A nosa definición autonomista
DUAS VOCES E DOUS CAMIÑOS
Señoras miñas, Señores:
Voces verdadeiramente auténticas de Galicia, das que reollen e sinfonizan na gama dos seus bariles acordes, os latexos mais intimos das entranas da raza e os recendos mais enxebres e quentes da Terra, pódese decir que hoxe despecharon eiquí, a surdia, lumiosa alborada do noso porvir.
No verbo fluente e cintilante do Ramón Otero Pedrayo, treme a y-alma lírica de Galica, fecunda pola historia, arrolada pol-a leenda, debullándose en cantigas pol-os soutos e os camiños da paisaxe, e coutada agora na ensoñación do Día grorioso, en que se han de cumprir as profecías dos bardos e se han de realizar as arelas dos loitadores.
Na palabra xenial do Castelao, coma nas liñas máxicas dos seus dibuxos, adiquire perfiles plásticos a y-alma dramática de Galicia, a cida escura do pobo asoballado, o espírito esquecido da lei do seu propio ser, que loita por atopar no mundo a arte da sua propia expresión e o seu acento orixinal.
Mais compre agora que se deixe ouvir, aínda que desmadeixada e probe pol-a cativa calidade do seu intérprete, a voz do pensamento galego, o eco humilde das cavilacións sereas e xenerosas nos destiños inmediatos da Terra, conxugadas coas inquietudes que esta hora hestórica e solemne, ten de provocar no ánimo de todol-os homes conscientes d-un país, que sinte abrirse diante de sí, coma os términos do dilema de Hamlet, estes dous camiños: O da etrerna sevidume, ou o da proisima liberdade; o da permanenre descalificación civil, ou o da decencia dibdadan reconquerida e trunfante; o do sometemento á sistemas e reximes incompatibles co-a sua Natureza e a sua prosperidade, ou o da emancipación salvadora, que faga de Galicia, en vez d-unha terra encilecida e despreciada, unha rexión rica e culta, poboada por homes libres. (Aprausos)
SETE ANOS XORDA, MUDA, CEGA...
¡Primeiro Día de Galicia, que celebramos trás da Dictadura! Hoxe fala a nosa Terra, despois de vivir sete anos xorda, sete anos muda, sete anos cega.
Xorda, hasta esquecerse de si mesma, do seu idioma esgrevio e amoroso, proscrito coma todo intento de reivindicación rexional; pro xorda tamén, pra non avergonzarse ouvindo o coro das rendidas adulacións, que outros anos, por estes mesmos días, os asistentes de americana ofrecía á cantos entorchados, ebrios de mando, paseaban por Galicia a sua tratral fachenda.
Muda, porque nin siquera nos concellos expresóu seu sentir, suas arelas o pobo, e cando aínda quedaba na prensa un baluarte inconquistable, refuxio derradeiro dos loitadores xenerosos pol-a terra e pol-a liberdade, houberon de encañonarse contra él, hasta esborrallal-o en forza de multas, suspensión i- encarcelamentos, as artillerías dos gobernos de provincia, militares e civiles. (Aprausos).
E cega, cega pra non ollar o contraste irritante d-unha España relaxada dende o poder na mais escandalosa orxía d-ouro, mentras, por outra banda, solo á conta de Galicia as caixas do Estado facían economías. E así, un día nos arrincaban de Sant-Yago a Escola de Veterinaria, outro día as Escolas de Náutica e as granxas agrícolas, hoxe se nos denegaba o Ferrocarril Central Galego e mañán decretábanse, pra deixar tolleita unha rexión sen camiños de ferro as escrusivas por carreteira, ou se impedía, por protexer os trigueiros, a libre entrada do millo, coma se os nosos dous milláns de labregos non tiveran direito siquera, á comer no seu xusto precio un anaco de broa miserable. (Aprausos).
Xorda, muda, cega e aínda despois, botada pol-o chán a Ditadura, cando Galicia coidaba recobrar os seus sentidos, a voz da sua gorxa e a lus dos seus ollos, tivo que os empregar desesperadamente en defender o único legado considerabre herdado d-aquel réxime, o ferrocarril Zamora – Cruña, disputado á Galicia mentras que á ningunha rexión de España se lle regateóu un kilómetro de vía, nin se lle demoróu un prazo da construcción (Aprausos).
A DICTADURA E OS VELLOS POLITECOS
Mais, ¿non foi ese rexime nefando- rexime do desenfreno par-os ricos e d-agobio par-os probes, rexime de asoballamento par-as arelas espiritoales e de relaxo par-os mais baixos apetitos -non foi ese rexime acollido con aprauso e saudado con cúbilo pol-a nación española? Eso din, buscando unha xustificación enganosa, os que foron botados da gobernación do país, pol-o couce displicente do dictador.
