A biografía múltiple do xornalista e o político
Autor: Xan Carballa
Data de publicación:
Texto lido na mesa redonda celebrada o 10 de Abril de 2012 na Biblioteca Penzol de Vigo, xunto a Charo Portela, Miguel Anxo Seixas e presentada por Alfonso Zulueta
O mínimo de dez anos despois do falecemento que a Academia marca para adicar o Día das Letras Galegas, no caso de Valentín Paz-Andrade converteuse nunha cifra redonda porque pasaron vintecinco desde maio de 1987. Resultábame difícil escolmar un aspecto na súa múltiple biografía, que el autodefinía como contenciosa, e que ocupou múltiples actividades: do avogado ao xornalista, o inspirador de empresas,o ensaista, o economista ou o poeta, e eu escollín para esta mesa redonda centrarme no Valentín xornalista e no Valentín político.
De entrada quería tomar prestada do propio Valentín unha afirmación sobre a súa filiación política, feita nun acto moi emocionante gravado pola Televisión Galega e que se pode consultar na web do Legado de Paz Andrade. Foi no Pazo de Trasalba, cando en xuño de 1986 recolle o Premio Otero Pedrayo. Repetiunos esa mesma idea uns meses despois na longa entrevista que concedeu para A Nosa Terra (no 316-maio de 1987) e que lle fixemos quen lles fala e Gustavo Luca de Tena. Unha toma de posición de moita actualidade que pode axudar a revisar o propio pensamento de Paz-Andrade no momento que vivimos, cando se pon en cuestión a utilidade da Autonomía en Galicia.
Sostiña Valentín:
“Se ollamos friamente o que realmente pasou, o galeguismo foi a única ideoloxía que moveu Galicia desde primeiros de século até hoxe. Para ben ou para mal non houbo outra e todos se botaron enriba dela. Sen embargo está un pouco desfasada desta monarquía para acá. Voume explicar. Examinando friamente o problema actual, temos unha autonomía mediatizada, sen dúbida. É unha autonomía de coexistencia co centralismo e esa autonomía de coexistencia a ningún nacionalista pode satisfacer, nin pode admitila. Aquí consérvanse os gobernos civís, que son embaixadas directas do centralismo, consérvase un gobernador para todas as provincias, consérvanse as Deputacións, os concellos non recibiron máis autonomía da que tiñan. Penso que iso hai que rectificalo e darlle á autonomía outro contido que non ten, no que as estruturas do centralismo desaparezan. Non sei se até o punto de eliminar radicalmente as Deputacións ou transformalas, iso sería outra cuestión, pero o que non pode é existir unha estrutura centralista dentro doutra autonomista. Disto eu vexo que non se escrebe, nin se pensa, nin se fai ambiente. A máis tardar terá que se formular. O Estatuto de 1936 tiña unha institución que era moito mais democrática e funcional que a de hoxe. Era que o Presidente do goberno galego elixíase non polos partidos, senón por todo o corpo electoral, por votación directa. Isto é moi importante porque entón escollíase ao máis capaz e o que puidese exercer funcións moderadoras, funcións de alta condución política”.
Este sería o colofón do seu pensamento político, pero se a vida de Valentín arranca no século XIX, o 23 de abril de 1898, o vencello político ao galeguismo chega axiña por vía familiar, singularmente da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade, e no encontro con Castelao, que foi a súa grande devoción e, se se quer, o seu pai político, aínda que hai quen di que era o propio Valentín a cabeza política que axudaba a Castelao a tomar decisións, algo que se chegou a ver con certa claridade cando o rianxeiro é desterrado a Extremadura durante o Bienio Negro (1933-1935) e lle pediu a Valentín que o substituiuse como Secretario Político do PG (vid. Epistolario)
Na primeira mocidade Valentín foi moi activo na universidade de Santiago sen deixar de selo tamén en Pontevedra, sempre vencellado a múltiples actividades sociais. Por exemplo participando na directiva do Pontevedra Athletic Club, matriz xunto co Sporting, do futuro Pontevedra C.F. En 1918 actúa como secretario sendo vicepresidente Xerardo Álvarez Limeses, futuro sogro de Alexandre Bóveda. Tamén o vemos na fundación do Ateneo Escolar Compostelano e na creación da tuna Nova Galicia en xaneiro de 1918. E isto son só unhas pinceladas.
