A centenaria fazaña cultural da "Galicia Diplomática"
Autor: Valentín Paz-Andrade
Data de publicación: 2 de setembro de 1982
Medio: La Voz de Galicia
Reprodúcese en Galicia, Revista del Centro Galego de Buenos Aires nº 630, abril de 1983; en Galicia lavra a sua imagen, Ediciós do Castro, Sada 1985; O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade, Biblioteca Gallega pp. 77-85, A Coruña 1997.
O nove de xulio de 1882, nos anais da cultura galega, despuntóu un evento fáustico. Calificación destemida, mais según imos ver, xusta. Decatarse de que ningunha pluma o lembrara, nin con o gallo de se cumplir agora o centenario, e un feito ben desconcertante. Pol-o que de negativo ten, e pol-a infravaloración que supón de unha páxina esgrevia do pasado das letras galegas. A data que deixamos anteposta, ainda que agora se non reconocera, ten brilo propio o lexítimo. Tal dia, ao proceso da nosa renacencia, incorporóuse unha nova forza. A de un dos mais respaldados e mellor timbrados órgaos do espirito. Estou a falr da Galicia Diplomática. Unha substitulada «Revista semanal de Archivos y Bibliotecas». Leenda en sí, cobizosa, amplificada a unha e outra man da cabeceira, con a nómina das materias que propoñía estudar e difundir: «Historia, Arqueología, Heráldica, Literatura, Ciencias, Artes». Seis constelacións de un firmamento cultural alborecente.
De primeiras semella tratarse de cadernos de outra cultura. Entraba na palestra axiña de que La Ilustración Gallega y Asturiana -que fora dirixida por Murguía- non pudera sosterse mais de tres anos.
Dixérase que das suas cinzas remanecía Galicia Diplomática. O certo semella ser que entre unha e outra non chegóu a se catar concomitancia algunha.
Como tiña de ser, tras da obra mexíase un home. Foi iniciador, promotor i executor n-unha peza. Chamabase no lances do oficio Bernardo Barreiro de V.V. (Vázquez-Varela). Tiña nascido de Sant Iago (1850-1904). Alí chegóu a ser arquiveiro do Concello, despois de ter servido algúns anos en Simancas. E alí fundóu a Revista na data ao comenzo calendada.
Galicia Diplomática non deixóu de publicarse até o 29 de Nadal de 1889. Unha dura de casi oito anos. Relativamente longa, ainda que tuvera algunha pequena discontinuidade. Hoxe semella pouco menos que un milagre. Maiormente si se ten en conta a especialización, a periodicidade e até a dignidade gráfica que o experimento acadóu.
De perdurabilidade, nas antepáxinas do primeiro número pudera atoparse o segredo. Escomenzan por inxerir unha longa ringleira de nomes. Senon todos, era a grande maioría dos «patrocinadores de ésta publicación». Contanse a dúas columnas por folio mais de cinco centos. Ao frente, tres das catro Diputacións Provinciales. A de Pontevedra abonada a 50 exemplares, a de Coruña a 40, a de Lugo, a 30.
Citase unha Duquesa, a de Medina das Torres, con abono a doce copias. O groso dos asignantes cubre unha ancha xeografía. En lugar sobranceiro a de Galiza, e algunhas cibdades de outras áreas ibéricas. Madrid figura con 7 suscriptores, a Habana con 17, Montevideo con 56, Buenos Aires con 57, Lisboa con 3, México con 1…
Pudera ter interés sociolóxico a filiación ou xerarquía dos abonados. Vai de arriba a baixo. Como primeiro, entre os de Madrid, contase a «Biblioteca de S.M. el Rey». Siguen tres títulos do Reino. Ademais da Condesa xa citada -a Pardo ainda non o era-, o Marqués de Valmar, o Conde de Ramiráns, e o que despois sería Marqués de Riestra, xa Diputado a Cortes. Despois o padrón mestura médicos, abogados, clérigos, escritores, políticos, sociedades recreativas, etcétera.
Pol-a mostra escolmada chégase a algunhas conclusións positivas. O negociado das relacións públicas, ainda sin profesionalidad, funcionaba a rego cheo. Con froitos que cecais non se acadaran hoxe, para unha empresa semellante.
COMO SE CONSOLIDOU A FAZAÑA
Ollada desde o miradouro do noso tempo, aquela foi unha increibel fazaña. A mais da cara que xa lle miramos, ten algunha ou algunhas mais. E ninguna sin a sua consistencia no campo onde a tarefa se acometeu.
Do primeiro número a demanda foi exaurinte. Con tanta forza que houbo necesidade de compoñer e meter no prelo unha segunda edición. A Revista, abalada por unha acollida tan querendosa, sintéuse na obriga de ficar reconocida e gratificadora «a todos aquellos que cautivados por el levantado pensamiento de nuestra obra, se dignaron adoptarla como propia, trabajando con el mayor entusiasmo entre sus relaciones»… Exemplo ben suasivo de solidaridade, que a nivel das camadas cultas, e ainda en certa parte do povo, atopóu aquél arriscado e custoso emprendimento.
