, se hai máis traballo e se aumenta a taxa de emprego feminina, a xente ten máis fillos, e non habería problemas. O problema non é demográfico, hai máis esperanza da vida, e que nazan menos nenos non debe supor un problema nun planeta superpoboado, o cerne da cuestión é político e socioeconómico, e ante iso non todos os modelos nin os gobernos son iguais. E de Galiza non desaparecemos. Cando escoito falar da senescencia demográfica do país, esquécese toda a actividade e o colchón económico que supoñen os ingresos das persoas maiores que non serían posíbeis sen un estado de benestar.
Cal é a singularidade dos datos galegos, que son especialmente acentuados respecto aos europeos, cunha previsión de perda de poboación constante no futuro?
A pegada da emigración aínda se reflicte na estrutura das idades, aínda que en España hai moitos galegos, e un 25% de toda a xente que está fóra mantén relación directa co país. Lembremos que a tipoloxía da xente que emigra en xeral é a máis nova e en plena idade reprodutiva. Mais insisto en que debemos centrarnos en facer a pregunta de por que a xente non quere ter fillos. Se temos un índice de fecundidade tan baixo –non o menor de España- iso ten que ver coa economía, porque cando hai melloras axiña despunta cara arriba. Hoxe os fillos non son como na vida tradicional antiga, un investimento para a vellez, para manter a casa, e había que ter moitos porque a mortalidade era alta e quedaban no camiño. O cambio cultural é inmenso e hoxe a decisión de ter fillos opera doutra maneira.
O retrato demográfico máis que á depresión está chamando á acción.
A crise é o sinal máis claro de que as cousas teñen que mudar. Non teño solucións, pero teño claro que é un reto e hai que dicir que somos un país con infinidade de posibilidades. A demografía é un indicador, pero non o problema. Terá que mudar a política económica e haberá que reforzar a confianza en nós mesmos.
Cando fala do colchón económico das pensións, con que datos debemos quedarnos?
Estamos vendo nesta crise que o papel das rendas que reciben os maiores é fundamental para amortecer o impacto nas familias.
Iso está moi contrastado, pero resumiríao nun indicador que se coñece para o conxunto español: o que representa a achega dos maiores ao conxunto da riqueza é un 7% do Produto Interior Bruto total. Non por pensións, senón polos múltiples traballos que fan e se iso se contabilizara e pasara polo mercado. A maiores da importancia doutros aspectos socio-culturais que son máis difíciles de medir pero resultan esenciais. A metodoloxía que máis se segue internacionalmente para facer estes cálculos é a dos empregos do tempo, de todo o que se produce no fogar, que é un traballo fundamentalmente das mulleres, pero tamén dos homes, que non computa no mercado pero sen o cal non funcionaría a economía global.
Paz-Andrade empregou moito as estatísticas de poboación para analizar o futuro que tiña o país nun momento no que a emigración era outravolta moi intensa. Ás veces a demografía queda reducida a ese aspecto contábel.
As ciencias sociais cada vez están máis interrelacionadas, e no noso equipo traballamos con demógrafos, pero tamén con estadísticos, historiadores e economistas, porque é o único xeito de interpretar a complexidade dos fenómenos. Para pensar no futuro é básico ter en conta unha boa análise da poboación, só así podes contemplar que modelos económicos de desenvolvemento propoñer, porque a demanda fáina a xente. Non comparto o vitimismo cando se fala do noso futuro, e singularmente o vitimismo histórico. Se cres que todos os teus males veñen de fóra a xente non loita, pero non poden acabar con nós se non nos deixamos. Temos elementos moi bos de supervivencia, de renovación, de capacidade e creatividade como pobo pero hai que lelos en positivo. Nesta crise o máis negativo é deixarse invadir polo medo. Así o enfrontou Paz-Andrade, buscando unha visión e un proxecto para Galicia, co que se podía disentir, pero el tíñao, formulábao e propoñíao. Iso é o que estamos precisando hoxe, un proxecto de futuro diferenciado.
Vostede foi a primeira muller que ocupou unha vicerrectoría universitaria en Galicia. Por xeración tocoulle protagonizar o grande cambio da presenza da muller na actividade laboral e en novos espazos sociais, unha revolución que é do século XX pero que chegou serodiamente e tamén muda a dinámica da poboación.
Se pensamos en dereitos o século XX chega serodiamente, pero temos elementos moi propios. Na agricultura familiar o peso da muller é grande desde sempre. Presentei a miña tese de doutoramento en 1975. Era sobre os séculos XIV, XV e XVI, e coa riqueza documental tan rica que temos podía ver
Paz-Andrade buscou unha visión e un proxecto para Galicia, co que se podía disentir, pero el tíñao, formulábao e propoñíao. Iso é o que estamos precisando hoxe, un proxecto de futuro diferenciado.
