Paz-Andrade e Alberto Míguez no TOP
Autor: Xesús Alonso Montero
Data de publicación: 2012, marzo, 31
Medio: La Voz de Galicia
Axiña Galicia homenaxeará no Día das Letras Galegas a Valentín Paz-Andrade, unha poderosa e polifacética personalidade. Xa é polifacética a súa condición de escritor na que cómpre salientar ao periodista, ao biógrafo, ao poeta e ao autor de páxinas sobre a norma (máis ou menos lusista) do idioma galego. Pero Paz-Andrade que tamén foi empresario de raíz galega labrou noutros eidos con brillantez, nomeadamente nos da política, nos da economía e nos da avogacía.
Como avogado protagonizou un episodio, en pleno rigor franquista que é xusto e oportuno lembrar. Defendeu no temible TOP (Tribunal de Orden Público) a Alberto Míguez Alvarellos (1941-2009), periodista coruñés acusado do delicto de propaganda ilegal. Alberto Míguez, mozo daquela, era un periodista de pluma intelixente e eficaz, moi interesado pola “cuestión galega”, tanto que, en 1963, o seu nome está, dalgún xeito, entre os creadores do PSG. Coñecedor Isaac Díaz Pardo das súas calidades e inquedanzas, encargoulle un libro sobre Castelao para publicar en Ruedo Ibérico de París, a editorial máis temida polo Réxime e a máis detestada por Manuel Fraga Iribarne, daquela ministro de Información y Turismo (1962-1969). En efecto, en 1965, publícase en París El pensamiento político de Castelao, que consta dun longo estudo preliminar de Míguez e dunha extensa escolma (en edición bilingüe) de textos políticos tomados de Sempre en Galiza (1961). Sabemos polo sumario que foron intervidos trece exemplares do volume “en la Central de Correos, destinados a circular clandestinamente, a los que se les dará el destino legal”
Debo fotocopiar dos once folios do sumario ao historiador José Gómez Alén, que coordinou con Rubén Vega García a monumental monografía Materiales para el estudio de la abogacía antifranquista, que contén en CD, as case catro mil sentenzas que perpetrou o Tribunal contra miles e semiindefensos cidadáns españois. Valentín Paz-Andrade, instado por Isaac Díaz Pardo, foi o avogado defensor de Alberto Míguez, defensor que, polos datos coñecidos, tivo que ser moi eficaz, tanto que a condena de “dos años de prisión menor y multa de cincuenta mil pesetas” se reducira a “seis meses y un día y multa de diez mil pesetas”.
No sumario lemos que Alberto Míguez, apoiado en textos de Castelao “ataca la unidad de la nación española y promueve actividades separatistas”. Facía falta o prestixio e toda a pericia do avogado don Valentín para matizar ou mitigar acusacións tan graves. Cómpre engadir que Alberto Míguez non tivo sorte cos maxistrados que o xulgaron: José Hijas Palacios, como presidente, e como vogal, Antonio orres-Dulce Ruiz, pai do actual fiscal xeral do estado.