Presentación da Poesía Completa de Valentín Paz-Andrade
Onde: Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), Santiago de Compostela
Data: 10 de outubro de 2012, 19:00.
Organiza: Ed. Xerais
O volume de Poesía completa, que publica Xerais da man coidadosa e experta de Gregorio Ferreiro Fente, dá á luz unha copiosísima e relevante obra poética inédita que redimensiona completamente a súa figura literaria. Son distintos poemarios escritos entre 1937 (en plena Guerra Civil, o que os reviste de especial interese para a literatura galega) e 1984: A serra. Cantos do desterro branco (1937); Sangue na neve: Etopeia da serra (1937); Cantos da aguia e do lobo (1937); Canto do pobo disperso (1955); Canto reuncial de Galiza (1980); Áurea ora de Galiza (1984); Canto en catro ao conde de Andrade (1985); Poemas soltos (1937-1984); así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955). No acto de presentación participarán Rosario Álvarez, Xesús Alonso Montero e o autor do estudio preliminar Gregorio Ferreiro Fente.