Índice
A Galicia do Galicia (1922-1926)
A Fundación Barrié programa entre o 2 de maio e o 1 de xullo, na Coruña, a exposición A Galicia do Galicia (1922-1926) en homenaxe a unha das cabeceiras máis modernas da historia xornalística de Galicia e mais ao seu director Valentín Paz Andrade
Con esta mostra, a Fundación Barrié quere render unha homenaxe ao xornal Galicia, editado por Valentín Paz Andrade en Vigo entre 1922 e 1926, e unha das cabeceiras de prensa máis avanzadas e significativas da historia xornalística de Galicia. A exposición, producida pola Fundación Barrié e comisariada por X.L. Axeitos, secretario da Real Academia Galega, foi posible grazas a préstamos procedentes da propia Real Academia Galega, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Colección Novagalicia Banco, coleccións particulares así como aos fondos propios da Fundación Barrié.
Entre o 25 de xullo de 1922 e o 15 de setembro de 1926, Galicia contou cun xornal moderno que, dende o ilusionante comezo da súa andaina até a súa abrupta desaparición, prestou atención á composición das súas páxinas, á opinión crítica presente nos seus editoriais, sección que só se facía con regularidade en El Sol,e ao humor, probablemente caso único en toda a prensa peninsular da época, onde a caricatura funcionaba como contrapunto ao editorial.
Outra das achegas que o Galicia incorporou á prensa galega foi, xunto á insólita apertura franca aos artigos en galego na prensa diaria da época, a de contar, de maneira esporádica ou permanente, cun relevante equipo de colaboradores autóctonos (“As mellores plumas do país” dicía Valentín Paz Andrade) entre os cales salientan personalidades do talle de Alfonso Daniel R. Castelao, Manuel Antonio, Vicente Risco, Rafael Dieste, Antón e Ramón Villar Ponte ou Luis Ksado. No xornal naceron varias das series gráficas e literarias de Castelao, como Cousas da Vida, Os Homes ou Os Cegos, Retrincos, etc., as Lerias de Risco, as crónicas de Ramón Otero Pedrayoasí como outras colaboracións non por pouco coñecidas menos notables, como as do arquitecto Antonio Palacios ou Amor Ruibal.
A exposición compleméntase cunha serie de actividades para os máis novos. Podes atopar máis información aquí