A exposición sobre Valentín Paz-Andrade retoma nas bibliotecas a súa itinerancia
05/09/2012
Logo do seu paso por centros educativos de toda Galicia, esta mostra multimedia inicia hoxe a segunda etapa do seu percorrido na Biblioteca Pública de Pontevedra, onde poderá visitarse ata o 16 de setembro
Cinco paneis con textos e audiovisuais sobre a vida e a obra do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 conforman a mostra, que percorrerá as bibliotecas nodais de Santiago, de Lugo e da Coruña, o Espazo Xoven de Ourense e o Museo do Mar de Galicia ata comezos de 2013
Logo do seu paso por diversos centros educativos de toda Galicia entre os meses de abril e xuño de 2012, a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística retoman a itinerancia desta exposición para favorecer o coñecemento entre a cidadanía do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. Con este obxectivo, a mostra percorrerá as catro provincias galegas desde setembro ata xaneiro de 2013.
Un percorrido polas catro provincias galegas
As bibliotecas nodais de Santiago de Compostela (desde o 18 ata 31 de setembro), de Lugo (entre o 2 e o 14 de outubro) e da Coruña (desde o 16 ao 29 de outubro) serán as próximas paradas da exposición, que tamén se poderá visitar no Espazo Xoven de Ourense, do 1 ao 14 de novembro, e, finalmente, no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a partir do 15 de decembro e ata o 19 de xaneiro.
Textos e audiovisuais para afondar na figura de Paz-Andrade
Cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas de Valentín Paz-Andrade conforman esta exposición. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.
Esta exposición itinerante sobre Valentín Paz-Andrade forma parte das diversas iniciativas que a Xunta de Galicia programou durante este ano para celebrar o Día das Letras Galegas 2012.