Da estructura formal da publicación compre engadir algún trazo. Cando menos para os ollos na cabeceira. Temos diante unha composición gráfica que nos fala no linguaxe dos símbolos. Dos xa tradicionales na ortodoxia representativa. Semella mais miniada que diseñada. Combina elementos de estilos clásicos. O gótico e o románico. Ao primeiro responden as arcadas centraes. Unha encadrando o escudo do Reino de Galiza. Nos laterales, dous a dous, as armas das catro provincias. Ainda hoxe, con boa vontade, a heráldica pudera terse como representativa.
A romanidade tórnase no titulo da Revista e nos subtítulos. Sospeitamos agora que cecais pol-a primeira vez, o tipo de letra románico, se incorporóu as rotulacións da prensa galega. Con certa base para sospeitar que non teña fonte mais directa, a arte da letrista que Castelao relanzóu. Principalmente desde o titulo do Nos, a cabeceira do xornal Galicia e as portadas de livros poéticos de Cabanillas.
Non debe ser calado o nome do autor e gravador en buxo de tan historiada peza. Nin podería ser outro que Enrique Mayer (1861-1931), ilustrador compostelán consagrado como mestre do seu arte. Exercéuno non somentes n-aquela Revista, senón en Galicia Humorística e moitas obras históricas editadas nos vellos obradoiros composteláns. Principalmente as de López Ferreiro.
Na portada do primeiro número o mesmo artista gravóu un escudo de Galiza. Outro -éste de Sant Iago- figura na cuberta do II tomo. Son da mesma paternidade moitas ilustracións sin firma, ademais de plantas de monumentos, retratos de personaxes, reproduccións epigráficas, etcétera. As ilustracións de Mayer chegan ao grafismo mais complexo e barroquizante nas letras capitales, con que decora o texto de artigos históricos, suplementos monográficos, traducción de códices do latín, etecétera.
TRABALLANDO PARA A HISTORIA
O tomo I da Galicia Diplomática -título axeitado na sua época- abrangue 50 números. O primeiro do II volumen -1883-1884-, fai de pórtico un «Prospecto» editorial. O fundador en poucas liñas, conta a sua experiencia como editor, que pode servir de ensiño a moitos:
«Solos, desde la anciana ciudad de los recuerdos, sumida aún en profundo letargo, en medio de la general apatía por cuanto tienda a resucitar las antiguas grandezas de la región gallega, y presenciando la muerte de ilustradísimas publicaciones análogas a quienes no han valido su nobilísimo patriotismo… hemos comenzado en 1882 la presente Revista… anhelando establecer la idea de una publicación…, que, recopilando en sus páginas cuantas noticias interesantes contienen los autores antiguos y modernos, cuantos documentos inéditos y desconocidos se guardan o se han extraído de nuestros desordenados archivos, y cuantos estudios importantes debamos a la pluma de los escritores amantes del país, llegue a ser como el gran arsenal de materiales del que… con el esfuerzo de todos… pueda formarse la verdadera y hoy imposible HISTORIA DE GALICIA».
Na mesma declaración, confesa o promotor que «gran temeridad fue… el acometimiento de semejante empresa». Mais ao menos por aquela vez o sacrificio persoal a idea non foi ciscado en valeiro:
«Galicia Diplomática entra en el segundo año de su existencia YA CON RECURSOS PROPIOS, bajo la protección de las… Diputaciones de éste antiguo Reino, considerada como útil y necesaria para el fomento de las bellas artes, la arqueología y de la historia, felicitada con entusiasmo por los amantes del país y sostenida por una suscripción escogida y suficiente».
Poucas veces no proceso de renacencia cultural galega chegarían a se escribir palabras tan confortadoras. Cando mais n-un tempo onde os meios non eran nin folgados nin eficentes como despois virían a ser. Ainda que non para todos.
A REVISTA POR DENTRO
De certo que si Galicia Diplomática no seu contido, se mantuvera pechada nas fronteiras do título, non acadaría unha dura de cuasi oito anos. As axudas de faltriqueiras provinciaes ou asociativas tiñan acento simbólico. Mais pouco valor contante. Se a empresa foi arriba debeuse a que tiña unha mais ancha abertura que a prometida no rótulo.
O obxeito da fundación non daba no titulo a imaxe restrinxida que hoxe denotaria. Non se limitaba a facer circular o ar do tempo presente pol-a friaxe dos arquivos. Foi algo mais avivecente, ou revivecente. E acadaría incidencia social certa.
Por riba de tantas pauliñas que sobre o Reino cairan, tambén contaba a de ter perdido a imaxen. Primeiro, pol-a cuasi total proscripción na escrita da lingua propia. Despois por se ter cebado no seu pasado, desde antergos idus, a praga dos «falsos cronicones». Obras que xa lucían a etiqueta de historias, desde a do P. Gandar as de o P. Seguin e de Benito Vicetto -esquecendo outras menos sonadas- xustificaban de cheo unha reacción reintegracionista da verdade documentada. Non foi outro o sino da loita que, no eido de que estamos a falar, emprendéu o patriarca Murguía (1833-1923). Exemplo que cecais aguilloaría a cobiza de saber de Bernardo Barreiro, dezasete anos mais novo e morto no mellor da vida. E que, si non encetóu formalmente a escritura da sua historia de Galiza, deixóu moitas fontes manando para que os epígonos beberan.
