Aquel Estatuto
18/10/2012
Nunha das súas derradeiras intervencións públicas, o 28 de xuño de 1986 durante os actos dos cincuenta anos do pleibiscito ao Estatuto de Autonomía, no auditorio da Antiga Caixa de Aforros de Vigo, fixo un breve discurso que resumía o seu compromiso vital e no que non esqueceu os mártires do 36. Acaso sexa o mellor epílogo a un tempo e un desafío que ocupou de corpo enteiro a Paz-Andrade e á súa xeración en épocas moi duras e que segue a petar nas conciencias.
XAN CARBALLA: "Biografía de Valentín Paz-Andrade"
“Lémbrome daquel 28 de xuño de 1936, en que Galicia mobilizou as súas reservas cívicas, adormecidas durante tantos séculos, e dunha maneira unánime, co consenso de todos os partidos polítcos, pronunciouse afirmativamente en favor do primeiro Estatuto. Un estatuto do que nos doeremos sempre que non houbese atopado a fortuna que merecía, porque daquela a democracia impregnou moito máis ca no Estatuto posterior, nos principios polos que se debería rexer a nosa terra. Aquel Estatuto supoñía que as institucións representativas do Goberno levaran outra altura, outra profundidade democrática, outro alento moito máis puro e moito menos interferido polos residuos do poder central, que no actual Estatuto subsisten. [...]
Pero non é o momento de facer ningunha crítica, é un momento de afirmar a nosa ledicia. Quero ter unha lembranza para os mortos que aquel movemento, suscitado como reacción dos estatutos, as liberdades e a institución republicana, causou na nosa terra. Debémonos lembrar que daquela, altas personalidades de Vigo, que están no mente de todos, foron covardemente sacrificadas. [...] A data incorpórase ao patrimonio espiritual dunha terra da nosa terra galega, pero aínda temos moito camiño por andar. [...] Estamos escomenzando aínda unha conquista que para todos é un deber e unha obriga sagrada. Eu sei que pola miña banda poucas enerxías me quedan para entregarme a esa loita, pero vós, que vides detrás, aqueles que sucedestes a xeracións que demos o peito naqueles días, tedes esa obriga para o futuro. Xa sei que non fai falla dicirvos o que hai que facer, pero quero lembrarvos que estamos na metade do camiño. Fai falla vencer moitas resistencias que aínda se opoñen a ese avance dos dereitos de Galicia”.
Valentín Paz-Andrade
Vigo, 28 de xuño de 1986