‘Un vector básico para o noso futuro económico é pegarse ao Brasil. Temos que aproveitar o idioma común’
‘Teño amigos en moitas empresas españolas, e polo simple feito de seren galegos encárganos de soster as relacións, sexan postais, telefónicas ou de contacto directo e negociación con Portugal e Brasil. Iso xa fala de oportunidades que non son aproveitadas’. O enxeñeiro e economista Joám Lópes Facal (Toba-Cee, 1940), considera que a intuición de Paz-Andrade sobre a proxección do galego-portugués no mundo como oportunidade económica abriu un camiño que Galicia debe percorrer para non perder unha ‘vantaxe comparativa decisiva no actual proceso de globalización’.
Galiza é a fonte, Portugal a ponte e Brasil o paraíso prometido, esta é a frase de Paz-Andrade que vostede recolle como un auténtico slogan. Entende que Valentín é con Ernesto Guerra da Cal e Ricardo Carvalho Calero a tríada de persoas que comprenderon a importancia da comprensión do galego nunha área lingüística común, a do galego-portugués. De entre os tres Paz-Andrade é o máis diverso en preocupacións.
Son tres proscritos da súa xeración. Foron republicanos, liberais, profundamente nacionalistas pero non casaron co nacionalismo instalado, que acabaron representando Galaxia e Ramón Piñeiro. Da morte de Guerra da Cal non deron noticia os diarios galegos e a Carvalho segue sen adicárselle o Día
Cando lle preguntaban polo reintegracionismo dicía que era unha nobre tolería que agora pode non ser aceitada pero non podemos negar esa raíz porque senón seremos asimilados polo castellano
das Letras o que amosa a profundidade da ferida entre as dúas ponlas do nacionalismo. Xentes como Dieste, Seoane ou Díaz Pardo pertencen tamén a unha zona con máis sombra, porque tiveron unha visión máis conflitiva e foron máis fieis ao legado de Castelao.
Paz-Andrade era unha persoa multifacética. Os seus libros de economía teñen unha retórica literaria moi especial, unha vontade de estilo que pode gustar ou non, moi diferente da claridade da prosa de Castelao. Era un home de tribuna, cunha grande personalidade desde novo, que contaba coa simpatía e a confianza de Castelao. Naquela división nacionalista influía que Paz-Andrade era tamén un home de empresa, que ademais de ter formación de letras dirixiu a súa atención a outras actividades. Para min é un intelectual moderno, na definición do meu admirado Antonio Gramsci, que distinguía entre o intelectual tradicional, no que poderíamos situar a Otero Pedrayo, e o moderno, que sería proxectivo, capaz de propoñer á sociedade, que era un opinion maker, que se adicaba ao xornalismo, que sabía de economía, e en Galicia desta caste escasearon e por iso o verniz tan literario do noso nacionalismo. Desa caste de intelectuais modernos encontro naqueles anos a Eloi Luís André e a Valentín Paz-Andrade.
En materia de lingua e economía sempre tivo un fío claro de por onde debían ir as cousas. As ideas que expuxo sobre Brasil en relación á lingua son de 1968, e aos ollos de hoxe cúmprese rigorosamente a súa visión en canto a potencia económica e futuro dun país cunha lingua común á nosa.
Aquí foi unha anticipación. Stefan Zweig, que se suicidou en Petropolis (Estado de Río de Janeiro), xa escribiu Brasil, país de futuro en 1941 e no propio Brasil pensan sempre en convertirse nos Estados Unidos do sur. Sería interesante indagar porque aínda non se produciu esa eclosión, como poderíamos preguntarnos porque México non foi un grande como os EEUU, pexado como tantos
Paz-Andrade foi un intelectual moderno, na definición do meu admirado Gramsci: proxectivo, capaz de propoñer á sociedade
outros países latinoamericanos pola herdanza do caudillismo ibérico e outras moitas cousas. Brasil foi unha deslumbramento para Valentín, que entrou na Academia Galega cun discurso sobre a presenza galega na obra de João Guimarães Rosa. Brasil ten un atractivo moi potente porque mistura a máxima modernidade con moitos arcaísmos, e en materia de lingua conserva no interior moita presenza de galegos, minhotos e transmontanos. Agora estou preparando a tese de doutoramento sobre a Banca Olimpio Pérez, e analizando as remesas de emigrantes son moitas as que proceden do Brasil.