Un e outro autor nutririanse a fartar do Arquivo de Simancas. Mais Barreiro, para por a xurrar nos regos da cultura renacente e a man da comunidade, moito do que Galiza fora. De canto e como vivira e sufrira, maiormente baixo xugos alleos. E dando a reconstitución un comprimento no que ninguen soñara, pol-a man do mesmo esculcador, tambén os arquivos do pais foron abertos. Tanto nas paxinas de cada entrega semanal, como nos suplementos e anexos da Galicia Diplomática.
Da segunda contribución unha boa mostra se adianta: o Cronicón Iriense, que publicóu no penúltimo núm. do tomo I, traducido ao castelán pol-o colaborador Pedro Rodríguez e Rodríguez.
O percorrido e percacheo da morea documental antiga, toma o primeiro pulo na bisbarra compostelán: o mosteiro de Sar, o arquivo municipal de Sant Iago -«cabeza de este Reino»-, Santa María de Conxo, General de Galiza, San Lorenzo dos Duques, San Martín Pinario, o da Inquisición en Galicia, a Universidade… Despois extendéu o radio a mais alonxados xacimentos escriturarios do pais: ex-mosteiro de Sobrado, catedral de Mondoñedo, de Tuy, Xunta do Reino de Galiza (5.000 documentos), Diputancións da Coruña e Pontevedra, mosteiro de Celanova, etecétera. Tamén foron publicados fondos de outras procedencias que, sin ser galegas, custodian documentación de utilidade para a nosa historia: arquivo de Gijón, da Academia da Historia, etcétera.
Entre os colaboradores de taboa os especialistas en prehistoria tiñan ben comprida representación: Villa-Amil e Castro, Barros Silvelo, Martínez Salazar, Ovilo Otero, Hernández de la Granja… O mesmo historiadores da talla de López Ferreiro, Murguía, Benito F. Alonso… Non e menos brilante, no seu degrau, a representación dos xornalistas: Alfredo Vicenti, Manuel Curros Enríquez, Álvarez de la Braña, Victorino Novo, Ramón Segade Campoamor, Antonio de la Iglesia, Emiliano Balas, Aurelio Ribalta…
A nomina dos poetas podería entestal-a Eduardo Pondal, con Lamas Carvajal, Salvador Golpe e outros. O derradeiro trovador, Juan Rodríguez do Parón deixóu no mesmo recanto os ecos da sua lira. O mesmo que outras musas primitivas, da que cecais a de mais inxel engado sexa unha, descuberta n-un foro do Convento de Celanova:
Pol-o camiño ven un home,
ainda ven lonxe, lonxe, lonxe.
Eu non sei si anda ou si corre,
porque ven lonxe, lonxe, lonxe…
Quén fora galgo,
quén fora páxaro
quén fora vento!
Galicia Diplomática pechóu o tomo I con o testemuño de «varias cédulas reales», nas que a cibdade de Sant Iago «la nombra S.M. capital del Reino de Galicia». O tomo II leva como suplemento un longo «Romancero del Sar», sin firma. O III un apéndice sobre «Insignias y Blasones de Galicia», da autoría de Bernardo Barreiro. Do cal son, a maiores, as notas e outro codice inédito: «LOS CHURRUCHAOS, Guerras de D. Berenguel de Landrove, Arzobispo de Sant Iago». Foi, coma o atrás citado, por Pedro Rodríguez e fai de apenso ao Tomo IV. Cada un componse de cincuenta números.
O mesmo emplazamento ten unha monografía precursora sobre «Las Cruces y los Cruceros». Foi escrita en varios números pol-o mesmo Bernardo Barreiro. Describe unha serie de meio cento de cruceiros, todos da cidade e a bisbarra compostelán. Un estudo -texto sin gravuras-, que se pode ter como o antecedente máis directo de As Cruces de Pedra na Galiza, obra magna de Castelao. Que non deixa de citar a fonte na bibliografía consultada.
ALFAIA NA PECHADURA
Un dos traballos de López Ferreiro, en Galicia Diplomática, adicase as «Memorias de la Reina Gallega Doña Aragonta», do século X. As palabras con que comenza son as que mellor poden poñer remate a este pequeno memorial de urxencia, que adeicamos hoxe ao memorabel emprendimento:
«Pocos pueblos hay tan desgraciados como Galicia en lo que toca a su historia. La larga serie de sus acontecimientos ofrece pocos puntos de partida y está interrumpida por inmensas lagunas. Ni aun cuenta con aquellos descarnados cronicones, que vienen a formar por decirlo así el esqueleto de la historia. Las memorias que se conservan son noticias incompletas esparcidas aquí y acullá, como los restos de un espantoso naufragio».