No mes de maio, pílulas poéticas de Paz-Andrade na TVG
A obra de Valentín Paz-Andrade chega aos fogares de toda Galicia a través de poemas audiovisuais que se emitirán a partir do vindeiro luns e durante o mes de maio na televisión pública autonómica. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promove esta iniciativa, que ten como obxectivo dar a coñecer entre a cidadanía a produción poética do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, presentaron hoxe as pezas audiovisuais, que están construídas sobre algúns dos versos máis significativos de Valentín Paz-Andrade. Trátase dun total de 6 pezas breves e mais unha versión máis ampla na que se inclúe todo o conxunto. "Con estas propostas visuais de carácter suxestivo, elaboradas a partir dunha imaxe poética que acompaña os versos, esperamos contribuír a espertar entre os espectadores o interese por achegarse á poesía do autor", explicou Anxo Lorenzo.
O responsable de Cultura afirmou que, para boa parte da poboación, Paz-Andrade é, probablemente, "un nome coñecido pola súa vinculación con proxectos empresariais de grande envergadura, pero seguramente os seus versos van ser para moitos unha descuberta que se produza este ano". "Desde a Secretaría Xeral de Cultura –engadiu– queremos contribuír a esa descuberta masiva da súa obra poética, que é certamente interesante e de gran beleza".