Valentín tiña unha visión profundamente nacionalista, e sabía que Galicia era Galicia, pero cando chegou a Brasil descubriu un mundo inmenso, cheo de posibilidades e recursos e a esta imaxe foille fiel toda a vida. Cando lle preguntaban polo reintegracionismo dicía que era unha nobre tolería que agora pode non ser aceitada pero non podemos negar esa raíz porque senón seremos asimilados polo castelán.
As vantaxes comparativas para o noso futuro dunha emigración que se asentou alí e a identidade idiomática común, son reais ou ideais?
Jim O’Neill, analista de Goldman Sachs que creou o acrónimo dos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica), pensa que as destes países serán as economías dominantes en 2050. Hoxe Brasil conta xa con grupos empresariais moi potentes en aviación, minería, comunicación, siderurxia e tamén petróleo e biocombustíbeis, ten entre 15 e 20 cidades por riba do millón de habitantes e unha megalópole como São Paulo de 11,5 millóns. Isto é Brasil hoxe. O Globo é un dos principais grupos de
Podémonos medir en dotación de recursos con Holanda ou Bélxica. Só nos falta organización social, conciencia de cohesión, confianza nacional e un proxecto de futuro
comunicación do mundo con 24.000 empregados e 3.500 millóns de dólares en vendas anuais (2005). Teño unha anécdota que fala do poder do Brasil como unificante lingüístico. Fixen a carreira de cinco anos de portugués na Escola de Idiomas en Compostela, e unha das actividades que realizamos foi unha mesa redonda baixo o título “Entendémonos”. Estaban alí un galego, un angolano, un brasileiro e un lisboeta (director do Instituto Camões). Cada un falou co seu propio sotaque e todo comprendemos sen dificultade. Houbo os piques habituais Portugal/Brasil, e o brasileiro dicíalle aos galegos “falen como o fan, o seu é un portugués perfecto, o portugués dos galegos. Nós en Brasil temos infinidade de sotaques, moitos semellantes ao seu, outros ao de Lisboa”. E para min o angolano é un galego perfecto. O que alí participou era lector de portugués en Santiago e contaba como a certa hora da tarde paralízase o seu país porque se emiten os romances da televisión O Globo, que son sagrados. Contábanos que o idioma que poñía en circulación a tv do Brasil estaba unificando os distintos acentos do portugués da Angola. Este fenómeno pode acabar impóndose en todo o mundo da lusofonía. Eu lamento que en Galicia teñamos tan pouco acceso aos contidos audiovisuais do Brasil.
O potencial do Brasil tamén o vemos en noticias que se coñecen nestas semanas. A primeira é que o The New York Times ven de anunciar que en 2013 van facer dous xornais no Brasil (dixital e impreso), e din que é unha decisión moi meditada no Consello de Administración, que pensou que era a mellor maneira de dar o salto ao mundo globalizado. A outra noticia é o baremo sobre o crecemento das linguas en internet no período 2000-2011, onde o portugués medra en índices enormes, situándose só por detrás en usuarios totais por lingua, do inglés, chinés, español e xaponés, mais por riba de alemán, árabe, francés, ruso e coreano.
Por todo isto as intuicións de Paz-Andrade non só tiñan perspicacia, tamén se confirmaron. Os irlandeses tiveron éxito cando se integraron en Norteamérica como falantes de inglés cunha forte personalidade e actuaron como un clan potente. Os empresarios galegos e as institucións culturais e políticas galegas son moi provincianos e non só non se dan conta que temos un idioma (que para si quixeran con esa proxección internacional vascos e cataláns) con esa potencia e esa enorme facilidade de comunicación, senón que ademais consideran que resaltar esa identidade lingüística convértese nun asunto sospeitoso. O que lle queda a Galicia é sermos os irlandeses da Europa no Brasil e tomar a dianteira. En economía quen dá o primeiro paso, fai os primeiros acordos, senta nunha reunión e fala no idioma do seu interlocutor gaña moito. Para un brasileiro é un descubrimento saber que existe Galicia.
Paz-Andrade non chegou a facer unha aproximación ortográfica definitiva.
Tampouco Carvalho Calero. Simpatizaron e prepararon o terreo ideoloxicamente. Anda por aí unha petición para reunir 15.000 sinaturas e levar ao Parlamento o debate da introdución temperá do portugués no sistema educativo, a carón do galego, para que os rapaces vexan que é o mesmo idioma escrito con dúas grafías. Pero hai unha fortísima oposición.
O debate ortográfico foi descarnado durante estas décadas. Podería establecerse hoxe noutros parámetros ou tomar outras iniciativas de aproximación?