Todo este tempo de Valentín podémolo enmarcar nas ideas que se xeraron arredor da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918). Cando a II Asemblea ten lugar en Santiago (1919), está Paz-Andrade entre os participantes e a súa intervención queda rexistrada nos debates propoñendo a creación dunha escola de xornalistas galegos. Aínda que saiu licenciado en Dereito, xa quedaba manifesta a súa vontade de comunicación coa sociedade, que viña sendo unha constante desde a adolescencia, colaborando en medios de Pontevedra, antesala vital do que habería ser o nacimento do diario Galicia. Mesmo se lle abrira neste tempo un proceso xudicial, que se conserva no arquivo militar de Ferrol, por un artigo no xornal prosocialista pontevedrés El Pueblo, finalmente sobresido. Ese activismo intenso estaba xerando unha nova esperanza que cos anos cristalizaría no nacimento do Partido Galeguista, onde participou como cabeza pensante desde o Grupo Autonomista Galego que cofundou en Vigo.
O símbolo do Galicia nunha arela permanente de comunicación. Aínda que a primeira metade dos anos 20 é na que se ocupa basicamente do xornalismo, coa fundación do Galicia, creo que debemos unir sempre os dous “oficios” porque nos seus vizosos 88 anos de vida sempre houbo en Valentín Paz-Andrade un desexo, unha vontade, unha idea central de que o desenvolvemento de Galicia tiña vir acompañado da comunicación. Por iso se queixaba nos anos finais: “non se crea ambente, non se fala”. Esa necesidade de debatir foi o que o levou a converter o Galicia nun xornal que sendo de curta vida atravesa o tempo como un espello de xornalismo de compromiso co país.
Na fase previa á fundación do xornal, Paz-Andrade fora mobilizado a Marrocos e desde alí envía crónicas que publica en El Noroeste da Coruña e a Faro de Vigo. Regresado á Península para revisar un problema cardíaco, coñece na Coruña, a través de Antón Vilar Ponte, a Ernesto Cádiz. A este cónsul chileno, que levaba a representación comercial dos Nitratos de Chile, convénceno de que os cartos que ía investir en publicidade dos seus adubos agrícolas, seríanlle máis rendíbeis desde unha cabeceira propia. Sexa exactamente así ou con outros matices a xénese ou coa colaboración doutros investidores (no libro Castelao no Galicia de Pedro Feijoo Barreiro hai apuntes moi interesantes para a historia do xornal), o que si resultou plena responsabilidade de Valentín Paz-Andrade foi a creación do xornal galego máis moderno do momento. E a pesar da súa curta vida tivo unha repercusión que atravesou as décadas e en parte se traspasa ao seu grande competidor El Pueblo Gallego, un dos grandes xornais no Estado na etapa republicana. Na entrevista d’A Nosa Terra xa citada, Valentín reivindicaba unha visión sobre os elementos constituíntes dun bon xornal, que aplicou no Galicia e tamén cando durante varios meses previos ao plebiscito autonómico de 28 de xuño de 1936 escribiu os editoriais, e actuou de feito como potencial director, en El Pueblo Gallego.
Sostiña Valentín:
“Hai tres elementos na composición dun diario que coido son fundamentais. Un é o editorial. Penso que un diario que renuncia a el, renuncia á maior potencialidade de opinión que está implícita na publicación dun xornal. O editorial cumpre unha misión da que a xente non se dá conta: subministrar a opinión que sobre os sucesos políticos pode soster por conta propia cada lector o resto do día. É unha especie de economía do pensar que serve aos que non soen pensar, que son, desgraciadamente, moitos. Cando se acostuman á literatura dun xornalista rematan por pensar coma el, e iso é moito mellor que non pensar nada, porque se o xornalista ten criterio, sabe o seu oficio e ten altura sempre lle infundirá ideas progresivas, liberais e de acordo coa índole do xornal.
