Paz-Andrade, un nacionalista independente negociando a Transición
Recuperamos un artigo de Xan Carballa publicado no Pais o 20 de xaneiro de 2012
Cúmprense trinta e cinco anos desde que se constituíu a Comisión dos Dez, o organismo da oposición antifranquista que negociou con Adolfo Suárez algunhas das claves que habían sentar a reforma democrática un ano despois da morte de Franco. Avanzando desde a lexitimidade republicana, Galiza estivo representada alí por un político que era tamén xornalista, avogado, economista, poeta, investigador e empresario, Valentín Paz-Andrade, o home das Letras Galegas 2012.
O 6 de decembro de 1976 reuníase a Comisión por primeira vez en Madrid. Xunto a Enrique Tierno Galván (PSP), Simón Sánchez Montero (PCE), Joaquín Satrústegui (liberais), Francisco Fernández Ordóñez (PSD), Jordi Pujol (CiU), Antón Canyellas (Democracia Cristiá) e Julio Jáuregui (PNV), sentaba Paz-Andrade, o máis veterano de todos eles, o único que nacera xa no século XIX (1898). Nesa primeira xuntanza non puido estar presente Felipe González (PSOE) e máis adiante integraríanse os secretarios de CCOO e UGT, Marcelino Camacho e Nicolás Redondo. A Comisión era unha decantación dos organismos unitarios de oposición, Junta Democrática e Plataforma Democrática, que viñan de unificarse para servir de interlocutores de Adolfo Suárez no camiño que culminaría o 15 de xuño de 1977 coas primeiras eleccións libres desde febreiro de 1936.
A oposición antifranquista galega estaba daquela dividida entre as organizacións que se alinearon na Táboa Democrática, impulsada polo PCG, e o Consello de Forzas Políticas Galegas, que viña de quebrar en novembro de 1976 e no que se integraran durante once meses as principais forzas nacionalistas, a UPG e o PSG. Producíase así un certo paradoxo, ao estar na reunión madrileña un nacionalista galego independente, que non conectaba nin co nacionalismo rupturista que consideraba superada a etapa autonomista non nata de 1936 e poñía na mesa as “Bases Constitucionais para a participación da Nación galega nun Pacto Federal”, nin co galeguismo encabezado por Ramón Piñeiro, que aínda instalado no pragmatismo non mantiña boas relacións cun Paz-Andrade que desde os anos cincuenta viña elaborando un galeguismo de corte máis socioeconómico que podía tomar como texto fundacional o libro Galicia como tarefa, publicado polos exiliados galegos en América.
Algúns dos seus contemporáneos galeguistas non se fiaban da súa relación próxima a xentes do PCG, como Fernando Alonso Amat, e segundo escribía recentemente o presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, “xuro que ouvín eu chamar comunista a Valentín Paz-Andrade, quen xamais se deixou anular no seo do Grupo Galaxia. E alguén volveu chamar comunista a Valentín no día en que el, con inmensa dignidade, formou parte da Junta Democrática de España como nacionalista galego” (Seoane no fondo dos espellos. Notas para un libro de memorias que se cadra non escribo. Consello da Cultura, 2011).
Aínda que Paz-Andrade ten deixado nas súas memorias (Valentín Paz-Andrade, a memoria dun século. Tucho Calvo. Biblos 2011), testemuña deste tempo pre-democrático, é interesante rescatar as respostas que lle dá naqueles días a un xornalista do semanario Teima, que se manifesta escéptico sobre as posibilidades da Comisión, “a política é negociación. Non sei o que pode saír das reunións, pero o importante é que Galicia estea presente, que non quedemos marxinados nin acochados nos nosos tobos mirando como a historia pasa por riba de nós”. E sobre a carencia dalgúns apoios argumentaba “é un problema de cativeza política, resultado de corenta anos de ditadura”. Paz- Andrade defendía que o pobo galego se autodeterminara unha vez no Estatuto de 1936, “e mentres non haxa outro acto de expresión popular e libre, o Estatuto virá porque é unha legalidade histórica apoiada no voto masivo dos galegos. Este é un argumento sagrado”. Con apoios demediados pero coa certeza de que a oportunidade pasaba pola porta e había que aproveitala, Valentín marchou a Madrid e estivo en todas as reunións celebradas aqueles meses, como antes participara nas celebradas en París e Estrasburgo de 1974 a 1976 pola Junta Democrática de España.
As reivindicacións da oposición. Contemplado trinta e cinco anos despois, o catálogo reivindicativo da Comisión dos Dez pode parecer de manual, pero o muro a escalar dunha ditadura que quería deglutirse sen ruptura, custou moito sangue, tanto que a revisión do calendario de atentados, secuestros e mortos nas mobilizacións populares, falan dun tempo no que a liña vermella do regreso ditatorial se estivo movendo como mecanismo de presión para limitar as conquistas democráticas. A Comisión dos Dez reclamaba a amnistía política, o recoñecemento de todos os partidos incluído o PCE, a concesión de autonomía ás nacionalidades históricas (Cataluña, Galicia e País Vasco), unha lei electoral con representación proporcional, o desmantelamento de todas as administracións franquistas con substitución dos concellos por xestoras e a convocatoria urxente de eleccións constituíntes.
