‘A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino, porque alí operan 23 linguas oficiais’
“Son tan crítico como o que máis coa política económica que está a levar a UE fronte á crise. Pero iso non significa negar a Unión Europea, como non negamos a Galiza pero criticamos moi duramente o que está pasando”, reflexiona Camilo Nogueira (Lavadores, 1936). Fala coa autoridade dunha traxectoria política que, ancorada no galeguismo republicano, atravesa con grandes custes a Ditadura e está sempre no cerne de todo o nacionalismo contemporáneo. Este enxeñeiro industrial de formación, economista e tamén investigador histórico, foi deputado en Santiago e tamén en Bruxelas. Neste 2012 entregou dous libros de análise (Para unha crítica do españolismo en Xerais e A rota do sol en Laiovento) nos que buliga a súa incesante procura de conectar o coñecemento histórico e a actualidade política. Nesta conversa na súa casa santiaguesa, chea de pezas de seu pai, o escultor Camilo Nogueira, amigo de Paz-Andrade, debulla na sorte histórica e no futuro político de Galiza e Europa.
Galicia como tarea e La marginación de Galicia de Paz-Andrade, son ensaios que ademais de falar de economía procuran fundamentar historicamente a situación do país. Vostede leva adicado un intenso esforzo por facer entender os alicerces de Galiza como nación histórica, precisamos do amparo da historia para construír a identidade política?
Como todas as nacións, aínda que se pretenda o contrario. A constitución do estado español di no preámbulo que “España é unha nación, indisolúbel, patria común, etc...” e faino dunha maneira
O cambio constitucional só se producirá cando en Cataluña, Euskadi e Galiza de facto haxa un sistema político propio e teñan que recoñecelo.
exclusivista. Só nese enunciado hai unha ideoloxía que en grande medida está armada sobre a negación de Galiza como nación. O Estado español non pode comprender que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios. Hoxe formamos parte do Estado español pero temos unha presenza no mundo a través da cultura e a lingua que vai máis alá dese estado e non pode ignorar en absoluto a Portugal. Até 1400, co cisma europeo entre Avignon e Roma, todas as dioceses galegas, agás Santiago, eran de Braga e Lisboa e outras dioceses de Portugal, xunto a Salamanca, Badaxoz ou Ávila eran de Santiago de Compostela. Esa historia non conta para a constitución española. Un absurdo porque sería unha riqueza para un estado concibido como plurinacional. Ignórase que cando se pasou do latín ao romance, Afonso X, que escribiu as Cantigas de Santa María porque a súa familia viña de Galicia, pasouse a un castelán armado desde a Corte nunha decisión que ignoro porque se tomou así, pero que non foi asumida polo rei Don Dinis, que pasou do latín ao galego-portugués, e Galicia que xa perdera a súa coroa propia mantivo o galego até 1500. Aínda hoxe a nosa exportación a Portugal é única. Seguindo ese razoamento, na miña intervención do Congreso de Paz Andrade destaco unha frase de Valentín dicindo que entre a Estaca de Bares e a Punta de Sagres hai unha plataforma que é o mellor emprazamento europeo para desenvolver unha industria relacionada co Océano, sexa na pesca ou no transporte.
Falando de Valentín no Parlament de Catalunya para un grupo de emigrantes galegos, o noso anfitrión foi un deputado de CiU que explicando a historia da institución facía pé na orixe da Generalitat como organismo creado no século XIV. Nós, que temos o reino suevo desde máis atrás, tendemos a esquecer ese substrato histórico como argumento político activo do nacionalismo
Nas lecturas históricas hai diversidades e contradicións. Non é igual a lectura que fai un estado centralizado, tipo Francia ou Estado español, que se constrúen desde a negación da diversidade, que
O concepto modificador profundo que significa a Unión Europea aínda non está incorporado en moitos niveis, tampouco por algúns nacionalistas galegos.
os estados-nación que se fixeron reivindicando a súa singularidade cultural e histórica, con menor perigo de ser unha fantasía porque non se reivindican contra ninguén. O sustento histórico é indubidábel, outra cousa é que as nacións políticas para realizarse como tales no tempo actual teñen normalmente un apoio cultural, lingüístico e histórico pero precisan da vontade política de converterse en estado, sexa independente ou para ser respectadas como tales nacións nun estado plurinacional.
