Mesa redonda sobre Valentín Paz-Andrade na Casa Galega da Cultura
Onte celebrouse en Vigo unha mesa redonda sobre a figura de Valentín Paz-Andrade. O acto acolleu un centenar de persoas que encheron o Salón de Actos da Casa da Cultura da Fundación Penzol, onde Xan Carballa e Charo Portela moderados por Miguel Anxo Seixas abordaron a figura de Valentín, “o noso Valentín” a quen a Real Academia Galega concedeulle este ano o Día das Letras Galegas. O presidente da Fundación Penzol Alfonso Zulueta destacou a personalidade polifacética de Valentín Paz-Andrade quen a través das súas relacións internacionais deu unha proxección internacional a Galicia.
“Definir a figura poliédrica de Valentín non é doado”. Miguel Anxo Seixas, do Consello galego da Cultura, moderador da mesa, sinalou que “é unha honra que haxa tres biografías a unha personalidade excepcional como é a de Valentín Paz-Andrade, porque se tivera que buscar unha definición de Valentín diría que é o home da Galicia que suma, da Galicia que conta”. “É un home que vai descubrindo a importancia da literatura, da comunicación e o periodismo”, engadiu. “Valentín, que sempre suma á súa traxectoria anterior, van a Vigo, descubre o mar, a pesca e así sucesivamente vai sumando esforzos e facetas: avogado, político, escritor, poeta, empresario e experto internacional en asuntos pesqueiros”. Outro aspecto destacado por Miguel Anxo Seixas foi o nexo que Valentín representou entre Galicia e a Galicia da emigración, así como o seu papel na Transición española.
Charo Portela foi unha das primeiras persoas en publicar unha biografía sobre Valentín Paz-Andrade, sen embargo, explicou, non coñeceu persoalmente a Valentín. Si o fixo da man de Isaac Díaz Pardo con quen, con motivo do décimo aniversario do falecemento de Valentín, publicou Epistolario: “foi o propio Isaac quen me transmitiu a devoción por Valentín”. Charo Portela falou sobre o arquivo persoal do homenaxeado e sobre a inmensa obra, sobre todo periodística sen deixar atrás a súa faceta máis humana. Matizou que “é unha figura que nos debera servir de exemplo nos tempos que nos toca vivir”
Xan Carballa comezou a súa intervención destacando a figura, o discurso e a visión política de Valentín Paz-Andrade sobre as autonomías. Carballa analizou a relación con Castelao e mencionou a posibilidade que o propio Valentín fora a man política de Castelao. Neste sentido, explicou como foi na década dos anos vinte cando se enfrascou máis na súa faceta como periodista. “Sempre existiu en Paz-Andrade unha idea central que foi que o desenvolvemento de Galicia debería ir da man da comunicación e do debate”. “E ao mesmo tempo era un home pragmático” engadiu Xan Carballa.
A Fundación Penzol expuxo durante a mesa rendonda parte dos fondos documentais relacionados con Valentín Paz-Andrade e pon a disposición dos usuarios a consulta dun amplo catálogo de obras e artigos do homenaxeado nas Letras Galegas 2012.