A exposición "Valentín Paz-Andrade. Galicia como tarefa" inaugúrase hoxe en Vigo.
15/05/2012
A mostra, que permanecerá aberta desde hoxe 15 de maio até o vindeiro 8 de xullo, esta comisariada por Xosé Díaz Arias de Castro e pretendeofrecer unha visión ampla deste galego poliédrico que compartiu tempo, inquedanzas e iniciativas cos máis grandes representantes da cultura galega do século xx (Castelao, Luís Seoane, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Díaz Pardo ou Alexandre Bóveda). Escritores, intelectuais, políticos que protagonizaron momentos historicamente relevantes como a proclamación do Estatuto de Autonomía de Galicia, o estalido da guerra civil e posterior represión franquista, a supervivencia e o desenvolvemento da cultura galega, dentro e fóra das fronteiras, ademais da transición, onde Valentín xogou un destacado papel como representante de Galicia.
A presente exposición destaca de xeito especial a actividade como empresario de Paz-Andrade. Isto é debido ao carácter progresista, revolucionario e reivindicativo de moitas das súas iniciativas, pioneiras e arriscadas dentro da época convulsa que lle tocou vivir e cuxa importancia chegaría incluso a superar as múltiplas restricións ás que se viu sometido debido ao seu compromiso político.
A mostra se divide en 25 seccións, ordenadas, na súa maior parte, cronoloxicamente. Nelas atoparanse documentos orixinais, fotografías da época, mapas, debuxos, maquetas, diferentes obras de arte e documentos audiovisuais; un percorrido exhaustivo pola biografía, a creación, o compromiso e o inmenso esforzo de Paz-Andrade por reivindicar Galicia como nación.
A exposición acompáñase dun catálogo no que destacados persoeiros analizan a vida de Paz-Andrade. Baixo o mesmo título que leva a mostra, o libro recolle textos de Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Ramón Villares, Víctor Freixanes, Jordi Pujol, Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Miguel Anxo Seixas Seoane, Uxío Labarta, Xoán Carmona, Alfonso Álvarez Gándara e Xosé Díaz Arias de Castro.
Novacaixagalicia, neste recoñecemento particular á figura de Paz-Andrade, achegará, tamén, aos nenos esta meritoria tarefa de construír Galicia. Para iso prepara una serie de obradoiros, ao amparo da exposición, nos que os máis pequenos poderán ser poetas por un día. A reserva pódese facer no número 986 129 032.
O proxecto que hoxe a caixa galega estrea en Vigo é froito da colaboración institucional coa Fundación Luis Seoane.