A Xunta e a Real Academia Galega colaboran na conmemoración do Día das Letras Galegas 2012 e no 50º aniversario desta celebración
www.xunta.es
Santiago, 9 de abril de 2012.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta mañá un encontro co Presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen lle ofreceu “a máxima colaboración do Goberno autonómico na celebración do 17 de maio e na posta en valor da lingua e da cultura galegas”. A cooperación entre ambas as institucións centrou o encontro desta mañá, no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos.
Durante a xuntanza, Núñez Feijóo avanzoulles aos académicos as actividades coas que o Goberno autonómico se suma á festividade das Letras Galegas 2012, dedicada a Valentín Paz-Andrade. O programa, que será presentado no Consello da Xunta nas próximas semanas, inclúe diversas propostas que afondan na vida e na obra do escritor e empresario para lle achegar á cidadanía o seu valioso legado, así como para poñer en valor a lingua e a literatura galegas. Ademais, o titular autonómico tamén confirmou “o compromiso da Xunta coa celebración do 50º aniversario do Día das Letras Galegas” para o que a RAG está a preparar unha programación especial de actividades.
Como vén sendo habitual, o propio 17 de maio, os máximos representantes da Xunta de Galicia acompañarán o plenario da RAG no acto institucional que promoverá este ano en Vigo. Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo convidou a Academia a participar no acto que promoverá a Xunta de Galicia ese mesmo día na cidade da oliveira para sumarse á festa das letras galegas.
Programación para celebrar as Letras Galegas
Unha extensa axenda de actividades e publicacións promovidas por asociacións, escolas, empresas e institucións diversas celebra o Día das Letras Galegas deste ano 2012. A Xunta, como xa o vén facendo de maneira habitual, únese tamén ao festexo este ano apoiando e impulsando diversas iniciativas que contribúen a un maior coñecemento do escritor homenaxeado.
Con este obxectivo, o Goberno galego programou diversas actividades desde o inicio do ano, entre as que se inclúen dúas exposicións nos centros educativos. A primeira delas confórmana os carteis gañadores do concurso escolar que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre o Día das Letras Galegas, na que este ano resultaron premiados o CEIP Alfonso Daniel R. Castelao, de Rianxo, e o IES Xoán Montes, de Lugo. As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura tamén levarán por centros educativos unha exposición itinerante sobre Valentín Paz-Andrade, con cinco paneis con audiovisuais, que completará o seu percorrido polas bibliotecas nodais de Galicia.
Minipezas audiovisuais e accións de rúa
A programación tamén inclúe diversas actuacións de dinamización social, entre as que destaca o apoio ao web oficial de Valentín Paz-Andrade (www.valentinpazandrade.com), promovido por Industrias Pesqueras. Ademais dos actos institucionais en Vigo o propio 17 de maio, a Xunta completará estas actuacións coa difusión de poemas sobre o escritor a través da canle de televisión pública autonómica, en formato de minipezas audiovisuais que se emitirán durante o mes de maio, e con accións de rúa de música e poesía.
A Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoven tamén Lingua de namorar, un concurso de declaracións amorosas en galego a través do web, que vincula a celebración das Letras Galegas e internet e que se enfoca á xente nova.
Edicións conmemorativas
As publicacións serán tamén unha canle importante para se achegar á vida e á obra do escritor. O 2 de abril, Día do Libro Infantil, a Secretaría Xeral de Cultura presentaba a biografía e antoloxía para nenos e mozos sobre Paz-Andrade, editada por Xerais. Nas próximas semanas verán a luz outros títulos que tamén contan co apoio do Goberno galego: a edición facsímil de Galicia como tarea, unha recompilación da obra poética de Valentín Paz- Andrade e a edición da relación epistolar entre Díaz Pardo e Paz-Andrade, as tres en Xerais; a obra Castelao na luz e na sombra, de Galaxia; e a edición do epistolario inédito de Valentín Paz-Andrade, na colección Cadernos Ramón Piñeiro.
Proxección internacional de Paz-Andrade
Completan a programación diversas iniciativas que difundirán o legado de Paz-Andrade no exterior. A través da súa rede de Centros de Estudos Galegos, a Xunta organizará en maio recitais, encontros, conferencias e exposicións de pequeno formato en universidades de todo o mundo. O Goberno galego tamén aproveitará a súa presenza nas grandes feiras do libro de América, a de Guadalaxara e a de Bos Aires, para difundir no stand oficial de Galicia a obra de Paz-Andrade. O Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e o Centro Galego de Barcelona serán outras das entidades que sumarán á celebración do 17 de maio fóra da comunidade autónoma galega. Finalmente, a proxección internacional de Paz-Andrade reforzarase cun suplemento especial sobre o escritor na publicación mensual España Exterior, que se distribúe en centros galegos de todo o mundo.