O chan histórico de Galicia é formidábel, porque efectivamente o suevo-galaico foi o primeiro reino independente no Imperio Romano. Se Galiza fose un país independente isto saberíano os cativos nas escolas. Fomos independentes durante sete séculos. Ao final foi absorbido polo reino visigodo pero mantivo a súa personalidade, e os concilios falaban dos hispánicos, os galos e os galegos. O reino cristián que surxiu logo do que eu chamo islamización do reino visigodo, ocupaba todo o cadrante noroeste da península, era un reino galego e así se chamaba historicamente. Todos isto é negado pola historiografía española que atribúe a Castela séculos e séculos da historia galega. Senón non se explica que ao primeiro rei de Castela se lle chame Afonso VIII. Oitavo por que, se era o primeiro rei? A serie de reis galegos, algúns deles enterrados como se sabe na Catedral de Santiago, aparecen incorporados a un reino diferente, que é o de Castela. Foi unha decisión dos historiadores que queren atribuír a Castela un pasado que non tivo. A historia ten moita importancia, pero se queres contar cun estado debes ter vontade política. Hoxe en día moi especialmente, porque antes formábanse moitas veces por confrontos bélicos. Ocurre que se tes conciencia propia, autoestima e sabes que podes valerte por ti mesmo económica e socialmente, esa vontade política é totalmente necesaria. Para conseguila as formacións políticas teñen que fomentar esa idea e saber como facelo.
O coñecemento histórico dá seguridade e reafirma nas propias posibilidades?
Claro, claro. Non é momento de estenderse moito, pero tomemos a chamada reconquista. Non existiu tal e desde logo non durou oito séculos. Sobre a base do reino suevo-galaico, cando se islamizou o reino visigodo estruturouse o Reino de Galicia. Aquí non estiveron os musulmáns. Houbo unha razzia de Almanzor até Santiago, pero como houbo razzias cristiáns a Córdoba. Non hai ningún dato histórico, administrativo ou cultural de que Galicia fose islamizada. Para os musulmáns Galiza era o reino cristián e a partir dun certo momento o cristianismo foi facéndose hexemónico onde antes predominaba o islamismo e de a pouco foron dominando os territorios do sur, xa divididos, que formaran Al-Andalus. Durante catro séculos Al-Andalus e Gallaecia conviviran sen problemas especiais. Esa é a historia e despois xa tivo lugar a progresión cara o sur onde Galiza tivo un papel singular. A historia de España faise ignorando a Galiza pero non pasa o mesmo con Cataluña, porque a historia de España ignora ao reino catalano-aragonés pero non o nega. O galego é negado e iso é fundamental
Coa crise démonos conta que non abonda con establecer límites de inflación, déficit e débeda acumulada. A UE precisa un goberno político e económico con máis capacidades, pero decididas polos cidadáns.
E que supón negar esa historia?
Negalo significa que despois a imaxe que a monarquía española dá sobre Galiza produce fenómenos moi curiosos. Por exemplo a partir de 1500, primeiro cos Reis Católicos pero tamén cos Habsburgo, Galiza foi descabezada de xeito perverso. A metrópole de Santiago tiña un poder extraordinario e foi a partir dese momento, e prácticamente até hoxe, rexida por bispos alleos con moi poucas excepcións. E as institucións que se foron instalando (Audiencia, Capitán Xeral, etc.) sempre foron dominadas por persoas non galegas. O curioso é que ao mesmo tempo a nobreza e a igrexa galegas, que non podían mandar en Galiza, tiveron un papel preponderante na monarquía española, sobre todo cos Habsburgo. O país quedou amolado, resistiu culturalmente até hoxe, pero as clases dirixentes galegas onde mandaban era en Madrid. E outro paradoxo é que non podían gobernar pero mantiveron na Galiza todos os señoríos, eclesiásticos e nobiliarios. É unha combinación de deixarlles poder aquí pero non deixarlles gobernar Galiza e todo iso cortando radicalmente coa lingua.
Un dos libros que editou este ano é Para unha crítica do españolismo (Xerais, 2012). Agora estamos vivir un novo momento de recentralización, sexa coa deslexitimación política da autonomía, a lexislación educativa sobre a lingua, a declaración de intanxibilidade constitucional e outras moitas decisións políticas. Como ve vostede o percurso inmediato?
