A tarefa de VPA
Autor: Manuel Bragado
Data de publicación: 2000, marzo, 12.
Medio: Faro de Vigo
Na noitiña do 4 de Nadal de 1977, a voz nerviosa e emocionada de Valentín Paz-Andrade (VPA) cativou a unha moitedume de trescentas mil persoas que acumulaban a explanada do Náutico, despois de percorrer as rúas da cidade, ao xeito dunha alborada civil, afirmando a vontade de autonomía para Galicia. Foi a primeira e única vez que vin en persoa a Valentín, aquel home rexo que recoñeciamos nunha foto do xantar galeguista, celebrado no Parque da Barxa o Día de Galiza de 1931, intervindo de forma entusiasta, a carón de Castelao e Suárez Picallo. Valentín foi unha das figuras galegas chaves no devir desde século polo desenvolvemento dunha tarefa poliédrica e renacentista, como a do seu contemporáneo e amigo Luís Seoane.
O VPA poeta expresou o seu espírito reflexivo e sentimental en dos poemarios a recuperar, “Pranto matricial” e “Cen chaves de sombra”. O VPA xornalista -director de “Galicia”, o xornal liberal de opinión, fundado en 1923, con cabeceira caligrafada por Castelao, e subtitulado “Diario de Vigo”, no que participaban, entre outros, Manuel Lustres Rivas e Roberto Blanco Torres- puxo, dende unha posición de apertura e inequívocamente galeguista, os primeiros banzos da modernidade, entendida como un diálogo permanente entre a tradición e o seu tempo. O VPA avogado, economista e empresario, de talante tan práctico como imaginativo, desenvolveu un labor hercúleo na modernización do noso sector pesqueiro dende 1927, ano no que comeza a asesorar a Sociedade de Armadores de Bouzas; empurrou da revista “Industrias Pesqueras”; publicou estudios e investigacións, que aínda hoxe son referencia no sector; asesorou, por encargo da FAO, a diversos gobernos de Latinoamérica e África en cuestións de ordenación pesqueira; promoveu, de forma anticipatoria, como tantos outros proxectos, a creación dun Banco Industrial de Galicia e de Pescanova S.A., unha das realidades empresariais máis firmes e inteligentes da Galicia das catro últimas décadas. O VPA ensaísta e investigador, vencellado culturalmente á cultura portuguesa, estudiou a obra de Valle Inclán, a galecidade na obra de Guimaraes Rosa, ou preparou unha das máis salientables biografías de Castelao, “Castelao na luz e na sombra”, demostrando como afirma Eudardo Lourenço que a “función do intelectual non é tanto a de modificar a realidade, como a de modificar a ollada dos outros e a dun mesmo sobre a realidade”.
VPA uniú todo o seu percorrido vital ao de “Galicia como tarefa”, emulando o título dun dos seus ensaios máis emblemáticos, que publicou por vez primeira en Bos Aires en 1959. Home de entrecuzamentos mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios. A súa tarefa foi a insistencia no presente que, como ten sinalado Simmel, é unha insistencia no cambio. PVA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradicción son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.
O 23 de maio de 1986 Valetín recibiu a Medalla de Ouro da cidade, na que fixou a súa residencia dende os anos vinte. “Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñocelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza”, foron as súas palabras de agradecemento, nunha das últimas aparicións públicas. Xa sesenta anos antes anunciara, nun dos seus múltiples artigos anticipatorios, “El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia”, esta tarefa que o moveu ao longo da vida toda: facer Galicia dende o mar de Vigo.
Vigo segue en débeda con VPA. Non abonda en que unha das rúas do Bouzas que tanto amou leve o seu nome. El é un dos sinais más claros do Vigo emprendedor, moderno, anticipador, tolerante, cosmopolita, solidario que dende Galicia se abre ás rotas do mar. Este espírito de permanente apertura e modernidade de VPA é o que debe seguir impregnando o Vigo do futuro. ¿Por qué non denominar “Centro VPA” o novo auditorio que se comeza a construír en Casa Mar? Na miña opinión difícilmente poderíamos atopar unha alegoría máis atinada do que debe ser este motor cultural e cívico do Vigo do novo milenio.