Índice
Paz-Andrade. ¿Un Ortínez gallego?*, por Ramón Villares

Das moitas visións que se poden ofertar da vida fecunda e polifacética que tivo valentín Paz-Andrade, eu quixera reparar nesta que, sen dúbida, tería sido mesmo sorprendente para o propio protagonista e, polo tanto, resulta tal vez un chisco contrafactual ou utopista. Pero, ben mirado, qué nos impide soñar o pasado, se tan difícil se nos presenta o porvir.
O asunto é o seguinte. Ortínez, aínda que un poco máis novo que Paz-Andrade, desempeñou un papel xerencial importante na patronal téxtil catalana durante os aos coarenta e cincoenta, foi alto cargo no Ministerio de Coemrcio nos anos sesenta e traballou nos anos setenta como axente de grandes multinacionais. Pero de forma paralela a esta actividade, Ortínez mantivo unha estreita unión política co presidente da Generalitat no exilio, Josep Tarradellas, ata o punto de pór como condición para aceptar ser nomeado director do Instituto de Moeda Extranxeira o correspondente plácet previo do seu presidente, esto é, Tarradellas. Segúndo el memo conta, o propio Franco aceptou esta condición. E, finalmente, foi un dos homes-claves na operación de retorno de Tarradellas, no ano 1977, asi como da constitución do réxime autonómico en Cataluña, asumindo o cargo de conselleiro na recuperada Generalitat.

E chegados a este punto, é onde comenza a principal diverxencia entre o curso seguido por ambas figuras. Paz-Andrade participou activamente na transición democrática, formando parte da Comisión dos Nove que negociou a reforma política con Suárez, foi electo senador nunha candidatura democrática de esquedas nas eleccións de 1977 e asistiu, ainda que pouco convencido, á construcción do réxime das autonomías. Por outra banda, Paz-Andrade mantiña unhas relacións directas e estreitas co galeguismo do exilio e con figuras senlleiras da política galega da época republicana, desde Castelao no seu día ata R. Prada ou B. Osorio Tafall.
Era, por todos estes motivos, o persoeiro máis indicado para comandar unha soldadura entre a tradición da II República, a do Partido Galeguista, a do Estatuto de Autonomía do 36, a do Consello de Galiza, formado en Bos Aires, e a nova legalidade xurdida da transición política do Franquismo. Pero esta posibilidade nen tan xiquera foi contemplada na organización da autonomía galega. E ainda tendo en conta o feito de ter desaparecido desde tempo atrás Castelao, de estaren xa avellentados algúns líderes como Osorio Tafall ou Alonso Ríos, e de estar privado de continuidade o Consello de Galiza, a principal eiva radicada, sen dúbida, no esgazamento entre o galeguismo do interior e do exilio. Algo do que Paz-Andrade non era responsable e que tratou de combater ao seu xeito.
Este confluencia de memoria histórica e transición democrática que, sen dúbida, moito afortalaria a nacente autonomía galega non tivo lugar, agás tal vez no maxín do propio Paz-Andrade e de gardadores da memoria, como Isaac Díaz Pardo. Disponía Galicia, na figura de Paz-Andrade dun Ortínez de seu, pero carecía do correspondente Tarradellas ou Leizaola e, sobre todo, da vontade política de construilo, como un terceiro home do que ten falado o Manuel Rivas a propósito de Alonso Ríos. Outros motivos vieiros choídos que leva tido esta terra...
* Publicado en "Valentín Paz-Andrade", Vigo: SIPSA, 1999, pp, 37-39.