Outra característica é a caricatura. A caricatura é un lategazo, algo de moito efecto que debe ter un xornal sempre, e que o Galicia tiña en portada. A caricatura de Castelao xa lle daba ao periódico un nivel extraordinario. Unha terceira condición debe ser un artigo humorístico. Compre que o teña na primeira ou noutra, nós pensabamos na primeira porque eran planas moi grandes”
Tamén se pronunciaba daquela Valentín sobre a renuncia dos xornais galegos a ter unha opinión editorial propia, entendida como a marca das grandes cabeceiras no mundo, un asunto que podería ser motivo dunha interesante investigación na facultade de xornalismo.
“Ou a teñen [opinión editorial] ao xeito de cada un, pois son libres de escoller e practicar. Faro foi toda a vida un xornal sen opinión. Profesionalizaba a neutralidade, o desentenderse das cousas, o non exercer a censura moral e política no senso nobre da súa función. O caso da Voz non o coñezo de tan antigo porque antes líase moi pouco en Pontevedra, pero aínda hoxe non ten editoriais [conversa no ano 1986]. Supoño que é porque non teñen esa evidencia que temos outros de entender o xornalismo doutro xeito. Supoñen que tamén hai acollida para esa posición neutral, e a maioría dos xornais galegos encaixáronse nese modelo de non ser nunca tribuna de opinión. Penso que iso merma as posibilidades de arraigo. A proba é que The Times, El Sol, El País, todos os grandes xornais fixéronse a base de editoriais”.
O Galicia tivo unha vida curta pero exitosa, despois dun arranque fulgurante, e aínda sorprende como arrastramos debates semellantes, 90 anos despois, aos que lle custaron prisión a Valentín. En 1924 botou quince días no cárcere da rúa do Príncipe (hoxe museo de arte contemporáneo) por discutir co xeneral Rodríguez Barrio que non admitía a discrepancia pública sobre a súa opción de trazado do ferrocarril. Daquela Paz-Andrade propuña levala polo norte, cara Francia, e o militar alporizouse con que alguén, en plena Ditadura de Primo de Rivera, ousara levarlle a contraria. Paz-Andrade escolleu ir a prisión en vez de pagar unha multa e a repercusión na cidade desa decisión foi tamén un elemento publicitario de primeiro orde para o Galicia. O que é de destacar é como mantén Valentín o seu criterio de liberdade de expresión, como fixo máis adiante en Industrias Pesqueras, negándose a delatar a un redactor por unha nota irónica de despedida do Comandante de Mariña, o que o levou varios días ao mesmo cárcere vigués.
Foi sempre un defensor do xornalismo para crear ambente, opinión e lanzar proxectos políticos. A Castelao, nas conversas previas ao nacemento do Galicia, dicíalle que era unha oportunidade de ouro que non debían desaproveitar. Tan importante foi, e tan boa a xente que escolleu para sacalo adiante, que os dous redactores-xefe que tivo, Roberto Blanco Torres e Manuel Lustres Rivas, foron asesinados en 1936. E Valentín queixábase de que nin Vigo nin os xornalistas lle dedicasen a homenaxe ue merecían as que foron vítimas democráticas daquel tempo de barbarie.
Conecta xornalismo e política de maneira pragmática. Os anos previos á chegada da República son frenéticos. Era Paz-Andrade asesor dos armadores de Bouzas, como tamén o fora da Sociedade de Agricultores de Teis, porque tivo moita presenza no grande movimento social da época, o agrarismo. As súas posicións sempre foron as dun político de conviccións pero pragmático. Escribíalle a Otero Pedrayo, a Risco e a López Cuevillas, compañeiros no galeguismo, considerando un erro, naquela hora europea, adoptar para o galeguismo que estaban formando o nome de Partido Nazonalista Galego, “imponse a rectificación de nomes indixeríbeis para o vulgo, substituíndo a verba nacionalismo por outra: autonomismo. Asimesmo precísase xubilar o de Irmandade, demasiado tenro e mol para designar un partido político”.
Aínda pasará un ano desde esta carta para que agrome o Partido Galeguista pero en xuño de 1930 participa nun grande mitin para celebrar o 25 de xullo no Teatro García Barbón, que acollerá os actos centrais do próximo 17 de Maio. Naquel mitin, baixo a presidencia de Ramón Cabanillas, interviron Otero Pedrayo, Castelao e Paz-Andrade. Co teatro e un eco multiplicado ao ser recollidas integramente as intervencións na revista Nós, que dirixe Vicente Risco, as palabras de Paz-Andrade son acaso as máis fondamente políticas.