Compre saír ó paso d-ese sofisma, c-o que pretenden cohonestar a sua triste desaprensión, os que agora están de novo convertidos en acólitas serciles, da mesma maxestá que os repudiara denantes. Porque España non recibéu con ledicia o adveñimento ó poder do réxime dictatorial. Se tal fixera, habíamos de confesar que era, un país consubstancial co-a servidume. (Aprausos).
España reloucóu de contenta, por se ver libre -aínda que fora pra ensayar unha sustitución recusable- d-esas mesmas oligarquias que hoxe agardan, solertes e traicioeiras, a ocasión de volver ó asalto dos feudos, de onde foron decepadas pol-a folla vingadora d-unha espada arrogante. No 1923 España refolgóu a gusto un instante, por se sintir ceiba, destrabada da opresión caciquil, da praga de polítecos caducos, co-a sua crásica colección de xenros, fillos, muñidores e pasantes, que na escala zoolóxica da política integran a crasificación dos parásitos comensales. (Aprausos). Eses mesmos que agora andan xa facéndolle o amor ôs distritos, e mentras non chega a hora das enchentes presupuestarias, vanse axudando co-as bicocas dos Monopolios e os Paritarios, as alcaldías e as diputacións retribuídas, e cantas prebendas deixóu como apetitosos despoxos a Dictadura que maldixeran, os que están prontos a reencarnala. (Aprausos).
Esa Dictadura contra â que eles nada intentaron, senon foi a apuntalal-a co-a sua cobardía, co-a sua abstención, co-a sua entrega pasiva e rebañega âs veleidades e os caprichos da tiranía. (Aprausos).
Galegos: pol-a dinidade de Galicia e de España, pol-o que temos de homes libres, pronunciémonos solememente, facendo este xuramento ante o altar da Terra, contra os cellos polítecos que trouxeron a Dictadura e contra a Dictadura que non fixo imposible o retorno dos vellos polítecos. (Longa ovación).
A IMPOTENCIA DO REXIME PROVINCIAL
Pro non chega con repudiar as persoas; non abonda con residenciar á uns pra instalar á outros, que, o día de mañán, poidan recair nos pecados combatidos. No renovamento han d-entrar os homes e as fórmulas, as xentes e os sitemas. E coma primeiro obxetivo, un apremio hestórico ven postulando a modificación da estructura adeministrativa, política i-espiritual d-España, no senso de acomodal-a âs realidades vivas do país, ao que un xenial meditador de Castela, Xosé Ortega Gasset, chamou “discontinuidades cualitativas”, “confins interiores”, que cristalizan e se incorporan nas variedades rexionales.
España é hoxe un mosaico adeministrativo, retallado en medio cento de provincias, tan irreal, tan artificioso e tan frío com-os mosaicos cerámicos. As provincias, herdando este nome das divisións militares romanas, non podían ser outra cousa que os apararosos, valeiros tinglados do cesarismo centralista. Hasta poideramos decir que as cabezas visibles das provincias foron moitas veces pretores, con un nome mais civil; pretores que algunha vez sintiron a saudade do triclinio de Heliogabalo, e outras convertiron o chan alfombrado do seu despacho oficial en pista de gladiadores. (Aprausos).
Do fracaso do rexime provincial, falan os feitos c-unha elocuencia insuperable. Endexamais as diputacións tiveron tanta amplitude de funcións e tanta folgura de meios económicos, coma dende que a Dictadura compuxo e promulgóu ese torpe enxendro lexislativo, que se chama Estatuto Provincial. Pois a súa laboura sigue sendo tan probe e de tan curtos alcances, coma nos mellores tempos do rexime anterior.
Cando unha diputación quixo desempeñar as suas xenuínas atencións de beneficencia, e prestarll-a a os tolos, os xordomudos, os cegos, os leprosos, etc. Da provincia confiadosâ sua tutela, topóuse na imposibilidade de comprir isoladamente esa elemental finalidade. E houbo de reclamar o apoio das demais diputacións galegas, pra pensar en facer un Manicomio rexional, un Colexio rexional de xordomudos e cegos, unha Leproeiría rexional, etc. ¿Non é esta unha confesión paladina que o rexime de provincias non responde âs necesidades, cada día máis complexas, dos pobos adeministrados? ¿Pódese amostrar mais forte argumento en pró da constitución da mancomunidade, ou, mellor, de que Galicia debe rexirse por unha Diputación Única, que asuma o poder rexional. (Aprausos).