Un dos eixos dese libro son os textos escritos despois da sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Cataluña. Ese tribunal erixiuse en intérprete do cento por cento da constitución, cando apenas pode decidir sobre un 40% pois o 60% restante é materia dos tribunais europeos que ten as
O Estado español non comprende que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios.
competencias de soberanía máis importantes. Vendo como se lle negou o Estatuto de Nación a Galiza, como se botou abaixo o Estatuto de Ibarretxe, que nin sequera deixaron tramitar nas Cortes e cando foi a debater, por certo con Raxoi e Rubalcaba, humillárono e puxérono, sendo presidente de Euskadi, no galiñeiro do Congreso dos Deputados, razoo nese libro que seguindo así nada podemos esperar de Madrid. E aseguro que o cambio constitucional só se producirá cando en Cataluña, Euskadi e Galiza de facto haxa un sistema político propio e teñan que recoñecelo. E isto xa pasa, e de maneira irreversíbel, en Cataluña e Euskadi. Poderán ter dificultades, porque é difícil pasar de ser unha nación a un estado, ou determinar que o estado español sexa plurinacional, pero é unha situación irreversíbel.
Fronte a esa realidade España continúa co seu afán xacobino e recentralizador, pero iso tamén é un recoñecemento de que está pasando algo e que moita xente non aceita as falsas verdades de España. O único xeito de impedir que Cataluña, Euskadi e eu aspiro que tamén Galiza, sexan nacións con estado en Europa, é facer unha constitución que recoñeza que o estado español está conformado por catro nacións. Claro que é mudar radicalmente pero é o máis sensato se se quere convivir. Cando se recoñeza que hai catro nacións, como vai coller na cabeza de ninguén que Madrid poda decidir sobre o que deben facer galegos, cataláns ou vascos coas súas linguas? Quen poderá defender que sexan os casteláns os que deciden como se estuda o galego na Galiza? Por que non recoñecen que é unha riqueza que haxa catro linguas? A solución non é a federal, senón crear as normas para que convivan catro nacións. Igual que se está escribindo por primeira vez a convivencia na Unión Europea, que non é un proxecto que estaba escrito, como non estaba escrito en ningunha Biblia como ía ser o estado moderno no século XVI. E tendo conciencia de que non se trata de poñer fronteiras, que xa non as hai na Unión Europea. O concepto modificador profundo que significa a Unión Europea aínda non está incorporado en moitos niveis, tampouco por algúns nacionalistas galegos.
Precisamente por ese feito de ser un traballo en construción as ideas sobre a Unión Europea van mudando co tempo. O nacionalismo galego foi moi europeista en certa altura do século e na transición convivían diferentes visións. Hoxe, no medio da crise, que idea prima máis, a de que pode ser un corsé ou que é unha oportunidade?
O sustento histórico de Galicia é formidábel, porque o suevo-galaico foi o primeiro reino independente no Imperio Romano. Se Galiza fose un país independente isto saberíano os cativos nas escolas.
Penso que conto con experiencia para falar con certa autoridade. Despois de guerras que no século XX lle custaron ao continente 50 millóns de vidas distingo entre o proxecto difícil de integración da Unión Europea, tendente á unión política, dos gobernantes que temos neste momento. Como podo distinguir a Galiza do goberno do PP. A Unión Europea non son os que gobernan hoxe en Alemaña ou na República Checa, é outra cousa que moitos queremos mellorar e outros non, mesmo véndose tentados a marchar como a Gran Bretaña. Agora estamos pasando polas consecuencias da irrupción do capitalismo neoliberal, que foi protagonizado nas orixes por Ronald Reagan e Margaret Thatcher, nunha fase capitalista que busca novos campos de beneficio substituíndo ao estado democrático e os elementos económicos do estado de benestar que son o 50% da economía nos países europeos. O capitalismo busca novas formas de facer o negocio e iso estalou primeiro en Estados Unidos e difundiuse por Europa. Pero non nas economías emerxentes de China, Rusia, Brasil, Indonesia... onde estaba a industrialización máis avanzada. A crise puxo de manifesto que na Unión Europea non había un goberno económico, que debería ser un goberno político. Había mecanismos para darlle forma a unha economía común, que facía que a UE, non o esquezamos, fose e sexa a primeira potencia económica mundial. Pero co estalido da crise démonos conta que non abonda con establecer límites de inflación, déficit e débeda acumulada, que só se recompón a situación cun goberno político e económico con máis capacidades, pero decididas polos cidadáns e polos estados, alargando as esixencias democráticas das institucións europeas. Unha democracia auténtica que loite contra o capitalismo ultraliberal e avanzando a unha sociedade máis xusta e igualitaria da que xa son expresión a educación e a sanidade públicas, ou as pensións, que queren rematar con elas ou minimizalas. É unha loita histórica que hai que soster no tempo e tamén dentro do proxecto europeo, que non nega as nacións. E no meu caso querendo que Galiza estea alí como estado independente. De feito eu estiven no parlamento europeo como presidente do intergrupo de nacións sen estado.