Sostiña Valentín:
“Nós vimos a construír unha nova Galiza, que sexa como o espello da súa propia esencia étnica. Queremos unha Galiza autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente. Levando os principios democráticos á súa máis radical manifestación, arelamos que o pobo galego entenda directamente nos seus problemas, sen intromisión de quen é alleo a eles, os resolve sen coñecelos, sen sentilos, sen vivilos, como puidera resolver os problemas do Congo.
Ao final remataba por facer un chamamento apaixonado á participación política de homes e mulleres
“nas milicias da galeguidade (...) ábrese unha nova era para os destinos da Patria galega. Endexamais se diga de nós que somos almas rendidas [en referencia á definición de Galicia por Ortega en La España invertebrada, como tierra pobre, habitada por almas rendidas, suspicaces y sin confianza en si mismas]. Endexamais volva a ser Galiza territorio colonizado polas taifas electorais das vellas oligocracias. Fagamos do berro Terra e Liberdade o noso lema redentor”.
Esas son as ideas que acaban confluindo co republicanismo e unha conducta democrática moi firme que mantivo toda a vida, no nacemento do Partido Galeguista e nos intentos sucesivos, que darían para un capítulo específico, para acadar acta de deputado nas Cortes. Na primeira candidatura de 1931 vai con Castelao e Cabanillas, pero queda ás portas da elección polo roubo dunha saca de votos en Lalín, que acabou ocupando páxinas e páxinas do Diario de Sesións das Cortes porque se constituiu unha comisión de investigación presidida polo socialista Manuel Cordero e co futuro lendakari vasco Jesús María Leizaola como secretario. Pero Valentín, pasados os anos, razonaba que aquela continua frustración da súa candidatura (co galeguismo en 1931 e 1933 e nas listas de Centro de Portela, en 1936), acaso lle salvaron a vida.
Anos republicanos. Nos anos 1930 e 1931 a súa presenza é constante na actividade política pública. E a novidade máis singular era a que representaban as ideas nacionalistas do PG, coa súa bandeira táctica principal que era acadar a Autonomía de Galicia. Paz-Andrade aparece asinando o primeiro proxecto dun Estatuto, o elaborado polo Seminario de Estudos Galegos, que aínda que ten en Lois Tobío e Ricardo Carvalho Calero os seus primeiros redactores, tamén asinan, seguramente en función de asesores principais, Vicente Risco, Alexandre Bóveda e Valentín Paz-Andrade, e os cinco representan o amplo espectro político do PG, que ía da esquerda marxista de Tobío á dereita de Risco. No seu primeiro artigo dicía: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. O feito de asinar o texto estas cinco figuras sírvenos tamén para coñecer o espectro ideoloxicamente amplo que representaba aquela forza: desde o marxismo de Tobío ao conservadorismo de Risco, e Bóveda que co tempo sería o triste símbolo do martirio do galeguismo e da democracia aniquilados en 1936.
Hai un episodio na biografía contenciosa de Paz-Andrade, que é o atentado de novembro de 1932, despois dunha longa folga dos mariñeiros de Bouzas. Como asesor xurídico da patronal La Marítima é tiroteado na rúa do Príncipe, cando ía acompañado de Ramiro Illa Couto. Os sete disparos que o alcanzan non rematan coa súa vida polo escaso calibre utilizado, pero un dos chumbos levarao toda a vida aloxado, inerte, nunha clavícula. Foi o primeiro episodio no que está piques de perder a vida.
Despois viría o drama de ver morrer a partir do golpe militar de 18 de xullo de 1936, a moitos amigos e compañeiros, e el mesmo ser tiroteado unha noite en Verín, onde foi desterrado inicialmente.