Pois lembrádevos de que o probrema de beneficencia púbrica mais tráxico de Galicia, aínda está por desfrorar. Na nosa Terra, según as estadísticas morren vintecatro tísicos cada vintecatro horas, un en cada hora do día. As duas terceiras partes d-ese númaro son xentes probes, sen recursos pra unha curación eficaz. A inmensa mayoría deles morren, porque as diputacións galegas aínda non foron d'abondo pra levantar, a os aires purísimos d-unha montana céltiga, un sanatorio siquera pra tuberculosos probes. (Aprausos).
A impotencia do réxime provincial é hasta unha ameaza pra nosa saúde e pra nosa vida.
O CESARISMO CENTRALISTA
Decíavos que a orgaización adeministrativa provincial, viña á ser o tinglado do cesarismo centralista. España é hoxe un país tan dominado pol-a obsesión centrípeta que ten hasta o dereito á respirar hipotecado á Madrí.
O centralismo é unha organización incompatible con todo rexime democrático; pos ten condición de ser unha supervivencia do absolutismo. Ë o absolutismo exercido sobre os órgaos internos e os seitores vivos da nación caracterizándose pol-o imperio do “balduque” e da “covachuela” crásica que estrucha e aniquila todol-os pulos da espontaneidade nacional. (Aprausos).
España padece d-un mal que eu chamei n-outra ocasión “o narcisismo do ombrigo” do ombrigo d-España, que non é outro, senon o seco e conxestionado ombrigo do páramo. Os intreses colectivos e os probremas xenerales que extravasan o circo umbilical, son intreses que non intresan, son intreses e probremas ô marxe. Dixérase que España existe pra Madrí en lugar de Madrí existir para España.
O DESPERTAMENTO XENERAL DOS REXIONALISMOS IBÉRICOS
Estas premisas ideolíxicas i hestóricas exprican os dous grandes movimentos polítecos que se rexistran en España â hora presente: un que pugna por mudar a forma de Goberno; outro que loita por trocar a forma do Estado, pra moldear de novo a que puderamos chamar anatomía constitucional de España.
Asistimos hoxe á un prodicioso despertamento xeneral dos rexionalismos ibéricos. As rexións españolas, como obedecendo á un conxuro, rexurden da tumba onde estaban oficialmente amortalladas e dispóñense á recadar o dereito á rexirse por sí mesmas, á manumitirse do centralismo abafante, e á reivindicar a sua persoalidade de política e adeministrativa, a sua fala e as suas institucións xurídicas tradicioales. Endexamais, dende fai catro séculos, dende que a man de ferro dos Reis Católicos despoxóu de libertades os antigos reinos, se produxo fenómeno semellante na vida española.
Primeiro, Cataluña, irmán maior, percursora na xesta emancipadora, solar da nova cultura grecolatina, que esmorecida nas riberas groriosas do Helada e do Tiber, reflorece a o cabo de dous milenios nas beiras do Llobregar, falando o idioma de Ramón Lull. Cataluña anda agora, como froito d-unha intelixencia antre todol-os seus sectores e forzas polítecas, a compoñer o Estaturo que haberán de sancionar as prousimas Cortes, como carta magna da autonomía catalana.
Pero tamén pol-as vertentes central e occidental do Pirineo, baixan en riada vigorsa car'a Meseta, as arelas rexionalistas. Aragón ergue o branco estandarte abatido dende a execución do seu Xusticia maior Juan de Lanuza, como enseña do novo movimento aragonesista.
E ô mesmo tempo, os efectivos políticos todos de Navarra e Vasconia, non satisfeitos c'un rexime de concerto económico suxeto ás veleidades da políteca central, alíanse pra reconquerir a plenitude do rexime foral, que outro tempo gozaran aquelas provincias.
Os ventos de Levante tránnos os clamores das “xermanías” de hoxe, pois a quentura d-ese gran fogar do esprito valencianista que se chama “Lo Rat Penat”, transfórmase en formento d-unha puxante reacción rexionalista.
E Andalucía comenza á superar o flamenquismo. O verbo de Gastalvé e a pluma de Blas Infante, convirtense en guías do andalucismo, que ha de entroncar o porvir da rexión meridional de España, c-os antigos exprendedores da Bética de Séneca, da Bética de Averroes.
Asturias apréstase tamén á defender a reivindicación da sua persoalidade, ben merecente de ter algunha outra prerrogativa, que a de decorar o membrete dos Príncipes. (Aprausos).
