Cultura e Educación convida o alumnado a reflexionar sobre a figura de Valentín Paz-Andrade a través dunha exposición
Vilagarcía de Arousa, 16 de abril de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva a figura de Valentín Paz-Andrade aos centros educativos a través dunha exposición para lles achegar aos escolares a vida e a obra do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguraron hoxe a mostra no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, xunto co director do centro, Jose Ignacio Castro Lozano. A mostra permanecerá no centro durante toda a semana para o traballo académico.
A mostra está conformada por cinco paneis con textos explicativos e audiovisuais sobre e a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade, “un poeta e ensaísta que reflexionou moito sobre Galicia, un pioneiro na renovación da industria pesqueira e un político implicado na consecución da democracia e das liberdades”, segundo lles explicou o secretario xeral de Cultura aos estudantes de 4º da ESO que participaron na presentación da exposición. Do mesmo xeito, o secretario xeral de Política Lingüística fixo fincapé en que “este é un material complementario para as aulas de Lingua galega e literatura que fará máis atractiva esta materia e que facilitará o labor do profesorado encargado de impartila”, e tamén “un material de apoio ao labor dos Equipos de dinamización da lingua galega. Un labor importantísimo para favorcer a aprendizaxe da lingua, así como a súa promoción e valoración social”.
Unha mostra para coñecer a Paz-Andrade
De todas as facetas de Valentín Paz-Andrade poderán atopar información os alumnos e alumnas dos centros educativos que visitará, ata final do curso académico 2011-2012, esta exposición, tanto a través de textos explicativos como dos vídeos que inclúe cada un dos paneis, con anacos de entrevistas a persoas próximas ao escritor e que estudaron a súa obra, como Ramón Villares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.
Para ese traballo nas aulas, a consellería facilita tamén unha unidade didáctica que inclúe actividades e suxestións interesantes para que os alumnos e alumnas se acheguen á obra e á vida de Paz-Andrade.
Anxo Lorenzo expresoulles aos estudantes o seu desexo de que esta mostra lles sirva para “reflexionar sobre o personaxe que este ano nos convida a coñecer a Real Academia Galega”, porque “estudar referentes como Valentín Paz-Andrade axúdanos a pensar sobre o presente e tamén a darlle valor ao que nos é herdado e ao que construímos nós”.
Percorrido polos centros educativos
Unha extensa axenda de actividades e publicacións promovidas por asociacións, escolas, empresas e institucións diversas celebra desde comezos deste ano o Día das Letras Galegas 2012. A Xunta de Galicia, como xa o vén facendo de maneira habitual, únese tamén a este festexo apoiando diversas iniciativas que contribúen a un maior coñecemento do autor ou autora homenaxeado.
Entre elas atópase esta mostra itinerante, que despois do seu paso polo IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa percorrerá ata final do curso académico 2011-2012 o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, o CPI Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna, o IES Gregorio Fernández de Sarria, o CPI da Picota de Mazaricos, o IES O Mosteirón de Sada, o IES Xermán Ancochea de Pobra de Trives e o IES Lago de Antela de Xinzo da Limia.
No segundo semestre do ano, a exposición sobre Valentín Paz-Andrade estará nas bibliotecas nodais de Galicia.
Tecnoloxías para a aprendizaxe e a dinamización da lingua galega
A exposición itinerante sobre a vida e a obra de Paz-Andrade non só trata a figura deste autor en lingua galega, cuxa obra se estuda nas clases da ESO e do bacharelato, senón que o fai empregando distintos medios –audiovisuais e escritos- que facilitan o traballo das diferentes destrezas lingüísticas no ensino e na aprendizaxe do idioma. Tamén contribúe á dinamización da lingua galega, a través da promoción de novos espazos de uso e de presenza do galego nos centros, e mais de materiais atractivos en lingua galega que mostran elementos do noso pasado recente empregando para iso as tecnoloxías máis actuais.