Redescubrir a Valentín Paz-Andrade, sen prexuízos
Autor: Manuel López Foxo
Data de publicación: 22/5/2012
Medio: Terra e tempo
Con demasiada frecuencia a disputa polo espazo político e a propia dialéctica das estratexias políticas partidarias, incluso a falta de ponderación á hora de xulgar determinadas figuras do nacionalismo, levounos a moitos e moitas de nós a estar en momentos decisivos en trincheiras contrarias, nun combate inútil para o futuro da nosa nación, mesmo non exento de estreiteza política e de descualificacións persoais cargadas de crueldade humana, onde o que menos brillou foi a fraternidade e a beleza da palabra. E non pasou unha vez. Sucedeu en moitos momentos históricos, tendo incluso como protagonistas a moi destacadas personalidades. E non só acontece isto no terreo da acción política. Que a figura de don Ricardo Carvalho Calero siga aínda desterrada da cultura galega e dunha Real Academia Galega que preside Xosé Luís Méndez Ferrín é a demostración máis evidente de que tamén no eido da cultura habita e florece esta miseria da que non nos damos liberado.
Eu, por exemplo, lamento non ter sido formado politicamente no aprecio por todas aquelas personalidades que traballaron activamente por Galiza desde posicións diferentes ás do nacionalismo actual, como foi o caso de Valentín Paz-Andrade. Se sentín desde sempre un gran respecto pola súa figura, e mesmo admiración, foi polo coñecemento que cheguei a ter da súa traxectoria política, humana e intelectual a partir de certas lecturas que ninguén me recomendou, as primeiras, por certo, aos meus dezasete anos. E creo que iso é moi triste, porque calquera nacionalista debería coñecer con profundidade a biografía e a obra de Valentín Paz-Andrade. Que moitas e moitos de nós esteamos a descubrir e a valorar aínda agora a súa personalidade e o seu traballo a prol do país non deixa de ser outra evidencia desa pobreza intelectual e política que nos impide enriquecer a nosa mente coa luz que irradian outras cabezas de ideas e sensibilidades non plenamente coincidentes coas nosas. Valentín Paz-Andrade amou Galiza como calquera de nós e o futuro do país foi para el a súa preocupación permanente. Podemos ser críticos coa súa postura ideolóxica e coa súa traxectoria política en determinados momentos, mais ninguén lle pode negar a Paz-Andrade a súa lealdade a Castelao ao longo de toda a súa vida e o seu compromiso firme e afervoado co destino da patria galega.
Creo que ten razón Xan Carballa cando di na súa Biografía de Valentín Paz Andrade que “Pasados máis de trinta anos asalta a dúbida de se Galiza desaproveitou a oportunidade de ter en primeira fila política a unha persoa que enlazaba coa tradición do galeguismo republicano, mesmo se non sería Paz-Andrade idóneo para presidir os primeiros pasos pre-autonómicos, unha sorte de Josep Tarradellas galego”. Eu non teño a menor dúbida de que o país perdeu nese momento histórico unha oportunidade coa ausencia de Paz-Andrade nos primeiros pasos da autonomía galega, igual que perdeu Galiza a posibilidade de protagonizar outro papel na súa historia política máis recente co fracaso electoral do nacionalismo galego nas eleccións do 77 e do 79. Naquel contexto histórico, tan adverso para nós, Galiza precisaba o nacionalismo organizado e precisaba tamén de figuras como Valentín Paz-Andrade. Tiña daquela don Valentín 79 anos e cavilou que se quedaba na casa e renunciaba á loita, Galiza podería ter un soldado menos nas trincheiras do noso porvir. E implicouse como non o fixeron outras personalidades, nunha estratexia, certamente, que o nacionalismo galego non compartía, mais que encaixaba perfectamente co pensamento dun nacionalista que sempre considerou que a política era “práctica, negociación, discusións e saber aproveitar as oportunidades”. Aquela experiencia, tan ilusionante para el ao comezo, deixaríalle logo un pouso amargo que o levaría co paso do tempo á frustración e ao desengano. Pero ninguén pode dicir que Paz-Andrade contemplou o tempo da transición política desde o seu despacho, desde a comodidade de quen ve pasar a historia a través da televisión ou das páxinas do xornal. Sempre foi un home de compromiso e de acción, que nunca deixou de soñar e de loitar por outro futuro para a súa Terra: A vida virá sempre a sucos novos / para se facer fecunda / no grao de cada espiga.