Pero aínda faltaba Castela, a Castela libertaria de Villalar, que tamén se sinte víctima propiciatoria do pulpo centralista, enroscado n-un dos seus outeiros aspérrimos.
En Salamanca, en Burgos, en Valladolid artigúlase hoxe a cruzada de “Acción Castellana”, que ven á ser a correspondencia central dos movimentos autonomistas da periferia. (Aprausos).
OS IDEALES DO AUTONOMISMO GALEGO
¿E Galicia? Tamén par'a nosa Terra, galegos, chegou a hora do desperamento. D-aquel sono de morte, en que o poeta Añón a vira debruzada, Galicia escomenza agora á espreguizarse vigorosa.
Datan de fai quince anos, os primeiros vaxidos das ideas autonomistas en Galicia. Foi estonces cando prencipióu á dar froitos vizosos, na literatura e no arte, na cencia e no xornalismo, a semente dos Precursores. Hoxe o pensamento galeguista, as arelas revindicatorias da personalidade rexional, entraron n-ese crítico intre biolóxico en que as imprecacións dos bardos e as teorías dos pensadores, se incorporan e trasfunden na conciencia políteca da masa. As lucubracións de gabinete, están adequirindo a forte envergadura dos principios ideolóxicos que se debaten no balbordo do ágora.
E un movimento que, nos comenzos, moitos coidaron extravío inelegante de intelectuales, ven á ser hoxe a mais forte e pura afirmación de rebeldía que se levanta en Galicia, e que vai gañando, hora por hora, no agro e nas cibdades, o arraigo e a fé que solo consigue unha políteca, cando é, mais que eso, unha verdadeira relixión cívica. (Aprausos).
Nos vimos a construir unha nova Galicia autónoma, señora de sí misma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente. Levando os principios democráticos â sua mais radical manifestación, arelamos que o pobo galego entenda directamente nos seus probremas, sen intromisión de quen alleo á eles, os resolve sen conocel-os, sen sintil-os, sen vivil-os, como poidera resolver os probremas do Congo. (Aprausos).
Pero un rexime d-autonomía integral, que non sexa unha gracia gobernativa, senón unha forma xurídica recoñecida no Código fondamental do Estado. Unha autonomía rexional asentada na municipal, con dereito ô uso da nosa fala, inxustamente desterrada das escolas e das cátedras de ensiñanzas superiores; conigualdá de dereitos par-a muller e o home, adoptando o sistema electoral da representación acumulativa ou proporcional, con veto expreso contr-a elexibilidá dos que non traballan, pois quen non renda á sociedade unha función útil non ten dereito a represental-a; coa terra libre de gravames, pr-os que a traballan, tendendo á remediar a escesiva subdivisión das leiras, á decrarar inembargables aquelas que o labrador precisa pra sua mantenza e precura pol-a sua man, á eximir da contribución urbana as miserentas chouzas en que viven moitos dos nosos labregos, a supresión do imposto de cédulas, á que se reconozca o dereito de retracto á favor do arrendatario e o aparceiro, a libre importación do millo e de canto precise a agricultura galega, a revisión da lexislación e da actuación foral da Dictadura... En fin o autonomismo galego presenta no seu programa solución a os probremas económicos de Galicia, preferentemente agrarios, que aínda non foron hasta hoxe debidamente defendidos (Aprausos). Y é que, en remate de contas, nós defendemos o que todos vós sentides. No autonomismo galego estructúrase de xeito sistemático o que a xeneralidade dos galegos conscentes anséa par-a sua Terra, de xeito vago e difuso.
AUTONOMISMO E INTERNACIONALISMO
Antes de poñer remate âs miñas palabras, hei de me facer cargo d-un prexuicio que trata de nos colocar ôs autonomistas, de costas âs correntes máis avanzadas do moderno internacionalismo. Non falla quen nos acusa, de pretender encerrar en fronteiras infranqueables a nosa Terra, cando precisamente tratamos de a reincorporar á Europa.
Nunca Galicia foi mais podeirosa como unidade autónoma, que foi coma un verdadeiro Presidente de república galega, e nunca tampouco foi máis europea; posto que o camiño francés, como reconoceu fai pouco Paul Claudel, fixo de Compostela o meridiano espiritual e cultural do Occidente. (Aprausos).