Teño amigos en moitas empresas españolas, e polo simple feito de seren galegos encárganos de soster as relacións, sexan postais, telefónicas ou de contacto directo e negociación, con Portugal e Brasil. Iso xa fala de oportunidades que non son aproveitadas. O director da Escola Oficial de Idiomas
Sería independentista radical en cultura e idioma, que é unha variante histórica da cultura lusófona que nunca se debe perder, pero en materia económica temos que ser europeístas
de Santiago dime que están a medrar moito os estudos de portugués, tamén porque agora veñen os Xogos Olímpicos e o Mundial de fútbol e Brasil vai estar de moda rabiosa. A tecnoloxía cada vez ofrece máis de serie a posibilidade de elixir o idioma portugués en aparellos que establecen comunicación co usuario e mesmo as rotulacións en portugués medran en moitos produtos. Isto non existía hai tempo e son só exemplos positivos como cando Camilo Nogueira exerceu de europarlamentario, adaptaba un pouco o seu galego-portugués e xa entraba directamente no sistema de tradución oficial do portugués no Parlamento aos outros idiomas comunitarios. Mesmo Aznar tivo que poñer os auriculares para entendelo. Isto é dunha riqueza enorme e resulta incríbel que a xente o rexeite por mala información ou acreditando en tópicos de que ‘ao fin todos somos españoles’ ou ‘Portugal es el extranjero’.
Con Brasil as cousas van mudar. Brasil é un país seguro de si mesmo, que pertence por dereito propio ao G-20 e eles mídense cos grandes. Hoxe a súa política exterior é completamente independente dos EEUU, unha política á que non se atreve nin España, nin Francia, nin Alemaña. A potencia económica acaba sempre converténdose en potencia cultural e lingüística, e se hoxe se pon o alemán de moda é pola súa forza económica. Estando Brasil nunha mudanza tan importante seriamos absurdos se a un prazo tan breve non comezáramos a pensar –polo menos os que somos nacionalistas– que unha variábel para o futuro de Galicia, un vector básico, é pegarse ao Brasil, moito máis que a Lisboa. Portugal ou a súa literatura poden ser o noso amor, pero Brasil é o noso futuro, onde posibelmente os nosos fillos ou netos atoparán traballo, na medida en que a Unión Europea está quedando pequena nun mundo que medra desmesuradamente. Da mesma maneira que se estuda chino mandarín nós temos un chino mandarín ao lado da casa que sería óptimo que comezase a entrar na nosa TV e na nosa escola aínda que só fose para ir facendo orella e comparar e ver que falamos un mesmo idioma. Até Extremadura está mellor ca nós esta materia e só por un rexeitamento ideolóxico.
Comparte a idea de que o futuro da economía galega pasa pola internacionalización das súas empresas e a entrada en mercados exteriores?
Les as posicións económicas dos libros de Beiras ou de Paz-Andrade e decátaste que están ultrapasadas. Aínda que en Galicia como tarea está o mellor Valentín, o que mestura cultura, economía, números e proxección de futuro, o seu horizonte non pasou do que se chamou o CEPAL,
que propuña un desenvolvemento moi autocentrado, no que o fundamental era a substitución de importacións, independentemente dos custes. Iso tiña todos os perigos da autarquía. A posición do galeguismo tradicional, no que están eles dous e algúns outros autores galegos, aínda que non hai moito pensamento económico no nacionalismo galego, é do que nas facultades se chamaba de estrutura económica, que consistía en facer un reconto dos factores básicos de desenvolvemento: man de obra activa, barata, ben formada e abundante, recursos naturais en abundancia e aforro. Aí remataba o asunto. Se iso se daba, como por arte de maxia tiña que darse o desenvolvemento. Sabemos que a cousa non é así. Estamos nunha economía globalizada, e en vantaxe do consumidor podes mercar un queixo de Arzúa, francés ou danés. Podes importar petróleo ou carbón polaco ou queimar briquetas que fas aquí, e só vas usar en todos os casos o baremo combinado do prezo e a calidade, ou sexa capacidade de competir en mercados abertos. É unha simplificación, pero se estás facendo algo que sae máis barato noutros lugares, ou copias ese modelo ou tes que desaparecer. Isto é vello en teoría económica, desde David Ricardo, que foi mestre de Marx, e é o que se chaman vantaxes comparativas en mercado aberto.
Cal é a diferenza actual respecto ás visións de Valentín?