Pero antes disto aínda Valentín participa noutros dous procesos electorais. As eleccións de 1933 foron desastrosas. As ondas de recesión do maremoto económico do 1929 devastaban Europa e deixaban á República sen liquidez, servíndolle de trampolín ao populismo de Lerroux e á dereita católica de Gil Robles. O galeguismo perdeu toda a súa representación parlamentar e iniciou un período de reorientación política, forzado polas circunstancias e tamén pola polarización social e ideolóxica. Foron anos nos que Paz- Andrade está máis afastado da actividade partidaria, aínda que nunca perde a confianza de Castelao, que exercía a Secretaría Política do Partido Galeguista. Cando os sucesos de outubro de 1934 en Asturias acentúan a dureza do goberno presidido por Lerroux, tanto Castelao como Alexandre Bóveda (Secretario de Organización galeguista), son forzosamente desterrados a Badaxoz e Cádiz respectivamente. O rianxeiro pensa en Paz- Andrade para asumir temporariamente o seu cargo e así llo fai saber nunha carta desde Estremadura (23 de novembro 1934), “xa falei con Gómez Román e os compañeiros do Comité para dicirlles que ti serías o meu substituto. Xa dou por descontado que ti es o Secretario Político do PG e agardo do teu talento político e do teu afervoado galeguismo que faredes verdadeiros milagres”. Pero Valentín non acepta, e deixa entrever na resposta a Castelao (3 de decembro) que surxiran diferencias internas, “ti sabes ben que eu non podo nin quixen endexamais furtarme a ningún esforzo pola Causa. Menos podería facelo se ti es quen o reclama e nun intre como o de agora. Mais compre enfocar as cousas obxectivamente, pola cara da eficacia. Eu xulgo que nin ao Partido lle convén o que propós, nin eu me atopo en situación de encarar esa responsabilidade. A resaca hostil das cousas que se sucederon [acaso Valentín se refire ao atentado], botoume a este refuxio do traballo profesional, e atópome xa tan canalizado nel, que me ten absorbido”.
É interesante tamén destacar que a última vez que concorre ás eleccións durante a República é en febreiro de 1936, e supón unha ruptura singular co seu partido. Portela Valladares estaba na presidencia do Consello de Ministros e convoca as que serían derradeiras eleccións da República o 16 de febreiro de 1936. O PG intégrase, cun forte debate interno, nas listas da Frente Popular e todos contaban con Paz-Andrade, pero a última hora Castelao anuncia nunha asemblea do partido que Valentín era candidato polo Centro que promovía Portela Valladares. Aínda hoxe se debate se era unha manobra, concertada con Castelao e Portela, de ir nesas listas para despois integrarse como galeguista cos outros diputados galeguistas eleitos nas listas do Frente Popular. Pero non saiu tampouco desta vez e realmente só culminarían os intentos de estar nas Cortes máis de catro décadas despois, en 1977.
Comeza entón o outro momento frenético da actividade xornalística de Valentín Paz- Andrade, desta volta nas páxinas de El Pueblo Gallego, onde é o motor de toda a campaña de aprobación e plebiscito do Estatuto de Autonomía galego, que culminaría con éxito o 28 de xuño, apenas vinte días antes da sublevación. O xornal foi incautado sable en man, as propiedades de Portela expropriadas sen indemnización e aínda hai moi poucos anos eliminados os restos dodificio que albergou na rúa Doutor Cadaval aquel xornal histórico, derivado de bandeira de información galega e democrática a xornal falanxista.
Aqueles anos de horror, nos que a vida non valía nada, están cheos de episodios nos que Valentín como avogado decátase de que non pode torcerse a decisión de acabar coas vidas de moitos amigos. Coñecemos da súa boca os intentos para salvar a Bóveda, ao que foi visitar cando estaba condenado esperando a execución, pero tamén o éxito de facilitar a fuga de Ramón Martínez López, via Salvaterra e Lisboa cara os Estados Unidos. En todo caso tempos moi duros que derón con Paz-Andrade no exilio nas terras de Verín, Serra de Queixa e Extremadura, antes de poder normalizar, grazas ao seu cargo non perdido de asesor de La Marítima, a súa vida como avogado de regreso a Vigo.
