Presentación do libro "Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro
30/05/2012
VIGO 29 de marzal de 1961
Querido Neira Vilas: Moito lle agradezo “Memorias dun neno labrego”. Un libro que envolve a un, dende as primeiras paxinas, na onda vivenical con que foi sentido i-escrito. Apartándose da liña tematica tradizioal, coma no caso de “A Esmorga”, sorprende pol-a densidade sicoloxica tanto como pol-a beleza expresiva, conquerindo ambos valores con tal autenticidade e frescura que non foron pol-o d-agora superados na nosa producción literaria. Outros amigos que recibiron o libro -como Iglesia Alvariño- comparten estas apreciacións.
Quero felicital-o cordialmente e darlle alento pra manterse na mesma liña de fertilidade e de adiantamento, pois as sas primeiras obras abriron un creto sin lindeiros ao autor, que penso non se esgotará endexamais.
Reciba unha cordial aperta so deu sempre bon amigo,
V. Paz Andrade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou onte o último volume dos “Cadernos Ramón Piñeiro”. Tratase dunha publicación que amosa a abondosa correspondencia mantida entre o editor -o escritor Xosé Neira Vilas- e dous dos grandes autores da literatura galega do século XX, Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz-Andrade aos que a lingua e a cultura galega están a homenaxear neste 2012.
No acto de presentación, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable da edición, Xosé Neira Vilas; o presidente da Real Academia Galega, Xoé Luís Méndez Ferrín; Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz-Andrade e Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio e Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia, Quen actuou como mantedora do acto. Durante a presentación, o cantautor Manoele de Felisa interpretou á guitarra varios poemas tirados das obras de Valentín Paz-Andrade, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Neira Vilas.
Xesús Vázquez puxo de relevo durante a súa intervención que o novo volume “dá a luz correspondencia mantida entre tres homes da lingua e da cultura, tres creadores aos que o sistema literario galego lles debe algún dos seus logros máis acabados” e faino, en palabras do conselleiro, “por medio da forma máis íntima e máis sincera que existiu, ata hai ben pouco, para plasmar as relacións humanas desde a distancia: a carta”