Paz Andrade, poeta do bou «Eva»
Autor: Alonso Montero
Data de publicación: 2012, abril, 28
Medio: Suplemento de Culturas da Voz de Galicia
O 23 de abril de 1937, o bou Eva atracado nas augas do Berbés (Vigo), foi escenario, asemade, dunha das infamias e dunha das xestas máis grande que ocasionou a Guerra Civil española. Nese día intentaron fuxir nel, rumbo a un porto da España leal, nove republicanos galegos: dous galeguistas, tres socialistas e catro comunistas, entre eles o matrimonio Ángel Nogueira-Carmen Miguel Agra, a única muller do grupo, de 24 anos. Durante horas xendarmes e falanxistas vigueses procuraron a rendición, ao cabo das cales asolagaron as dependencias do bou desde un alxibe con mangueiras de auga fervendo, instantes nos que os agresores e público escoitaron nove disparos. Sóubose, logo, que un dos fuxitivos (¿Nogueira?) disparou e disparouse. Conscientes de que, se se entregaban, os fusilarían, estaban convencidos tamén de que antes os torturarían sádicamente. Había precedentes. O insólito suceso foi inmortalizado semanas despois por Rafael Dieste nun texto en prosa, «Unha morte lanzal» (Nova Galiza, 15.06.1937).
Paz-Andrade evoca este tráxico feito no libro de conversas con Tucho Calvo (1988) nun capítulo axeitadamente titulado «Automoribundia no Berbés». Por estas páxinas sabemos que Manuel Rodriguez Castelao e Xosé Losada Castelao, curmáns do ilustre artista, ao fuxiren de Rianxo peteron á porta de Don Valentín para que lles procurase un teito seguro. Procurouno na casa dun amigo, Ramiro Isla Couto, que non habitaba, e alí viviron como toupeiras varios meses (Rúa García Barbón, número 72). Fartos, os nove, da angustia de viviren a condición de toupeiras que non sempre era garantía de sobrevivencia, o día 23 de abril ocuparon o bou Eva cun risco que se fixo realidade. Don Valentín, nesta altura, estaba confinado en Verín, circunstancia pola cal: «Fiquei co remorso de que se eu seguise en Vigo, eles non se embarcarían nunha aventura tan arriscada». Cónstame que o Eva -o bou e o tráxico suceso- vai estar moi presente nas cavilacións e na actividade literaria de Paz-Andrade. Cando, bastantes anos despois, o seu fillo Alfonso lle comunica que unha empresa vai desguazar o vello bou, don Valentín pídelle que se faga cunha parte valiosa do barco: é o telegrafo que desde hai anos está «ancorado» diante da porta principal da casa familiar de Samil. Foi don Valentín o autor do primeiro poema en galego sobre a traxedia do bou Eva. Escrito en 1976, titúlase, centrado nos curmáns de Castelao, «Na onda até Rianxo», e foi publicado no libro Cen chaves de sombra, en 1979. No poema, que contén versos autobiográficos, don Valentín conta que os dous rianxeiros encontraron acobillo nel, «acobillo que perderon cando para o desterro fun botado». O poeta engade: «Da nosa luz vivían e ao perdela [...] no bou Eva apresado no Berbés,/ coa cámara chea de escapados,/ voluntarios da morte todos eles / adiantando o seu fín / á auto-execución se condenaron / como Sócrates náuticos.