O galeguismo na posguerra. O exilio tiña unha visión obrigadamente diferente dos que permaneceron en Galiza. Este proceso que cos anos produciría unha fonda división táctica na conducción do galeguismo, singularizada nas relacións entre Ramón Piñeiro e Castelao, ten producido xa unha importante bibliografía. Aos efectos do que hoxe falamos, Valentín Paz-Andrade representou outra maneira de ver as cousas. Metidos nun barco rodeado pola Ditadura, apenas falaron desas diferenzas. Isaac Díaz Pardo e Paz- Andrade, cando se lles pedía que explicaran o fondo político desa diverxencia mantiñan unha postura que sempre salvaba a honra dos discrepantes. Esa fraternidade estaba soldada tamén pola propia dinámica esmagadora da Ditadura. Pero foi Valentín nun dos momentos simbólicos e dorosos, a morte en xaneiro de 1950 de Castelao no exilio arxentino, quen se encarga de escribir un artigo á morte do grande líder e amigo no suplemento dos sábados do vespertino compostelán La Noche. Coordinábano Del Riego e Xaime Illa que foron os que lle pediron a Paz-Andrade escribilo. Hai que ter en conta que os xornais galegos non deron apenas noticia do deceso ocorrido o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires e, por exemplo, El Pueblo Gallego escribiu catro liñas dando conta dun funeral en Santiago... ¡un mes despois!
En castelán e baixo o título “Castelao, el hombre y el artista”, aquel artigo foi para Valentín “o primeiro de fondo ideolóxico que en Galiza se publicaba desde o 1936”. A pesar de ser moi medido e cheo de lecturas entre liñas, a dirección de La Noche escoltouno cun texto titulado “Ancha es España”, no que manifestaba a adhesión do periódico ao réxime e rebaixaba o significado do líder morto, “hombres de espíritu franciscano, que llevados por su amor apasionado hacia los humildes, confundieron a Dama Pobreza con la Pasionaria. Hombres que por querer amar a su matria –a su región natal– con un estilo romántico y arrebatado, pudieron dar a entender que odiaban a su Patria”.
Durante a longa noite de pedra un dos grandes haberes de Paz-Andrade foi a súa capacidade para darse a man cos galegos exiliados e evitar, como despois fixo Díaz Pardo, que eses dous mundos se afastaran e se escindiran, que era o obxectivo final da Ditadura: a ruptura xeracional, a desmemoria, a discontinuidade política e no noso caso truncar as relacións con América, que foi onde se refuxiaron os nosos exiliados e se facía un intenso labor político e cultural antifranquista.
Tempo de Transición. Cando chega a Transición Paz-Andrade acada protagonismo Valentín en representación da oposición que se reunira na Xunta Democrática (e na que non estaban presentes os partidos nacionalistas, que se agruparan no Consello de Forzas Políticas). Aquela relación amosaba outra diferenza entre dous xeitos de entender a política, por exemplo de Piñeiro: Valentín non tivo prexuízos nas súas relacións co Partido Comunista, que era o dinamizador desta plataforma. Asiste á Comisión dos Nove a negociar con Adolfo Suárez e faino con plena conciencia de estar sentado naquela mesa en representación de Galicia, que tiña plebiscitado o seu estatuto en 1936.
A chamada Comisión Negociadora da Oposición estaba formada polo monárquico liberal Joaquín Satrústegui, Antón Canyellas (Democracia Cristiá), Francisco Fernandez Ordóñez (Federación de Partidos Socialdemócratas), Felipe González (PSOE), Enrique Tierno Galván (PSP), Santiago Carrillo (PCE) e como representantes das nacións con estatuto plebiscitado na anterior etapa democrática da República, Jordi Pujol (Cataluña), Julio Jáuregui (País Vasco) e Valentín Paz-Andrade (Galicia), que era o máis veterano de todos os compoñentes do organismo... o único que nacera no século XIX!!
Jordi Pujol lembra a un Paz-Andrade pouco locuaz nas reunións, “pero en todo caso tiña o mérito, ás veces tan decisivo en política, de estar gardando o lugar. Porque se íamos discutir dos temas autonómicos Galicia lograra plebiscitar o seu estatuto, presentalo nas Cortes de Montserrat en 1938, e independentemente da forza que tivese o nacionalismo galego en 1976, Paz-Andrade levaba con el a forza simbólica daquel acontecemento”.
