Valentín Paz-Andrade en Eusko Indarra. 29 de setembro de 1932
Adro sobre a conferencia pronunciada por Valentín Paz-Andrade en Donosti. Por Xosé Estévez
A Don Valentín Paz Andrade (1898-1987) dedícaselle o Día das Letras Galegas do ano 2012 e, polo tanto, será obxeto de numerosas biografías. Pero asmo que é de obrigado cumprimento para os lectores galegos encadrar axeitadamene esta conferencia, que pronunciou D. Valentín o 29 de setembro de 1932 en Donosti, referíndome ao partido político convidante e ao local onde se dictou.
O Partido político que invitou a D. Valentín era Acción Nacionalista Vasca (ANV), en éuscaro Euzko Abertzale Ekintza (EAE). Endalí, os seu militantes recibían o nome de ekintzales.
Dende os anos 20 o nacionalismo vasco estaba dividido en duas correntes: O Partido Nacionalista Vasco, PNV, a ponla máis radical, cuxos siareiros chamábanse aberrianos (de Aberri=Patria), e a Comunión Nacionalista Vasca, CNV, máis moderada e autonomista.
En novembro de 1930, durante a coñecida como a Dictabranda, celebrouse en Bergara (Gipuskoa) unha asemblea, na que se produciu a reunificación das duas faccións.
Pero o 30 de novembro de 1930 militantes laicistas e progresitas, procedentes da CNV, aínda que tamén alguns do PNV, e nacionalistas independentes, asinaron en Bilbao o Manifesto de San Andrés, en resposta ao proceso de reunificación. Nove dos once asinantes proviñan da CNV. Este sería o manifesto fundacional de ANV, ben estudado por José Luis de La Granja na súa tese de doutoramento, publicada polo CIS, e máis recentemente por Eduardo Renobales, nunha obra editado por Txalaparta. Entre os fundadores salientaban Anacleto Ortueta, Tomás Bilbao, Justo Garate, Luis Urrengoetxea e Julián Basterra. Este participara como delegado da CNV, na compaña de Jesús Mari Leizaola, na Tripla Alianza de 1923 en Barcelona.
ANV tiña a súa forza fundamental en Bilbao, de onde proviñan a maioría dos fundadores, e en Batakaldo, xa que a Xuventude Vasca do PNV adheriuse a ANV en 1931. Os seus principais dirixentes pertencían a profesións liberais (médicos, avogados, contabeis etc.). Os seus voceiros xornalísticos foron “Acción Nacionalista”, editado en Bilbao de 1932 a 1933, e despois “Tierra Vasca”, entre 1933 e 1937, aínda que voltaría a sair do prelo no exilio, en Bos Aires, nos anos 50. Neste voceiro inseríanse novas e entrevistas a persoeiros galegos como Castelao ou Suárez Picallo. En Donostia, emporiso, o voceiro do PNV, o xornal “El Día”, ecoaba decote as novas sobre ANV, como é o caso concreto desta conferencia, que inseriu enteiramente.
ANV posuía orixinariamente un ideario nacionalista moderado, aconfesional, pero non anticlerical, pois a maioría eran católicos, mais favorabeis á separación da Igrexa e do Estado, (fronte ao confesionalismo católico do PNV da época), socialdemócrata, federalista/confederalista, republicano, partidario de alianzas cas forzas republicanas e socialista e gradualista en canto a aceptación do Estatuto de autonomía. De feito integrouse na conxunción republicano-socialista nas eleccións municipais de abril de 1931, co obxetivo de acadar o Estatuto.
ANV integrouse na conxunción republicano-socialista para as eleccións municipais do 12 de abril de 1931, o que non fixo o PNV, co obxetivo de acadar un Estatuto para o País Vasco. Obtiveron unhos resultado aceptabeis (sete concelleiros en Bilbao, cinco en Baracaldo, dous en Donostia, duas alcaldías en Biskaia) e representantes nas Comisións Xestoras das Deputacións provinciais. Mesmamente en Donostia un dos concelleiros, José Imaz, sería en 1936 representantes de ANV na Xunta de Defensa de Guiposcoa co gallo do levantamento do 18 de xullo. Morrería en Catalunya durante a Guerra Civil, probablemente por mor dun bombardeo feixista, e os seu corpo non sería atopado polos familiares, segundo me contou unha filla, Miren Imaz, grande amiga e compañeira de profesión docente.
ANV soia ás eleccións Constituintes, celebradas o 28 de xuño de 1931 en Biscaia-capital, Biscaia-provincia, e dentro do bloco de esquerdas en Guiposcoa. Os resultados non foron bos. En Biscaia achegáronse ao 4% dos votos. En Guiposcao o seu candidato, o intelectual Xusto Gárate obtivo o 10% dos votos, pero quedouse a 200 de conquerir escano nas Cortes de Madrid.