Daquela, a etapa actual da UE contémplaa como unha transición?
Como unha desgracia! Son tan firme como os máis críticos coa política económica que está a levar a UE fronte á crise. Como mínimo. Pero iso non significa negar a Unión Europea, como non negamos a Galiza pero criticamos moi duramente o que está pasando. A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino. Tomemos a lingua como referencia: alí operan 23 linguas oficiais. O estado tradicional difunde a idea de que só existe unha lingua, e as demais que podan operar no seu territorio ou están subordinadas ou négalles a súa existencia. É o contrario da Unión Europea que se basea na existencia plural de linguas e todas se falan no Parlamento Europeo. Que haxa linguas máis dominantes (que ademais non son permanentes) non quere dicir que se neguen ou substitúan as demais.
Esa democratización da que fala implicaría formacións ou coalicións políticas que se poidan formar segundo varíen as circunscricións electorais ou mesmo se se produce unha elección directa da presidencia da Comisión Europea?
A UE ten recoñecidos os partidos políticos europeos, e nun deles está o BNG e tamén os nacionalistas escoceses, que é a Alianza Libre Europea (ALE). No grupo parlamentario no que estamos integrados (Verdes-ALE) hai quen defende que haxa unha lista europea que sexa encabezada polo candidato, mellor se fose unha muller, a esa presidencia da Comisión ou ou á da institución que se considerase máis representativa.
Na idea dunha mellora do noso futuro económico, a política industrial é unha clave. Desde a súa experiencia como cre que debería orientarse?
O elemento principal é querermos facer esa política industrial. Ter un goberno que queira intervir na economía. É moi custoso pero é posíbel. Galiza é hoxe xa un país industrial importante. Temos o 17% de emprego na industria e Madrid só un 10%. En proporción estamos como calquera país europeo,
Temos empresas que son das máis poderosas do mundo nas súas especialidades e con datos de hai dous anos Galiza, en tanto por cento do seu PIB, era a principal exportadora no Estado español.
pero temos que desenvolver moitas posibilidades. Hoxe está mal o automóbil, pero arredor da Vigo hai máis xente nas industrias auxiliares que na Citroën e temos moitos sectores nos que somos hexemónicos. Non podemos falar de primacía na construción naval, como até hai pouco, pero é de esperar que se recupere. Igual que na madeira, na confección, no leite, no granito, na produción de enerxía eléctrica,... e hai novidades como o viño. Cando rematei a miña Enxeñería Industrial eramos cen enxeñeiros industriais, hoxe somos miles. E non había ningunha escola técnica, agora témolas todas e con moita xente estudando nelas. Hai que ver o xeito de desenvolver isto, resaltando tamén o valor territorial e climático de Galiza, aproveitando que está a piques de resolverse o atasco das comunicacións, que historicamente sempre chegaron con décadas de atraso. Se a pesar de todo isto, de soportar gobernos reaccionarios e ignorantes e decisións prexudiciais da Unión Europea, tomadas de acordo co Estado español, se aínda así avanzamos quere dicir que o noso potencial é enorme. Temos empresas que son das máis poderosas do mundo nas súas especialidades e con datos de hai dous anos Galiza, en tanto por cento do seu PIB, era a principal exportadora no Estado español, agás Navarra, e máis que Cataluña. Convén pensar Galiza doutro xeito e a min chámanme optimista por dicir isto. Non podemos razoar en función da imaxe que Madrid proxecta sobre nós. Galiza, máis alá desta crise, é unha combinación de dúas cousas. Primeiro, dunha terríbel caída demográfica, produto da marxinación como ben falaba Paz-Andrade, de tal maneira que se hoxe temos dúas veces e media menos poboación que en Cataluña en 1800 duplicábamola nós en poboación. En só dous séculos!! Pero en segundo lugar Galiza é un país europeo, cunha gran industria, que podía estar moito mellor. E a pesar disto a xente segue a pensar que como imos vivir nós sen Madrid, cando ao contrario, o que estamos é a pagar os salarios dos que están en Madrid, sexa na Administración ou nas empresas. Un país que ten o 92% da renda comunitaria como non vai poder valerse por si mesmo?
Por Xan Carballa
Compostela, 10 de nadal de 2012
Foto: Sabela Vázquez Díaz