Hoxe debemos reivindicar esa habelenza política e a importancia deste acontecemento, porque entre outras cousas –ténnolo contado o propio Paz-Andrade– foi nesa ocasión cando el tivo ocasión de bautizar o futuro organismo de goberno autonómico.
Sostiña Valentín:
“en certo momento se tivo que formular unha opción sobre a titulación de cada goberno autónomo. Aínda non se pensaba máis que nos das nacionalidades históricas. Tanto Cataluña como Euskadi non tiñan dúbidas ao respecto, Galiza menos debía telas por mor dos suevos se adiantaren a constituír o Reino de Galiza. Nome que aínda seguiu en uso para-oficial, séculos despois de que os Reis Católicos nos infrinxiran a doma e castración da que fala Zurita. Mais os tempos non pasan en balde. Cando fun chamado a propoñer nome para o ente autonómico suxerín o que prosperou, Xunta de Galiza. O que escollera Antolín Faraldo, na revolución galega de 1846, sufocada goiescamente pola ditadura de Narváez, cos doce fusilamentos de Carral”.
Paz-Andrade respondíalle a un redactor da revista Teima dicíndolle que a política era práctica, que había que aproveitar os momentos e que Galicia se autodeterminara naquel plebiscito de 1936 e iso había que reivindicalo e lograr que se sustanciara durante os meses iniciais da Transición. Finalmente o resultado foi que Galicia aparece como nacionalidade, xunto a Cataluña e Euskadi, no texto constitucional, coa potencialidade política que iso abría. Máis adiante a deriva da coexistencia da Autonomía co centralismo e o café para todos serían obxecto da crítica afiada de Valentín naquela mañá de 1986 en Trasalba que ao comenzo lembrabamos.
Paz-Andrade foi elexido senador en 1977. El ía nunhas listas unitarias, nas que tamén formaron Del Riego, Piñeiro ou Díaz Pardo, pero só foi electo Valentín. Nunha carta que se conserva na Biblioteca Penzol, Valentín escríbelle a Ramón Piñeiro intentando reagrupar forzas nun recreado Partido Galeguista que xa non foi ou cando menos non o foi na medida que el o consideraba preciso toda vez que Ramón Piñeiro apostou por outras vías.
Sostiña Valentín:
"Xa adiviñarás que o vendaval do Centro foi a causa de todos os naufraxios. O teu e o de Isaac, e tamén os que se rexistraron noutras provincias, incluída a nosa. A última hora aínda se quixo facer auga na miña nave que afortunadamente reflotou. Por declaracións que tiven que facer despois da xornada electoral, que foron, a pesar de duras, ben recibidas, coñezo o anceio agora despertado, para que se reconstitúa o Partido Galeguista. Boa lástima foi que non se houbera intentado denantes. Chegan a min as mesmas incitacións que a ti. Na correspondencia múltiple latexa semellante anceio. Temos que pensar ben o que compre facer. Ponte a cavilar no choio”.
O seu tempo senatorial foi curto e o seu debate principal foi na especialidade pesqueira, cando España acordou unirse ao acordo das 200 millas de área pesqueira, que Paz- Andrade foi o único que rexeitou nun debate co ministro de exteriores, Marcelino Oreja.
Quedan pois no aires esas dúas preguntas: como tería sido a política galega cun forte Partido Galeguista e como actuarían as forzas políticas nacionalistas se a xeneración galeguista republicana se tivese sumado a elas.
Como o 17 de maio o que lembramos é tamén ao Valentín poeta, quero rematar esta intervención lendo un poema do seu libro Cen chaves de sombra, escrito en 1977, coa mensaxe implícita dunha esperanza para a Galiza do futuro.
Non escoitedes...
Non escoitedes voz onde non trema
o vidro do seu tempo,
mainamente,
como na pel das augas trema a bris
tinguida no brancor dos amieiros.
Non escoitedes voz na que se esquezan
as raíces do barro que nos dou
feitío de criaturas,
amor para repartir cos semellantes
quentor do noso sangue.
Non escoitedes ecos en retorno
dos paredóns da morte.
A vida virá sempre a sucos novos
para se facer fecunda
no grao de cada espiga.
[Pousa Nova do Mar, 1977]
Arquivos