Xesús Vázquez Abad ensalza a figura de Valentín Paz-Andrade nun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña
08/05/2012
Barcelona, 7 de maio de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou este mediodía nun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGA-CAT). Na xuntanza, Xesús Vázquez Abad estivo acompañado por Alfonso Paz-Andrade, fillo do autor ao que a Real Academia Galega -reunida en plenario o 4 de xuño de 2011- acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do presente ano.
Paz-Andrade e Galicia como “grande empresa”
Vázquez Abad tomou a palabra para destacar a figura dun multifacético Valentín Paz- Andrade “empresario, economista, ensaísta, poeta, xurista, xornalista e político”. O conselleiro tamén puxo de relevo que “Paz-Andrade sempre tivo presente a Galicia, á hora de abordar cada un dos seus proxectos empresariais, tanto no seu corazón como na súa mente”, e destacou que “foi un dos primeiros intelectuais e empresarios en manifestar as condicións precisas para a proxección de Galicia a nivel internacional, e en falar do galego como ferramenta-ponte de comunicación cos países da Lusofonía”.
Ao fío disto último, subliñou “a importancia do galego como estratexia empresarial e como vía privilexiada de comunicación cos países de fala lusobrasileira”, ademais de sinalar que “as evidentes vantaxes da lingua propia de Galicia dentro do intercambio social e cultural, tamén nos serven aos galegos e ás galegas-e moito- nas nosas accións comerciais e relacións bilaterais coas potencias emerxentes como O Brasil, que constitúen hoxe en día mercados propicios para a expansión exterior dun número importante das nosas empresas”. O conselleiro puxo de manifesto que “Paz-Andrade xa sinalou na súa obra Galicia como tarea, de 1959, O Brasil como unha potencia a ter en conta”.
Aproveitando a visita, o conselleiro inaugurou a mostra “Valentín Paz- Andrade: pranto matricial”, que estará exposta no Centro Galego con motivo da celebración do mes das Letras Galegas. Tamén visitou as universidades onde mantivo un encontro co decano da Facultade de Letras, Adolfo Sotelo, e coa responsable do Centro de Estudos Galegos, María Jesús Lama, co fin de facer un seguimento das iniciativas e das liñas de traballo que se están a desenvolver no marco dos convenios que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- mantén coas dúas universidades catalás para promover o ensino e a aprendizaxe do galego en Cataluña e a súa proxección fóra das fronteiras de Galicia. O conselleiro estivo acompañado durante a súa visita polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A visita de Vázquez Abad á universidade, rematou coa inauguración da exposición sobre Valentín Paz-Andrade promovida por Cultura e Educación, coa que a Universitat de Barcelona se suma tamén á homenaxe ao autor das Letras Galegas 2012.