Valentín Paz Andrade
Autor: Cipriano Jiménez Casas
Data de publicación: 1997, maio, 26.
Medio: Faro de Vigo
“O abrigo dun gran porto xurdira unha gran cidade”. Así pronosticaba en 1919 Eduardo Cabello Ebrentz o futuro de Vigo. Efectivamente o porto vigués nas súas dimensións pesqueira, comercial e de pasaxeiros foi indiscutiblemente o motor fundamental do crecemento da nosa cidade. Pola súa situación, calado e abrigo é considerado históricamente como un dos mellores portos do Atlántico. Un porto e un mar cantado por poetas e trovadores como Martín Codax e Meendinho.
O porto de Vigo é o eixo onde se inicia o despegue do desenvolvemento industrial parello á dimensión social e cultural. A popularmente chamada Mala Real Inglesa e o Cable Inglés foron compañías, entre outras, que axiña se percataron das extraordinarias condicións xeográficas e operativas da ría e porto olívicos.
Vigo e a súa área metropolitana que están a pasar un proceso recesivo e preocupante do seu tecido industrial estes últimos anos, ten que recuperar a fe no seu porto e por extensión no seu mar. O vello mariñeiro O Rifante de Castelao transmitíalle ó seu fillo cando este lle conta que o aparello quedara trabado nunhas pedras: “Non teñas medo, Ramón, o mar levouno, o mar dará para outro”. Vigo fíxose e vaise facendo a carón do mar, e o seu futuro pasa por recuperalo en tódolos eidos dende os industriais ata os deportivos pasando pola recuperación ecolóxica e o lecer.
O atraso económico de Galiza de X.M. Beiras e a Marxinación de Galiza de Valentín Paz-Andrade seguen a condicionar o noso pobo. Vigo e a súa comarca como pensaba Valentín Paz-Andrade han de ser guieiro e referencia, con forza e sen complexos, do desenvolvemento armónico e integral de Galiza. Aínda en 1997 estamos á espera de que as autovías e circunvalacións se conclúan. Parece actualidade o que Castelao escribía en 1937: “as vías de transporte lixeiras e baratas permitirán que toda Hespaña como peixe fresco”. Estamos á espera.
Relendo a obra de Valentín Paz-Andrade ó longo dunha vida tan dilatada e a piques de que “tantos chumbos procuraron quitarllela”, destacan, entre outros temas, a súa preocupación polo mundo da pesca, chegando a ser o primeiro experto español na FAO, con misións de asesoramento en países latinoamericanos. No seu libro A Marxinación de Galiza e facendo alusión ó mar e maila pesca Valentín Paz-Andrade comenta: “o primitivismo e a penuria social seguen adheridos á estructura agraria, en cambio os sendeiros líquidos achegaron o país ó progreso e á prosperidade”. “En contraposición ó mundo agrario -continúa Valentín Paz-Andrade- o desenvolvemento das flotas pesqueiras, a experiencia e capacidade dos nosos mariñeiros, recoñecidos en tódolos mares do mundo, as factorías de transformación e organizacións subsidarias, como os estaleiros, fundicións metalúrxicas, cordelerías, fábricas de pintura, cartonaxes, etc. supuxeron a evolución lóxica e natural do que debe ser unha industria ben asentada en consonancia ca realidade social e cultural dunha comunidade como a nosa”.
A dimension profesional e intelectual dunha personalidade tan polifacética como a de Valentín Paz-Andrade son merecentes dunha análise da súa vida e obra que a Asociaçom Galega da Lingua promove un homenaxe, certamente merecido, por motivo de se cumprir o décimo aniversario do seu pasamento.
Valentín Paz-Andrade, avogado, economista, xornalista, escritor, poeta e político, en frase de Lorenzo Varela “é un dos grandes expoñentes máis firme da galeguidade”. Nacido en Pontevedra en 1899, foi un dos fundadores do Partido Galeguista xunto con Castelao colaborando na redacción do Proxecto do Estatudo de Galiza con Luís Tobío e Carbalho Calero. Dende 1922 ata 1926 dirixe o xornal Galicia de Vigo, no que colabora tamén Castelao e dende 1927 dirixíu a revista Industrias Pesqueras hoxe nas mans do seu fillo Alfonso. Membro do Consello Superior de Investigacións Científicas, do Centro Cultural e Social Luso-Galaico de Vigo e da Real Academia Galega, Valentín Paz-Andrade deixounos unha obra importante que vai dende a economía ata o ensaio e mesmamente e poesía.
Pero eu recoméndolles a obra cumbre de Valentín Paz-Andrade; Castelao na Luz e na Sombra (Edicións do Castro), onde poderán atopar unha documentación fundamental para a historia contemporánea de Galiza.
Tal como aparece no Espistolado de Charo Portela e Isaac Díaz Pado que ven de sair do prelo: “Para Valentín Paz-Andrade a empresa era toda Galiza”.