O Consello da Cultura Galega homenaxea a Valentín Paz-Andrade co "Concerto das Letras Galegas"
13/05/2012
O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Coral Polifónica e o Coro do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán.
Máis de cen cantores ocuparán o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra nun concerto que homenaxeará a lírica e a música galegas. O programa ofrecerá dúas “Cancións xacobeas” (“Maria Soliña” e “Moi lonxe”) compostas por Antón García Abril sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979). Seguiralle a “Cantata das cantigas” creada por Roxelio Groba en 2007, partindo de poemas populares do libro “Antífona da cantiga”, de Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) e rematará co “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade. Esta partitura, que inclúe o recitado polo actor Xosé Barato, foi composta, a pedimento do Consello da Cultura Galega, expresamente para este concerto por Juan Durán en homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987), figura senlleira escollida este ano pola Real Academia Galega para a celebración do Día das Letras Galegas.