Oda sen pranto ás cinzas rescatadas
I
Arelas de resflor,
Hoxe remanecida musa nosa
-Daniel desde a nacencia carismado
con óleos de profeta-
esta mañán volvo en achego a ti.
Dobrarán bronces sagros no ar viuvo
a brazo nú tanguidos
desde o Minho arterial a foz do Navia
Sonou ao cabo a data degorada
da restitutio ceneris,
a terra que das chagas convalesce
na restinga das decadas umbricias,
onde ben fora que nos atoparas
desatrelados xa, ceibes e ledos
para o complexo de Cain aversos
remerecentes circios
das libertades porque ti loitabas.
Daniel desde a nacencia carismado
para que teu pasamento se trocara
en revoada dos espiritos.
II
En boas medras eu quixera agora
-Daniel á luz pairal restituído-
nesta polo san Xoán mañá lavada,
con orballo aromado de naisilvas...
que translevar a ti puidera hoxe
as palabras quecidas
na fe do pobo aínda resistente.
As tantas veces por túa voz vibradas,
en tímpanos anónimos
de antes que a paz civil fose esmagada.
Palabras de mensaxe
que xuntos espallamos moitos días
nos adros das parroquias,
desde a escada de pedra dos cruceiros,
por sobrados vilegos...
dunha a outra ribeira de Galiza,
nos ouvídos espertos...
agás para os serodios rechouchíos
dos mandachuvas recuncantes.
Primavera esquecida da que foras
o máis lanzal liaz,
denantes da súa hora deslogrado.
III
Mais agora, Daniel,
-delfin maior dos exiliados nosos-
nesta a deshora hora do retorno,
van de camiño longo xa exauridos
anos de máis do tempo xerminante
que os teus faraldos pretos agoiraran.
Xa eres cinza, Daniel,
aínda que sempre cinza namorada.
Xerme en calada trasremudación
da conciencia na idea.
Cinza asuntiva de valores prestos
a outro vizoso afloramento
que anada tras anada se reínce
no miúdo milagre da semente
para longas labradas no porvir.
Verbo con son eterno propagado
no país a rescatar agora
das servidumes residuais.
Desembargada prenda
a se facer do seu dona e señora.
IV
Con os fíos de ouro da túa vida
e a fulguración da túa obra
nos anais do país restituído
aínda se escribirán,
tras de moitos capítulos de sombra
outros alumeados de esperanza, en románicas letras lapidares,
onde unha auta esgrevia se retrace
do modelo de Patria que soñaras
como Pondal denantes
para o solar “dos bos e xenerosos”.
Soño e bandeira nosos,
que sen se transfundir en realidade
xa de abondo sería
para que o teu ollar atoutiñante
e a túa man sabida,
na cadea sen reixas nin alxemas,
na onda fraternalia dos galegos
sufrintes vellos da orfandá do chan,
unha noite arxentina de xaneiro
no eternal exilio esmoreceras.
V
Teu nome de vocais acoantes
-Daniel varón baril de transparencias-
polos ermos do alén onde navegas...
en volta da túa imaxe
unha coral de razas se convoca.
Cal si de axiña convertido foras,
de paladino estrenuo de Galiza
nun mago para os outros
a nivel semellante marxinados.
Desembruxada plástica social,
da nosa xente pritinado molde
e dos outros trasunto avivecido,
_Coa súa cor enfornados,
e o seu cadril balsante pel e ritmo..._
no obradoiro do mesmo Paradiso.
Labregos no zoar dos milleirais,
mariñeiros de mares repartidos,
matroas parideiras de emigrantes,
sanguixolas do Fisco umbilicado,
prisioneiros e mártires de Marte
Pretos de Harlem, guaxiros de Cuba,
chineses de matute na Manhatan,
gauchos de pinfo e poncho pola Pampa.
IV
Unha resaca negra de saudade,
do baleiro que deixas,
desde nontronte abala a Chacarita.
Tingue de dor as pedras tumulares
polos cinceles de Asorey labradas,
onde, Daniel,
gañada a pito tiñas
tua máis delongada residencia.
Rianxo de ultramundo!
Morada sen morar dunha Galiza
ciscada por espazos emprestados.
Dez anos de vivencia convivida
en comuñón belixerante.
E trinta e catro máis de conmorencia.
A suma dos teus restos,
noso Daniel por Bonaval gañados,
cómpre que a Patria nosa faga hoxe
reasunción de cinzas asociadas.
As que todos aqueles
que as túas soidades compartiron
e contigo loitaron de mans dadas.
Galiza tamén vive dos seus mortos.
[Pousa Nova do Mar, san Xoán, 1984]
Valentín Paz-Andrade quixo recibir as cinzas de Castelao ao panteón de galegos ilustres cun poema, unha oda publicada no Faro de Vigo o 28 de xuño de 1984.