Índice
Valentín Paz-Andrade, uma antena galega no Brasil
En 1932 Guilherme de Almeida, exiliado en Portugal, visita Galicia onde coñece a Valentín Paz-Andrade e forxan unha amizade que durará máis de 40 anos. Unha amizade que se viu reforzada cando na década dos 50 Valentín viaxa a Brasil e contacta de novo con Guilherme de Almeida quen acabará prologando o seu poemario Sementeira do vento e abríndolle as portas da Academia da Lingua Brasileira.
O profesor Elías Torres e Ramón Villares son os comisarios da exposición que poderá visitarse na casa museo Guilherme de Almeida de São Paulo até o 30 de decembro de 2012
“Valentín Paz-Andrade fica admirado pola capacidade de relacionamento lingüístico e cultural que atopa no Brasil cando o visita. Para el São Paulo é unha Chicago austral coa que Galicia debera ter unha relación cultural e económica forte”. É a base para o posicionamento de Valentín fronte a utilidade da lingua galega como instrumento de comunicación internacional o cal non significa só a consideración da lingua e a cultura como elementos de identidade senón sobre todo como recurso cunha forte implicación económica.
Valentín Paz-Andrade elixiu para o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega unha análise sobre a narrativa do escritor brasileiro Guimarães Rosa. O discurso publicarase en 1978 en edicións do Castro co título “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” que lería tamén na Academia Brasileira das Letras. Paz-Andrade mostraría a galegos e brasileiros como gran parte dos chamados arcaísmos presentes na obra de Guimarães Rosa estaban vivos na Galiza.
A exposición que se pode visitar na casa museo Guilherme de Almeida ofrece un percorrido pola traxectoria vital, intelectual e emprendedora de Paz-Andrade con especial atención á historia contemporánea da Galiza dentro do contexto europeo e por suposto dentro dun contexto lusófono.
Podes descargar o catálogo completo da exposición aquí