"Homenaxe a Castelao, o José Martí dos galegos"
08/01/201
O Panteón de Galegos ilustres acolleu onte 7 de xaneiro a tradicional ofrenda floral en homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 63 aniversario do seu pasamento. Ao acto asistiron o ex-presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, o conselleiro de Cultura e Educación Xesús Vázquez e o vicepresidente primeiro e segundo da Fundación Castelao, Alfonso Paz-Andrade e Miguel Anxo Seixas, ademais de outros membros do goberno autonómico, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura.
A de onte foi a primeira homenaxe á que os representantes da Fundación Castelao acudían tras o pasamento o agosto pasado do seu presidente Avelino Pousa Antelo. Miguel Anxo Seixas reivindicou esta homenaxe como un acto cultural pero tamén político aínda que non partidario. Pola súa parte Alfonso Paz-Andrade recordou a figura de Castelao como “moito máis que un pai, o José Martí dos galegos”, “unha figura que reiventou a forma de ser galego, porque non podemos entender a Galicia de hoxe sen ter en conta o discurso filosófico e político de Alfonso Daniel”
Como representación da Real Academia Galega, Salvador García-Bodaño quen leu “O que todo galego choraría”, primeiro poema de Pranto Matricial, o poemario que Valentín Paz-Andrade publicou en 1955 para honrar a morte do seu amigo Alfonso Daniel Rodriguez Castelao.