Así coma na políteca nacional eu señalaba denantes a existencia de dous movimentos coetáneos, un tendente á renovar, á democratizar a forma de Goberno e outro tendente á trocar a estructura do Estado, tamén na políteca xeneral do mundo advírtense â hora d-hoxe suas tendencias características da nosa época:
D-un lado, as ansias de chegar ô superestado, a unha entente internacional de todol-os pobos. Briand proieuta os Estados Unidos de Europa. Wilson maxina a Sociedade das Nacións e fúndanse en Ginebra, a Cámara do Comercio Internacional, a Oficina Internacional de Cooperación Intelectal, etc.
D-outro lado, as reivindicacións nacionalistas nunca se manifestaron en Europa, Asia e América con tanta puxanza como agora. ¿Quén pode negar que Sandino e Masaryck, De Valerra e Gandhi, libertadores de Nicaragua e Checoeslovaquia, de Irlanda e da India, son figuras epónimas tal vez as mais groriosas do noso tempo? (Aprausos).
Y en canto ô exempro dos grandes pobos, ¿Que son os Estados Unidos, senón unha Confederación de 48 rexións, políticamente independientes? E buscando o antípoda d-esa república capitalista ¿como pode esquecerse que a Unión Soviética está constituída encol de bases análogas, e que hoxe se ensiñan oficialmente nas duas Rusisa mais de tescentos idiomas diferentes, prohibidos no tempo dos zares?
Unha e outra corriente internacional, a que pugna pol-a entente superestatal e a que estimula o rexurdimenro dos particularismos étnicos, lonxe de ser contradictorias, converxen ô mesmo fin: a supresión das fronteiras fiscales de xeito que non haya paises escravizados económicamente por outros e a reducción dos exércitos, á fin de instaurar a pas e a liberdadede permanentes na humanidade, ideal que endexamais se poderaá realizar, mentras uns pobos vivan de asoballar á outros.
Pois esa cobiza universalista, -como vos decía Castelao- ese outro sentido humano, ven a ser un dos atributos ideolóxicos con que o autonomismo galego se define, se honra. (Aprausos).
VERBAS ÔS HOMES SEN FÉ
Quero que as miñas verbas derradeiras vaian dereitas á chantarse na concencia dos desilusionados, dos homes sen fé, dos que non profesan ningunha idealidade. España é o único país d-Europa onde aínda hai xentes que confesan sen rubor o seu indiferentismo político.
Pois á os que observan sistemáticametne esa conducta de nugalla inhibitoria, a os que botan enriba de sí o estigma d-esa vountaria interdicción civil, temos que denuncialos pol-a responsabilidade que contraen co-a Terra. Eles son cómplices conscentes, aínda que por omisión, de todol-os que a aldraxan, de todol-os que a traicionan, de todol-os que a teñen aferrollada. (Aprausos).
Estamos na hora da loita. Ser ou non ser, é o dilema. E os que se neguen á axudar dende a esfera do seu valimento a causa da redención de Galicia, que é nosa tanto como d eles, merecen ser resellados na categoría desleal dos “emboscados”.
Pra todos hai un posto nas milicias cívicas da galeguidade, mais os mozos non poden, menos que ninguén, esquecer que o seu deber está eiquí, porque o alento vigoroso e rebelde da xuventude ha de sel-a tónica das xornadas groriosas que se aveciñan.
N-elas tampouco pode faltar a muller. Nós queremos que as nosas compañeiras, aspiren á merecer unha ademiración mais duradeira, que a que en nos despertan pol-a sua xentileza e pol-a sua fermosura. Queremos que elas endexamais podan chegar a ser un lastre morto par-os ideales do home, pois que tamén os deben compartir e defender, identificadas con eles cordialmente. (Aprausos).
¡EN PÉ...!
Este Día, vigueses, abre unha era nova par-os destiños da Pátrea galega. Endexamais se diga de nós, que somos “almas rendidas”. Endexamais volva a ser Galicia territorio colonizado pol-as taifas electoreiras das vellas oligocracias. Fagamos do berro “Terra e Libertade” o noso lema redentor. Galegos, vigueses, Galicia reclama a axuda de todos. E respondendo â chamada do poeta que hoxe nos preside,
“En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
cantemol-o dereito
â libre, nova vida.
¡ô redor da bandeira azul e branca,
ô redor da bandeira de Galicia!”
Cramorosa ovación, que se alonga durante varios minutos. Vivas a Galicia).
Discurso do mitin pronunciado no Teatro García Barbón o 25 de xullo de 1930. O discurso de Valentín estivo acompañado polo de Castelao "O galeguismo no arte" e o de Otero Pedrayo "Asiñificación espiritoal do Día da Galiza" Volumen I de Edicións do "Grupo Autonomista Galego". Vigo. 1930.