Iniciamos as "Conversas no Ronsel de Valentín Paz-Andrade"
24/10/2012
Entramos no tramo final do Ano Paz-Andrade e con esta nova sección queremos seguir buscando respostas ás interrogantes que ocuparon o pensamento de Valentín Paz-Andrade. En Galicia como tarea e La marginación de Galicia estudou as posibilidades de un país que acumulaba atraso e vía truncada a súa arela de autonomía. Na Transición foi protagonista destacado na recuperación da democracia e o autogoberno. As entrevistas que irán alimentando estas "Conversas" tratarán de acrecentar o seu legado de debate e análise, indagando nos novos desfíos e nas alternativas ante a crise económica e política que atravesamos.
Sendo o xornalismo unha das ferramentas centrais da súa intervención pública, poñemos en marcha estas “Conversas no Ronsel de Valentín Paz-Andrade”, utilizando un dos seus xéneros sobranceiros, a entrevista, para abordar con perspectiva de futuro algúns dos moitos interrogantes que desafían o futuro do país. Da man de Xan Carballa, recoñecido periodista e biógrafo de Valentín, exploraremos semanalmente temas que xa inquedaran a Valetín como son a economía galega, o futuro do xornalismo ou o problema territorial e lingüístico.
A primeira destas conversas é con Enrique Sáez (A Coruña, 1947), que foi director xeral do Banco Pastor, administrou a empresa Torres&Sáez e preside a Fundación Juana de Vega. Sáez é un coñecedor da obra de Paz-Andrade xa no seu ensaio O mundo e nós. En Unha análise sobre os retos da Galiza no novo milenio (Xerais, 1999) lanzou ideas sobre as perspectivas que se abrían coa plena integración europea, un estado autonómico que comezaba a amosar os seus límites e a apertura comercial que anunciaba algúns dos elementos da actual crise económica. Pasaron quince anos,un río de acontecementos abalou o mundo e agora Sáez revisita nesta conversa as preocupacións que abordara naquel ensaio e apunta a súa visión do futuro.