A evolución do concepto Paz-Andrade
Autor: X.L. Méndez Ferrín
Data de publicación: 2012, maio, 5
Medio: Faro de Vigo
Estaba dotado dun núcleo de diamante. Non coñecín intelectural ningún tan fiel sempre aos impulsos xenerosos da xuventude. “O que nos salva é aquilo que logramos recuperar do naufraxio dos ideais adolescentes”- repetía Otero Pedrayo. O patriotismo de don Valentín que en 1918 se incorporaba ao nacionlaismo das Irmandades da Fala. Entre o adolescente que se entrega á causa e o vello que sabe e morre dando exemplo e doutrina, media grande parte do século XX, do que Paz-Andrade é testemuña de privilexio. Testemuña activa que contribúe a mudar a realidade e as conciencias de Galicia de xeito protagonista.
Nado en 1898, cando o Desastre dos españois, Paz-Andrade entra en acción e non parará até que o franquismo, en 1936, detera os seus mocementos; como veremos, nunca completamente. O Paz-Andrade dos anos vinte e trinta é un político cuxo modo práctico utiliza como armas principais a oratoria (espléndida e electrizante), o xornalismo (Galicia, El Pueblo Gallego) e a organización política de carácter republicano, progresista e nacionalista. Paz-Andrade (con Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo) será un dos princiàis impulsores do Partido Galeguista. Outros nacionalistas entran equivocadamente na repúlica sen constituir partido nacional propio e seguindo o carreiro marcado por Casares Quireoga; camiño cego que había de morrer para sempre en Izquierda Republicana. Poucos anos máis tarde é Paz Andrade quen se equivoca, ao meu xuízo, ao confiar na vía de centro do seu vello e moi admirado amigo Portela Valladares. Na campaña do plebiscito pro-Estatuto de Autonomía de 1936, Paz-Andrade brillou coma un facho de intelixencia e de enerxía. Foi un dos axentes da nosa victoria.
O autor qeu este 17 de maio celebra, terminada a primeira fase da súa vida pública o 20 de Xullo de 1936, cando é sometido a depuración e lanzado ao desterro, e cando a súa vida correu verdadeiramente risco. Reasentando en Vigo, recuperado o seu despacho profisional, conságrase ao estudo e á meditación (“Sempre en Galiza”) en canto establece contactos reticulares cos exiliados republicanos de todo o mundo.
Esta etapa reflexiva non lle couta a mobilidade internacional, especialmente ao ser nomedado técnico, en materia de pescarías, da FAO. E van saindo a lume os libros que conforman a Paz- Andrade como un grande das nosas letras de todos os tempos. Para moitos de xeito sorprendente, xorde o Paz-Andrade poeta vivamente contemporáneo de estro poderoso e modo en ocasións comprometido até a dor: vexan a suite elexíaca a Castelao (Pranto Matricial) como un exemplo. Logo tamén, Paz-Andrade que comparece no diario La Noche, inspirado por Borobó, cun folletón que removeu as máis fondas augas do nacionalismo, nos anos 50 quietas e como apodrecidas. O folletón sería publicado en América co título de Galicia como tarea. Compre ser lido coma o grande manifesto político e económico do nacionalismo galego durante a dictadura de Franco. E viñeron os ensaios literarios e biográficos (sobre Valle-Incán e sobre Castelao notoriamente). O ensaista Paz-Andrade cita con habelencia filósofos e economistas, escritores galegos coetáneos e do mundo enteiro. Amósase coma un mestre do pensamento e os seus textos erícense en pertorios de solucións económicas e políticas aos males derivados do colonialismo e da marxinación.
E como Paz-Andrade era isto e era moito máis, resultou ser o único galego demócrata que foi chamado a negociar o actual réxime coas forzas políticas franquistas evoluidas, coas da resistencia antifranquista e cos axentes superiones (EE.UU, Igrexa, Exército, Banca...) Alí estivo só, e ben só, o nacionalista Paz-Andrade, pois que outros antes, e sen ter culpa, xa aniquilaran o Consello de Galicia que representaba a lexitimidade republicana galega. Aínda Paz-Andrade tivo ocasión en vida de denunciar os febles resultados nacionais obtidos por Galicia a consencuencia daquela Transición. Con todo, el cumpriu co que se lle pedía e foi o único nacionalista galego elixido como tal para as cámaras de Madrid, no caso del para o Senado.
É cousa habitual que un autor o autora chamado a ser celebrado no Día das Lerras entre na conmemoración cun perfil público ou de fama e saia con outro diferente. No caso de Lois Pereiro xa vostedes se lembran: abriuse o ciclo conmemorativo cun rebelde de tencencia punkie e fechouse co tesouro dun poeta conmovedor entre as mans. No caso de Paz-Andrade: é convocado á lectura e á interpretación alguén considerado “empresario” e, de súpeto, este convértese, de xeito milagreiro para algúns e algunhas, en altísimo poeta engagé de estro potente, ao tempo que en autor do gran discurso identitario sobre a Galicia Martir que fora humillada en 1936. De momento, recoméndolles a visita á exposición dirixida por X.L. Axeitos, que acolle na súa sede coruñesa a Fundación Barrié. Versa sobre o Galicia e Paz-Andrade xornalista.