Valentín era un ferrote
Autor: Alfonso Álvarez Gándara
Data de publicación: 1987, maio, 21.
Medio: La Voz de Galicia
Chámame un periodista para que dicte unhas palabras apresuradas sobre de Valentín Paz-Andrade. Dígollas, pero quedo un poco frustrado porque, coa premua, non dou atopada a definición que tiña no fondo da alma. Valentín era un líder, sí; un educador de moitedumes, sí; un dirixente para un pobo; pero faltábame por decir que era... un ferrote.
Como ferrote, tiña o carisma da lonxevidade. Estaba feito da madeira de Salvador de Madariaga, de Picasso, de Pau Casals, de Menéndez Pidal. Houbo unha xeneración de homes, os que fundaron o Partido Galeguista, que eran todo humanidade e humanismo. Valentín participaba daquel espíritu de selección cultural.
Na súa proxección literaria, era moito máis que un “dilettante”. Pero logo, ou mesmo, antes, viña a súa personalidade profisional de xurista.
Valentiín Chegou a Vigo cando prácticamete había dous abogados: Espino e Villamarín. Con el foron tres. O destacable foi a súa autoridade para se impor decontado naquela primeira fileira.
Para todo o planeta do galeguismo, coas dúas orelas atlánticas, Paz Andrade era simple e antonomasticamente:Valentín. Como Ramón Gómez de la Serna era, simple e pletóricamente, Ramón.
O Valentín político é todo un caso de estoicismo. Valentín, nos convulsos últimos tempos da República, non fuxe dos disparos anarquistas, máis ben: encaixaos, asimílaos, recéveos con un aquel de superioridade.
Na guerra, desterrado en Verín, cando acode a tirotealo unha escuadra de falanxistas – algún de ilustre apelido- a saida de Valentín é máis un éxito, un esvairse polo foro, unha fuxida.
Os alardes de frialdade de Valentín diante do perigo, teñen innegable parentesco co seu sincero desdén polo adversario e penso que son astelas da súa madeira de dirixente.
Valentín levaba as balas dentro - que eu llas vin en radiografías – como quen leva un souvenir. Supoño que levaría igual de pacíficamente afincados os efetos de tantos amigos, o inmenso caudal de experiencias dos seus fecundos anos de vello petrucial e perenne. A súa formación de economista profisional é o resultado duns madrugóns homéricos.
Valentín impúxose o estudo da Economía no apoxeo da súa actividade como abogado e sen descoidar, por exemplo, a súa vertente de poeta. Eses estudos de madrugada son rigorosamente coetáneos co seu libro de poemas “Pranto matricial”
No plano político, hai un servicio penúltimo de Valentín, do que non se ten falado abondo. A súa participación na Junta Democrática de Galiza, que o leva logo – en razón da súa destacada personalidade – a integrar a Comisión dos Nove, onde se formula a transición do franquismo ao Estado democrático.
Paréceme máis destacado, pola súa propia natureza e máis pola maneira de desempeñalo, que o servizo – si se quere, último – do seu cárrego de senador elexido por votación popular, no 77.
Agora, o noso Valentín é tamén un símbolo, un paradigma de capacidade de traballo e de consecuencia de traballo e de consecuencia, un ferrote, un carballo terne e difícil de rachar, un xornalista moderno, todo un xurista, un dirixente.
E tamén hai que decir, sen que isto embace a nosa admiración, que alguén lle faltou espírito de equipo – se cadra ao propio Valentín, se cadra a outros – para aproveitar como era debido as súas inmensas potencias políticas.