que toda a base da produción descansaba nas explotacións familiares, basicamente aforadas, pero os señores xa non controlaban directamente as producións, como no modelo habitual de feudalismo que se estudaba. Iso rompía cunha visión asentada e tiven moitos problemas, pero despois cando a publiquei coincidiu con outros estudos semellantes, como o de Normandía. Explico isto porque cando as explotacións se aforaban eran contratos ao home e á muller. Sempre aparece a muller. Dalgunha maneira, fronte a outros modelos, esa feminización da nosa agricultura agudízase coa emigración que foi maioritariamente masculina e crecentemente masiva nos séculos XVIII e XIX. Curiosamente o papel da muller non se contemplaba nos estudos da emigración cando era fundamental para o mantemento das explotacións. Daquela, xa no XIX, o Partido Federal pedía o voto para as mulleres dos emigrantes. En Galiza, aínda que o papel de subordinación das mulleres era similar a outros sitios, había unha serie de matices importantes. Por iso non é casual que nese tempo teñamos tres mulleres tan senlleiras, como Concepción Arenal, Rosalía de Castro e a Pardo Bazán. Non é estraño que aquel papel tan activo das mulleres nun país como o noso dese esas figuras. Pardo Bazán dicía que ás mulleres galegas liberábaas a necesidade, pero como todo proceso de conciencia é necesariamente lento. O sufraxismo en España non foi tan importante como noutros países, e era prioritario loitar polo acceso á educación, polo dereito ao traballo, máis que por estar presentes na vida política, na esfera pública. Iso chegou máis tarde.
Esas mudanzas da presenza pública e no poder da muller aínda ten moito camiño que percorrer.
Ese modelo burgués das esferas pública e privada pervive. A nivel xeral as mulleres puidémonos incorporar ao mercado de traballo, aumentou a taxa laboral feminina, pero mantíñase a dobre tarefa, que é máis que a dobre xornada, porque é o control e a responsabilidade de todo o traballo doméstico e dos fillos á par de traballar fóra. Nas xeneracións máis novas xa se notan as diferenzas, ves máis pais novos cos nenos nos parques, levándoos ao médico, facendo funcións que antes só se concibían para as nais, e aínda que é un cambio rápido ten por diante aínda moito percorrido. Os atavismos son moi fortes e na política aínda das con homes que din cousas como que a el “gústalle a muller, muller”. Eu defendo o papel importante que ten a familia, pero fágoo desde políticas de conciliación, que a casa e o fogar sexan unha responsabilidade común, que os pais tamén amosen a súa afectividade cos fillos é un avance, pero as defensas da familia que se fan desde certos sectores conservadores é máis retrograda. Pouca xente fala dos horarios de traballo, que aínda están pensados para cando eran os homes os que traballaban fóra da casa, e non son pensados para traballar, convivir e adicarse aos fillos.
A ferocidade da crise non trouxo consigo discursos sobre unha volta atrás a esta conquista de dereitos da muller. Poderían aparecer?
Cando se fala de economía sustentábel, de ecoloxía, de recursos, non falamos de ideais, senón de necesidades obxectivas reais.
Non o creo. Polo contrario, a estratexia de Lisboa da Unión Europea, que é do ano 2000, dicía que para que Europa acadase un maior nivel de desenvolvemento precisaba mobilizar todo o talento feminino, non podía permitirse ter unha metade da poboación sen tirarlle todo o rendemento posíbel. É difícil que aparezan eses discursos porque xa son conquistas moi asentadas legalmente, aínda que ás veces custe mantelas e gañar máis espazos e dereitos que nos corresponden, por exemplo a igualdade salarial. Hoxe a crise pode ser desculpa para aprazar avances, ou debates como hai uns anos cando se falou da duración das xornadas laborais ou o reparto de traballo que permitirían as novas tecnoloxías, porque a prioridade é precisamente conseguir reverter a crise e recuperar o emprego perdido.
E cal é o horizonte no que debemos pensar, porque as propostas para o futuro só se establecen en termos de aumentar o crecemento.
Cando se fala de economía sustentábel, de ecoloxía, de recursos, non falamos de ideais, senón de necesidades obxectivas reais. Unha economía depredadora e extractiva sen máis non é posíbel. Sen cambios no modelo económico non hai futuro. E iso tamén hai que pensalo para Galiza. É magnífico termos grandes recursos na Galicia oriental, pero non poden ser extractivos sen máis. Paz-Andrade foi capaz de incorporar o que en termos de hoxe chamamos economía do coñecemento, viu que as rías non abondaban como horizonte pesqueiro e foi capaz de crear iniciativas para estenderse polo mundo. Cando se afirma que necesitamos máis poboación é porque se pensa con conceptos e modelos de hoxe, pero agora temos novas ferramentas, e non é tanto producir riqueza con máis xente como facelo con máis capacidade, intelixencia e uso diferente dos recursos. Cada vez estase vendo que a nosa propia riqueza interna está insuficientemente explotada. Falando con Xoán Quintás da formación que dábamos na Facultade de Económicas, dicíame que estabamos formando ben á xente pero era como ensinarlles a pilotar un coche mirando para atrás. O problema é que usamos modelos que ollan polo retrovisor e os modelos que se propoñen non son para o futuro.
Por Xan Carballa.
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro do 2013.
Foto: Sabela Vázquez Díaz
Ligazón de interese:
Conferencia de Valentín Paz-Andrade "A poboación e a migración en Galicia" en Bos Aires, 1957.