Que hoxe a economía se xoga en grandes bloques. Hai unha area do ien, outra do dólar e outra do euro, e ninguén quere marchar delas porque as presións fóra serían insoportábeis. Saír do euro podería ter vantaxes, pero de inmediato pararía todo porque non poderíamos importar enerxía. O euro e a súa cotización relativamente alta protéxenos nos mercados internacionais, porque tamén é unha moeda contra a que non se pode especular, mantén o pulso co dólar e o ien e é moeda de reserva da economía china emerxente. Todo iso estabilízanos. Non hai ningún futuro para Galicia, e tampouco
A economía xógase en grandes bloques. Hai unha area do ien, outra do dólar e outra do euro, e ninguén quere marchar delas porque as presións fóra serían insoportábeis.
para España, se non está incorporada nun gran espazo económico ou nunha area monetaria. O que se precisa é que esquerda democrática conquiste as institucións europeas e as mobilice contra a fame, pola paz e o equilibrio mundial. Iso non o pode facer unha ONG nin un só país, é labor da Unión Europea. Dito en poucas palabras: eu sería independentista radical en cultura e idioma, que é unha variante histórica da cultura lusófona que nunca se debe perder, pero en materia económica temos que ser europeístas, porque a través de Europa e da súa mobilización podemos influír no mundo. A isto loxicamente non chegou Valentín, porque os seus libros realízaos despois da II Guerra Mundial, que foi o momento da socialdemocracia, das políticas igualitarias ou do keynesianismo que hoxe só pode articularse a nivel europeo e non só nun único país. E intentouno Miterrand, e tamén Zapatero cun keynesianismo de andar por casa. Naturalmente tivo que retroceder. Pero Europa si pode facelo.
No pensamento económico galego fai falta revisar as propostas desde un ponto de vista global. Os discursos arcaicos do tipo ‘Europa dos mercaderes’ ou ‘imperialismo’ non valen, e iso non é negar que existan políticas agresivas, pero a oposición ten que ser europea. Nun mundo no que toda situación é global non podemos senón pensar nun internacionalismo que empece por reivindicar a túa identidade pero, como dicía o nacionalismo nunha das grandes definicións de Castelao e do Partido Galeguista, con Galicia como célula de universalidade. Velaí o mellor do nacionalismo galego, a apertura de saber quen somos e que temos un papel no mundo.
Vostede fala de que cada país ten que explotar as súas vantaxes comparativas. Nós temos varias, a do idioma como vimos falando, certa capacidade enerxética, ou a nosa franxa atlántica pero tamén déficits graves do que a curva demográfica negativa é unha eiva principal.
A dotación de recursos naturais é unha vantaxe. Temos un terzo das costas españolas, porque é tan recortada que un de cada tres quilómetros está en Galicia. Temos un mar moi rico en produtividade,
Os empresarios galegos e as institucións culturais e políticas galegas son moi provincianos e non só non se dan conta que temos un idioma que para si quixeran con esa proxección internacional vascos e cataláns
coas rías galegas como estrelas. O 40% da madeira que se produce en España está en Galicia, e un eucalipto en Huelva tarda o triplo de tempo en medrar que nunha plantación galega como a de Cedeira e ten moita menos celulosa e por tanto rendemento, por máis que discutamos a ordenación forestal. Nin sequera en Uruguai, onde Ence fixo grandes plantacións, ten a riqueza en fibra e celulosa que o producido no país. Temos condicións edafolóxicas boas para leite e carne, boa calidade enerxética aínda por explotar no plano da eólica, que aínda vai mellorar moito nos rendementos por muíño, pasando de 3 a 5 megavatios. E a riqueza maior de calquera país é a xente, nesa materia estamos empobrecidos porque estamos largando aos mellor preparados. A nosa mellor baza económica está sen explotar: temos que facer que dúas ou tres xeneracións teñan unha educación superior de calidade, como aínda non hai, e cando o logremos, co dominio das dúas linguas romances máis potentes do mundo (portugués e español) e estando nunha area económica protexida, con tecnoloxía e unha sociedade democrática e esperemos que cohesionada, poderemos medrar. Non temos petróleo pero podémonos medir en dotación de recursos con Holanda ou Bélxica. Só nos falta organización social, conciencia de cohesión, confianza nacional e un proxecto de futuro.
Por Xan Carballa
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2012
Foto: Sabela Vázquez Díaz
Ligazóns de interese:
Valentin Paz-Andrade, pioneiro do reintegracionismo e do Acordo Ortográfico