Emotivo homenaxe a Valentín Paz-Andrade no Barco de Valdeorras
21/05/2012
O Instituto de Estudos Valdeorreses rendiu o pasado sábado 19 de maio unha homenaxe a Valentín Paz-Andrade. A celebración tivo lugar no salón de actos da Casa Grande de Viloira onde se reuniron cerca de un centenar de persoas para escoitar a conferencia do estudoso Antonio Castro Voces. O conferenciante e biógrafo de Valentín Paz-Andrade, fixo un percorrido pola vida do homenaxeado prestando especial antención á etapa que Valentín pasou desterrado en Trives e Valdeorras. Foi nestas terras onde o mozo Valentín sentiu por primeira vez a necesidade de se expresar por medio do verso, nas súas propias palabras "... unha chamada que non sentira denantes. Eu, que me formara ao lado dun poeta (Xoán Bautista Andrade) non fora tentado aínda polas musas. Foi na soidade albacenta onde sentín a necesidade de me expresar no verso. Sospeito que foi unha evasión provocada polo trauma moral"
O camiño
Cara os tráxicos píncaros de Requiexo subía,
no estremecido abrebte de negro e roxo ano,
polo dicer un voso, mais no brial estrano,
peregrino do seixo a andar breñosa vía.
Compuxera tríade con cabalo e con guía,
e ao longo da carreira, patróns que tal mirano
e as mozas e vellucas a ollar polo ventano,
sangraban corazóns en que a miña dor doía.
Os coriscos de choiva e vento sobre min,
e logo a neve foi a pantalla constante
onde corría a cinta do destino abraiante.
Mañán e tarde foron pouco para o camiño
até que coa noite, no certical confín,
os meus ósos caeron noutra neve de liño.
Valentín Paz-Andrade
Cantos do desterro branco, 1937