Autonomía, fé civil
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: 28 de xuño de 1936
Medio: El Pueblo Gallego. Vigo
Automía é unha fé. Repitamosll-o ao pobo galego, deica agora creente en todo, mais descrente en si mesmo. Deica agora abalado ou na superstición ou no receio, os dous polos mentaes antre os que se move o esprito da raza. Praiticante dos mitos alleos e renegante a criación dos seus mitos.
Autonomía é unha fé, a primeira. A fé civil. A fé en nos, por quen somos, por como somos. Remanece do ser galego, temprada na quentura orixinal, humida do alento nativo, con acento intraducibre. A fé se non é insobornabre non é fé. Isobornabre gardadora da verdade en nos mesmos revelada y-encarnada.
Nin é fé a que nega. O “veneno saboroso da negaçao”, que probara Sardinha. A fé afirma. Crea e non remeda. Fai e non pide. Camiña e non agarda. Construe. Supera. Consagra.
¡Creer na Galicia, galegos! Primeira afirmación da nova fé. Na Galicia, no seu volume vital, na súa capacidade criadora, na fecundidade do seu xenio, no servizo dos seus homes. Que si Castela “face los homes et los desface”, Galicia antes de os facer xa os rilla; pra fabricar cos seus nomes, despois de mortos, fogos fatuos da groria.
Creer, sen masoquismo nin choradeira. Preformados e non deformados pol-as mesturas arrasadoras, pol-a falsa propensión ao pranto, pol-a cobiza d-un falago ou d-unha esmola; limpos, ergueitos, podentes, universaes.
Merecendo cando menos o que a ninguén lle debemos, o que naceu con nos, o que soio nos truxemos a-o mundo; dispostos a non deixarnos despoxar, despersoalizar, desgaleguizar endexamais.
Autonomía, primeiro suposto vital, estatuto civil d-un pobo que non nasce agora; que agora renasce co-a concencia adulta.
V.Paz Andrade