A pesares da súa debilidade, ANV foi sempre unha forza férvedamente estatutista como banzo para acadar un Estado federal/confederal , con unha concepción unitaria de Euskadi, non foralista-provincial. Rexeitou, emporiso, o Estatuto de Estella de 1931 polo seu compoñente clerical. Pero amosouse seareiro dos proxectos estatutarios posteriores dende 1932.
Nas eleccións xerais de novembro de 1933 presentouse en soedade e colleitou un novo fracaso. Mesmamente o día das eleccións, o 19 de novembro, produciuse un luctuoso acontecemento. Un militante de ANV, Hermenexildo Alvariño, nado en Galiza, que emigrou a Euskal Herria con 7 anos, foi asasinado por unhos pistoleiros socialistas nun bar, ubicado perto da sede aneuvista de Barakaldo. Ademais deste hai outros vencellos de ANV con Galiza, que xa mencioaremos.
O torpedeo da tramitación do Estatuto vasco durante o bienio radical-cedista (1933-35) provocou a radicalización dunha parte da militancia de ANV, que virou cara a esquerda. Este sector impúxose aos fundadores e moitos deles abandoaron o partido entre 1935 e 1936. ANV artellou un novo programa, definíndose como anticapitalista, ainda que non marxista, e avogando por un Estado vasco independente. Ingresou na Fronte Popular de 1936, mentras o PNV se presentaba ás eleccións en soedade, sen conquerir escano.
ANV, ademais dos órganos de prensa xa citados, contaba con locais, que a diferencia dos Batzokis peneuvistas, recibían o nome de Euzko Indarra (forza vasca). O local donostiarra foi inaugurado o 6 de decembro de 1931 estaba situado no recuncho máis enxebre do casco vello, a rúa 31 de Agosto. Un nome moi simbólico par aos donostiarras, pois lembra un tristeiro sucedido: o incendio da cidade polos aliados do Duque de Wellington na Francesada o 31 de agosto de 1813, mentres o corpo de exército galego loitaba con afouteza na sonada batalla de San Marcial, perto de Irún. En Donosti fundaron ANV importantes persoeiros locais: o médico Nemesio Mendizabal ( o seu primeiro presidente), José Gabarain, José Imaz, Antonio Otaño, José María Zabaleta, o poeta euskaldún Emterio Arrese, Fermín Mendizabal, Sagarzazu. Este sería o presentado de Paz Andrade na súa conferencia.
Sería convinte lembrar que os vencellos de ANV co PG foron temperáns. O 6 de decembro de 1931 estaba anunciada a intervención nunha mesa redonda na compaña de dirixentes de ERC, Ventura Gassol, Puig i Ferrater e Josep Riera Puntí, do galeguista Ramón Suárez Picallo co gallo da inauguración do local de Euzko Indarra. Non puido asistir por mor de que nas mesmas datas celebrábase a asemblea de constitución do Partido Galeguista.
O 2 de abril de 1933 ANV organizou un mitin trinacional no frontón Euskalduna de Bilbao, con intervención dos aneuvistas Juan Carlos Basterra e o avogado Luis Urrengoetexea, o dirixente de ERC Josep Riera i Puntí e Castelao, do PG.. Estarían na Casa de Galicia de Bilbao, asinando no libro de Ouro: Castelao, Riera Puntí e Luis Areitioaurtena, dirixente de ANV, que coincidiría con Castelao en 1937 na Delegación Vasca de Barcelona co gallo da celebración do Aberri Eguna.
Despois asinarían no Album da Casa de Xuntas de Gernika o pacto do mesmo nome, considerado como un precedente do Galeuzca ou Pacto de Compostela de 1933. Pola banda de ANV asinaría este acordo o dirixente Sabín Seijo, de nidios devanceiros galegos. Poder verse máis abaixo a sinatura oito días máis tarde do Presidente do Consello de Ministro e despois Presidente da República, Manuel Azaña.
No vran do mesmo ano ANV tamén asinaría o pacto Galeuzca o 30 de xullo de 1833 en Bilbao na persoa de Andrés Perea. ANV non acodiría a Compostela o 25 de xullo, pero si participaría no Galeuzca, asinando o acordo en Bilbao durante a viaxe triangular.
Tamén sería pecado de lesa memoria esquecer os vencellos de ANV co Galeuzca de Bos Aires de 1945. José Olivares Larrondo, “Tellagorri”, fervente amigo e admirador de Castelao era o encargado de xestionar a revista Galeuzca, que se publicou entre 1945-1946. No libro de Iñaki Anasagasti “Castelao y los vascos” fican ben nidios estes vencellos e na Fundación Castelao existe correspondencia entre Castelao e Tellagorri. Tamén é posibel que no arquivo de Paz Andrade quede constancia desta conferencia e das posteriores relacións con ANV, aínda que as andainas da Guerra Incivil e represión subseguinte obrigaran a desfacerse desta documentación.
Xosé Estévez