Homenaxe a Don Valentín
Autor: Xosé Luís Méndez Ferrín
Data de publicación: 2003, outubro, 3
Medio: Faro de Vigo
Ocorreu hai tantos anos como que eu ía de pantalón curto e da man de meu pai. Celebrábase nos Xardíns de Eijo Garay, en Vigo, a Feira do Mar. Ofrecíanse á curiosidadade dos visitantes as grandes innovacións tecnolóxicas da naveagción e da pesca. A memoria, sempre caprichosa, insiste en conservar dúas imaxes: a dun enorme pulpo que se movía no acuario e a novedade dunhas bolas de cristal destinadas a substituir as bolas de corcho dos aparellos. Pasaron uns setenta anos desde aquel acontecemento e Vigo aínda non dispón do acuario que necesita para educar os seus filos no coñecemento do mar e xa os os frotadores de cristal verdoso son obxectos que os anticuarios venden para decoración de interiores. Ao terminar o percorrido pola Feira do Mar, meu pai levoume a “Joaquín”, onde el baixou un Imperial (así se dicía en Vigo e no Porto) de cervexa da billa e eu un vaso de leite merengado.
Estes vellos e conmovidos recordos véñenme “al cor”, como dicía o ilustre trobeiro, despois da visita que fixen á World Fishing que, so a batuta máxica de Alfonso Paz-Andrade, foi magnificamente ben orquestada en Coto Grande. Entre aquela, ou aquelas Feiras do Mar dos anos cuarenta, postas a andar cando Vigo abría a Gran Vía, edificaba o Santa Irene e inauguraba o mecanismo automático da Lonxa de Baixura, e esta edición da World Fishing Exhibition, mediaron moitas cousas que, encadeadas, culminaron no acontecemento no que Vigo se converteu en mercado central do mundo das pescarías.
Por tras da exposición e sosténdoo todo encóntrase a actividade pesqueira de Vigo e de Galicia que, alén dun empresariado audaz e imaxinativo, non poucas veces rapaz a maltratador do traballador do mar, tivo seu sustento real, e aínda ten nunha clase mariñeira (“Lázaro Mariñeiro”, Bernardino Graña) capaz e hábil onde as haxa. Ora ben, a expansión pesqueira de Galicia e o seu progreso tivo tamén ideólogos que abriron rotas, trazaron camiños, practicaron iniciativas, fixeron análises e chegaron a conclusións.No pasado debemos lembrar a mente precursora de José Cornide; no presente, as figuras de Domingo Quiroga e de Valentín Paz-Andrade.
Este, Don Valentín, foi un visionario nacionalista que, desde os anos vinte en que se aproximou aos grupos de armadores emerxentes de Bouzas, aos cincuenta e se senta en que viaxou polo munto do brazo de Bibiano Ossorio-Tafall como experto pesqueiro da FAO, foi meditando a estratexia expansiva da pesca galega sinalando o seu futuro no arrastre nos fondos virxes do hemisferio sul do globo, ao tempo que prognosticaba unha frota conxeladora destinada aos mares austrais.
Houbo un día, na década dos cincuenta no que Paz-Andrade foi preso na cadea de Príncipe e proccesado por escribir con claridad en defensa da pesca na súa revista Industrias Pesqueras. Por entón ofreceulle á conciencia máis avisada do país, moi especialmente á mocedade nacionalista que facía por entón eclosión nas franxas democráticas da nosa sociedade, o agasallo impagábel do seu libro Galicia como tarea como o verdadeiro programa da política da Galicia do século XX.
Por iso, e por outras moitas cousas que haberá que ir decindo, ao ver a World Fishing Exhibitión que eiquí tivo lugar mercé á iniciativa do seu fillo Alfonso, eu púxenme a pensar que Vigo e Galicia lle deben unha homenaxe nacional a Don Valentín Paz-Andrade sen cuxas ideas e consellos seríamos todos moito menos.