Presentouse a "Poesía completa" de Valentín Paz-Andrade
11/09/2012
Son sete os libros éditos e inéditos escritos por Valentín Paz-Andrade xunto con dous poemarios incompletos os que integran a “Poesía Completa” que se presentou onte no Consello da Cultura Galega acompañada das reflexións do seu editor, Gregorio Ferreiro Fente, do profesor Xesús Alonso Montero, de Rosario Álvarez e do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.
A académica Rosario Álvarez, en representación do CCG, fixo mención ao traballo de dixitalización do legado de Valentín Paz-Andrade se está a levar a cabo desde o Consello para poñer a disposición dos investigadores, labor que permitiu que compilacións como “Poesía completa” vise a luz.
Pola súa parte, Manuel Bragado narrou como o encargo inicial que consistía na revisión dos tres libros editados de Valentín viuse completamente desbordado pola aparición de obra inédita, sete libros e outros dous poemarios incompletos que se integran na publicación. Esta obra inédita non descoñecida pola familia Paz-Andrade a quen Bragado agradeceu a súa xenerosidade e intelixencia coa que xestionan o legado literario e a memoria de Valentín.
O profesor Xesús Alonso Montero insistiu en rectificar o tratamento que até este ano se lle dera a dimensión poética de Valentín Paz-Andrade. “Ninguén foi xusto co Valentín que hoxe nos convoca aquí, co Valentín poeta. Os criticos nunca se interesaron pola súa poesía e os antólogos fomos aínda menos xenerosos”. “Relendo a poesía de Valentín co gallo das Letras Galegas, axiña cheguei á conclusión de que, en efecto Don Valentín era un poeta de moita mais entidade do que a crítica e os antólogos tiñan dito” afirmou Alonso Montero.
O editor e compilador desta “Poesía completa”, Gregorio Ferreiro Fente, explicou que é o que ofrece o volumen presentado. Un prólogo no que se indican unha serie de datos e de recomendacións para entender ao Valentín Paz-Andrade poeta. Este tipo de información tan pouco común neste tipo de publicacións debeuse a gran cantidade de material inédito. “Era necesario facilitar ao lector, cunha serie de datos e de referencias, a lectura de toda esta obra”. A “Poesía completa” inclúe os poemarios “A serra. Cantos do desterro branco” (1937), ”Sangue na neve. Etopea da serra” (1937), “Cantos da aguia e do lobo” (1937), “Pranto matricial” (1955), “Canto do pobo disperso” (1955), “Sementeira do vento” (1968), “Canto renuncial de Galiza” (1980), “Áurea ora de Galiza” (1984), “Canto en catro ao Conde de Andrade” (1985), “Canto do liño e da la” (1937-1939), “Os sete salmos da remigración” (1955) e unha serie de poemas soltos.