O proceso de negociación con Suárez durou até abril. Alí o labor de Paz-Andrade ademais do simbolismo de ostentar a representación de Galicia como nacionalidade, tivo que ver coa elaboración da proposta de lei electoral cunha representación mínima de dous deputados por provincia (finalmente foron tres) e coa idea de crear un fondo de solidariedade interterritorial, do que finalmente faría bandeira Jordi Pujol, que desde entón mantivo a amistade con Paz-Andrade, ao punto de dedicarlle palabras de recoñecemento especiais nas súas memorias, “a pesar dun sentimento galeguista que aínda era moi feble, Paz-Andrade fixo un grande servizo ao seu país mantendo vixentes os dereitos nacionais e a lembranza do Estatuto republicano. No trato ademais foi sempre todo un señor”. (Memòries. Jordi Pujol. Proa, 2007).
Hai unhas semanas, en conversa co ex presidente catalán, este recoñecía o valor político da presenza galega na Comisión dos Dez, “alí fundamentalmente Paz Andrade o que fixo foi preservar a lexitimidade do galeguismo e da autonomía galega. Moitas veces o importante non é falar moito, senón facer un xesto e tomar unha posición. Sobre todo cando el era consciente de que Galiza non estaba en condicións de erguer un movemento potente como se demostrou despois naquel primeiro parlamento de 1977. Paz-Andrade levaba consigo os activos do nacionalismo, do acadado nos anos 1910, 20 e 30, dos mártires do 36 en defensa de Galicia, de Bóveda ou de Castelao que rematou exiliado. Levaba a defensa da lingua galega e do Estatuto aprobado nas Cortes de Montserrat en 1938. Era como dicir, estou aquí lexitimando todos eses logros e representándoos”.
Xunta de Galicia e crítica por “multimillonario”. Paz-Andrade reivindica para si a recuperación da denominación Xunta de Galicia para o organismo que máis adiante se había formar previo á redacción do Estatuto de Autonomía e que tamén se decidiu na Comisión dos Dez, “pensei en Reino de Galicia, que tiña antigüidade desde os suevos, pero supuxen que ía haber moita oposición e optei pola denominación que defenderon Solís e os outros Mártires de Carral cando o levantamento de 1846”.
Nunha entrevista en El País de febreiro de 1977, cando a Comisión apuraba as negociacións sobre as nacionalidades, explicaba por que cataláns e vascos ían un paso por diante, “Galicia foi a máis castigada, a máis debilitada, a que viviu repartida entre o chan natal e outros países. Así perdeu a concentración de enerxías que, en troques, permitiron a Cataluña e o País Vasco, producir os seus estados de rebeldía e telos sempre despertos. Ademais das apetencias autonómicas comúns, Galicia ten unha conta de agravios moi copiosa fronte ao Estado español. Aínda que o centralismo someteuaquelas nacionalidades non as empobreceu. A Galicia empobreceuna e fixo que o fenómeno da emigración se fixese crónico e desde hai dous séculos perdeu constantemente poboación”. A determinación de Paz-Andrade por actuar desde o xornalismo, o ensaio económico e a promoción empresarial no despegar do país vírase frustrada na política. En 1931 o roubo das actas en Lalín, impediu que fose con Castelao ás constituíntes; no 1933 as forzas de Lerroux e Gil Robles arrasaron a representación nacionalista e finalmente en 1936, incluído nas listas de Centro de Portela Valladares, non saíu electo. Atravesou a Ditadura sen renunciar ás súas conviccións democráticas e tivo que ser nunha Candidatura Democrática Galega unitaria cando por fin en 1977 logrou exercer dous anos como senador. Unha representatividade que algúns como Manuel Fraga non soportaban, e así o facían ver naquel tempo preelectoral de 1977, cando se refería a Paz-Andrade e a Pujol cun descualificador “eses son multimillonarios”, ao que Valentín retrucou con dureza, “é evidente que se do seu voto dependera, eu nunca podería estar desempeñando un mandato democrático. Quen só desempeñou cargos políticos conferidos a dedo, ¿que títulos ten para poñer en cuestión a lexitimidade das representacións que, eventualmente, e dentro dun proceso de transición, sexan confiados aos demais? Un proceso que o movedizo vilalbés cando foi ministro de segunda fornada fixo canto puido para retardar. Con tantas enerxías físicas, financeiras e mentais é lamentábel que o noso paisano as consuma na estéril tarefa de erguer cadáveres políticos. Por de pronto, o franquismo, sistema que pretende converter en manancial que non cesa. Do manancial aproveitouse en vida do macroditador canto puido, como ninguén esquecería. E agora intenta, coa súa amalgamada cohorte de figuras residuais, seguir alimentándose na esfera pública, sen dar ao país outra perspectiva democrática que a do sepulcro branqueado e de novo etiquetado”.
Xan Carballa