O día no que esnaquizou o último premio para o Valentín
Autor: Isaac Díaz Pardo
Data de publicación: 1987, xuño, 4
Medio: La Voz de Galicia
Son algúns datos que completan a magnífica semblanza que fixo Fernández del Riego nestas mesmas páxinas o pasado día 23.
É notorio que os premios "Santiago" que entregou hai poucos días a TVE en Galicia, representando un "Apóstolo a cabalo, matarratas e outras especies", fixéronse en Sargadelos. Eran 28 premios, e na base das pezas, a parte mais resistente, levaban o nome do premiado. Cando o día 12 estaban cargando os trofeos para o seu transporte a Santiago, caeuse unha das 28 pezas, e ao abrir a caixa para comprobar veuse que se esnaquizara a de Valentín partindo polo mesmo nome pintado na base.
Os meus compañeiros Lalo e Vizoso, que estaban na manobra e sabían a longa doenza que viña padecendo Valentín, ficaron como sen fala. Cando eu soupen esto tampouco soupen que dicer. Chamamos a Vigo pro Valentín xa non estaba na súa casa de Pousa Nova do Mar en Samil; facía poucas horas que o levaran para o hospital pois caera pola escaleira e ferírase na cabeza. Xa non voltaría a recobrar a consciencia. O día 14 nin el nin o seu fillo puideron recoller o premio. O día 15 o visitamos e o Dr. Babé díxonos que non era posible que saíse desta. Se ista secuencia, que descoñece Pilar, a súa viuva e o seu fillo Alfonso, a vemos nunha película de Ingmar Bergman salientaríamos a beleza da imaxinación do director dubidando que tais coincidencias podan estar fora da casualidade e da cabeza creadora. Pero... agora ímolo a deixar así.
Valentín era unha cabeza de esas que é difícil que se repitan. A súa vocación de poeta, de ensaista, de periodista, non minusvaloraba o seu pragmatismo de avogado, de economísta, de técnico dos recursos do mar, de home de empresa. No horizonte de todas as súas inquedanzas estaba Galiza. “Galicia como Tarea” é o título dun dos seus fundamentais libros que lle publicamos en América vai para trinta anos. Luis Seoane, entón ao frente da Editorial Galicia do Centro Gallego, encomendoume a min a corrección das probas. É importante suliñar o paralelismo que ten título desta obra de Valentín có libro doctrinario de Castelao “Sempre en Galiza”, porque “Galicia como tarea” ven ser o mesmo. O mesmo no seu horizonte aínda que o de Castelao representa o marco histórico, social, e político de Galicia sin se meter en números, e o de Valentín é un estudo estadístico, numérico e pragmático posto ao día da realidade galega, dos coñecementos históricos actualizados. Este libro de Valentín xunto co que publicou en Madrid en 1970 - “La Marginación de Galicia” - pensaba tiralo, nos últimos tempos, nun soio volume, anotado para fixar as variacións, ben cativas por certo, que sufriu a realidade presente de acordo coa prospectiva que representaban os dous libros.
Alguén con coñecementos socio-económicos, e políticos, semellantes aos que tiña Valentín (hoxe non hai por que ter coñecementos técnicos inferiores) máis con parecido amor ao que tiña Valentín por Galiza (esto é o dificil, pois hai moi bos técnicos sectoriais, pro que por servir ben ao seu sector non dubidan as veces en aumentar a dependencia económica desta Terra). Algún, digo, podería facer esta tarefa de anotar estes textos, para sacar as consecuencias de por onde están indo estas cousas, e esto sería útil para o país nestes tempos nos que temos unhas posibilidades de auto-goberno inferiores, coido, á idea que deberíamos ter do que hai que facer cos cartos que nos corresponden.
Valentín Paz-Andrade era un home do vello Seminario de Estudos Galegos. Pertenecía á sección de Ciencias Sociais, Económicas e Xurídicas, responsable do primeiro ante-proxecto de Estatuto de Galiza (cando o Goberno galego chamaríase “Consello de Galiza” e non “Xunta de Galicia”), unha das glorias que se utilizan hoxe para lles botar moito incienso nelas, pois aquí non somos nada reparados neso do incienso, de coroas e de misas aos mortos, para logo facer o que a cada un nos convén sen ter en conta o que pensaba o morto.
A diverxencia dos frentes nos que traballaba Valentín non era, dende logo, un factor que, en xeral, axudase á súa comprensión e aceptación. A deformación profesional nos afecta a todos.Os historiadores non ententían a cara do economista, nin os homes de empresa entendían ben a conducta galega deste home de cuio saber se beneficiaban, e aos escritores máis ben lles molestaba o seu pragmatismo e os seus coñecementos e preocupacións pola realidade social, económica e política do país, que se proxectaban nunha parte importante da súa obra e do seu tempo. E Valentín, home de grandes conviccións e apaixonado coas cousas que creía, sabía defenderse e defendíase, as veces máis do que debía.
Nos derradeiros tempos, un periodista vigués entrevistábao moi a miudo para lle facer un libro que sustituise ás súas memorias. Supoño que a este periodista non lle faltará editorial para este libro.
Polo menos eu xa sei dunha que lle interesa. Terá moito interés pois nel vai a aparecer a filigrana vital de Valentín que lle permitiu axudar a Pepe Núñez Búa como para que non o fusilasen, tamén como conseguiu sacar clandestinamente pola fronteira de Portugal a Ramón Martínez López para lle evitar o mesmo e axudar a tantos máis, o que logo, lle costa o seu desterro. Certo que Valentín era no 36 avogado da patronal viguesa, o que lle costou catro balas de chumbo, duas das cuais levou ao cadaleito dentro dos seus osos. E os patronos deberon axudalo algo. Pro Valentín xamais tivo medo, nin padeceu odio contra ninguén, nin contra os que lle meteron o chumbo no corpo. Aos prepotentes os desarmaba ás veces tomándoos a broma.
A casa de Valentín Paz-Andrade fica gardada pola súa excepcional compañeira, que nos últimos meses temíamos tanto pola súa vida como pola de Valenín, tal era o seu desespero para axudar a vivir ao seu home. Nesa casa gárdanse importantísimas testemuñas para a historia de Galiza. Entre outras está un enorme embrullo de correspondencia autógrafa de Castelao, que algún día tería que saír á luz, como era o seu propósito. Hoxe é só unha pequena lembranza, porque hai cousas importantes que dicer encol de Valentín.