Valentín Paz-Andrade endexamais renunciou ao soño dunha Galiza dona de seu, “señora de si mesma”, como el dicía, aínda que moitos dos seus soños foran esnaquizados ao longo da súa vida: o peche prematuro do diario Galicia, o roubo dunha saca de votos que impediu que acadara acta de deputado con Castelao e Otero Pedrayo nas cortes constituíntes de 1931, a frustración do Estado Federal nos tempos da República, o desterro de Castelao e de Alexandre Bóveda durante o bienio negro, o fracaso da candidatura de Portela Valladares, na que el se implicou como candidato, o drama da guerra, a morte de Bóveda, o exilio de Castelao, o seu propio desterro, a represión, a negativa de Ramón Piñeiro a reorganizar o Partido Galeguista no inicio da transición, o fracaso da reforma política e do proceso autonómico...
Talvez un dos seus últimos soños esnaquizados foi contemplar con indignación contida e con enorme tristeza desde as escaleiras de Santo Domingos de Bonaval o regreso dos restos de Castelao entre cargas policiais contra os patriotas galegos. El soñara doutro xeito, xa nos anos cincuenta, no seu Pranto matricial, o retorno do seu máis admirado amigo: ...cando ti volvas polo mare; / de toxo unha fogueira en cada monte; / cando ti volvas polo mare; / dos castros na coroa unha cachela / ... / cando ti volvas polo mare; / un farol mariñeiro en cada dorna, / cando ti volvas polo mare; / veliñas á xanela en cada casa, / cando ti volvas polo mare; / e as pérolas das bágoas derramadas, / cando ti chegues polo mare, / cando ti chegues polo mare, / cando ti chegues polo mare...
Teño a impresión de que o nacionalismo galego, mesmo despois da transición, puido apoiarse en Paz-Andrade máis do que o fixo e de que non sempre o tratamos coa consideración que el merecía como memoria viva do nacionalismo da preguerra, como pioneiro no estudo da situación socio-económica de Galiza e como unha das persoas que mellor coñecía a Castelao, do que nunca deixou de ser o seu máis leal amigo, xunto con don Ramón Otero Pedrayo. Seguramente o camiño que el colleu a mediados dos setenta, implicándose desde 1974 coa Junta Democrática de España e despois coa Táboa Democrática de Galicia, distanciou aínda máis a Paz-Andrade da estratexia do Consello de Forzas Políticas Galegas, na que non encaixaba o seu galeguismo posibilista. Claro que el podería dicir que o que o alonxou de nós foi a posición rupturista que o nacionalismo adoptou, que nos levou incluso a non valorar a súa participación no seo da chamada Comisión Negociadora da Oposición Democrática. En calquera caso, si é certo que tardamos demasiado en recoñecermos a personalidade de Valentín Paz-Andrade, en admirar o seu compromiso e a súa obra, en contarmos coa súa palabra e coa súa presenza na defensa da nosa nación. Cómpre que abracemos a Galiza en toda a súa dimensión, a pluralidade do pensamento no que florece a nosa patria, como si fixemos nos últimos anos con Avelino Pousa Antelo, e antes con Carvalho Calero ou con Jenaro Marinhas del Valle. Liberémonos dunha vez dos prexuízos que nos impiden recoñecer o labor e a obra dos galegos e das galegas que traballaron ou traballan a prol dunha Alba de Groria para o noso país, desde unha ou outra posición política, e alcemos xuntos a bandeira que nos une. Non renunciemos nunca a todo o que nos pode enriquecer como seres humanos e como cidadáns e cidadás deste país. E de Valentín Paz-Andrade temos moito que aprender, moito por descubrir aínda.