Valentín Paz-Andrade, tamén presente na Habana
7/06/2012
O colexio de ensinanza Primaria Concepción Arenal da cidade da Habana recibiu unha colección de carteis sobre a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade, que lle fixo chegar a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia, e que lle foron entregados polo profesor X. Amancio Liñares Giraut nos días da súa recente viaxe a Cuba e da conferencia que impartiu no Centro Galego da Habana, organizada polo Grupo España Exterior. Estes carteis conforman unha exposición que esta Secretaría Xeral lles enviou ós colexios de Galicia e do mundo da emigración galega, e que foron elaborados polo colexio CEIP Castelao, de Rianxo. A entrega ó centro educativo cubano Concepción Arenal ten un carácter simbólico, xa que esta veterana escola que leva o nome da ilustre escritora galega, foi un plantel de ensino Primario aberto pola colectividade dos nosos emigrantes na capital de Cuba nos anos de forte emigración galega a este país americano, durante a primeira metade do século XX.
Nas imaxes, unha profesora e alumnos do colexio Concepción Arenal, portando algúns carteis desta mostra didáctica dedicada a Valentín Paz-Andrade. Outras exposicións preparadas pola mesma SXPL tamén chegaron ó citado Centro Galego da Habana e á Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana, neste caso centradas no nivel do ensino Secundario e deseñadas polo Instituto lugués IES Xoán Montes.