‘Un dos eixos estratéxicos do galeguismo debería ser reintegrar Portugal’
“A posibilidade real de vivir nun país libre e avanzado está agora, máis do que nunca estivo, nas mans dos galegos: esixindo democraticamente aquí, en España, en Europa, aquilo ao que teñen dereito, pero tamén actuando como membros dunha sociedade educada, tolerante e solidaria”, así finalizaba Enrique Sáez Ponte (A Coruña, 1947), o seu ensaio O mundo e nós. Unha análise sobre os retos da Galiza no novo milenio (Xerais, 1999). Pasaron quince anos e un río de acontecementos abalou o mundo. O currículo de Sáez é extenso, traballou desde 1972 no Banco Pastor, do que foi director xeral, administrou a empresa Torres&Sáez, preside a Fundación Juana de Vega. Nesta entrevista revisita algunhas das preocupacións que abordara naquel ensaio e apunta posibilidades de futuro á saída da crise.
En termos do poder financeiro a crise actual vaise saldar en Galiza coa desaparición do sistema de caixas de aforro, agora unidas nun banco con destino incerto, e coa venda do Banco Pastor ao Banco Popular. Que perspectiva de futuro temos ante ese alleamento dos centros de decisión?
Regular o sistema financeiro non é fácil pero hai que facelo, porque o diñeiro é a única mercancía que non é material e iso ten que estar regulado polo estado.
Falar do futuro sempre é complicado e aínda non sabemos que sucederá coas caixas e que vía se vai seguir para acadar o capital que precisan. O das caixas e o Pastor son asuntos diferentes cun elemento común: investiron demasiado no inmobiliario, sobre todo fóra de Galiza. O Pastor cometeu un erro hai unha década, mudando o equipo directivo e chegado ao punto no que estaba fixo ben en vender. Afortunadamente a Fundación Barrié vai continuar e seguirá cobrando dividendo polas accións do Popular, pero a perda de postos de traballo e a capacidade de canalizar o aforro dentro do tecido produtivo próximo perdeuse. As caixas tiveron un mesmo elemento común, e aínda que non me gusta a historia ficción, cometeron o erro previo de non fusionarse no ano 2000. Faleillo daquela aos conselleiros do ramo, pero pesaron máis outros factores como os equilibrios do Norte e o Sul, e o que puido facerse a tempo converteuse nunha forte competencia entre elas que as debilitou. Os competidores eran o Santander, o BBVA, Caja Madrid, La Caixa e debíanse fortalecer fronte a eses competidores. Pero unha vez que se tomou aquela decisión política perdeuse unha oportunidade.
O que xa non ten volta atrás é que desaparecen tamén unhas entidades financeiras singulares que non repartían dividendos.
Desapareceron e non van volver coas mesmas características. E fixérono por estar mal reguladas. O da regulación financeira é un debate mundial. Se colles o The Economist, que transmite as ideas dos ingleses con Londres como o centro financeiro do planeta, ves que falan todas as semanas desa cuestión, loxicamente sempre a pensar nos seus intereses, pero aquí nin iso. Para min as caixas foron mal reguladas en 1977/78. Enrique Fuentes Quintana no primeiro goberno da UCD, deixoulles facer de todo sen cambiar o estatuto xurídico. Eran unhas entidades gremiais, con forte compoñente local –como seguen sendo en Alemaña– e unha función clara, pero creouse un tinglado cunha enorme capacidade de expansión, pouco control e moita liberdade de decisión para os directivos. No sistema financeiro iso é moi perigoso porque é un grande xerador de burbullas, e hoxe é esa banca social a que está precisando a axuda do estado. O sector privado transformouse na década 70/80 reducíndose a moi poucas entidades pero as caixas non, mantivéronse con duplicidades e sobredimensionamentos.
A Valentín resultaríalle curioso o actual proceso de apertura exterior e como se produciu.
A regulación ten debates moito maiores, por exemplo o dos bancos de investimento internacionais que queren volver á Glass-Steagall Act [lei que estabeleceu Roosevelt en 1933 para controlar a especulación logo da crise de 1929 e que foi abolida en 1999], que separa esa banca da comercial. Isto é teórico. A caida de Lehman Brothers, que era un banco de investimentos, afectou a todos os bancos comerciais porque o problema era a burbulla especulativa. A separación de bancos comerciais e de investimentos é artificial coa actual integración de mercados e só interesa a prazas financeiras como Nova York ou Londres, que queren manter aos seus principais motores financeiros con esixencias de capital máis baixas. Regular o sistema financeiro non é fácil porque hai moitos intereses en xogo pero hai que facelo, porque o diñeiro é a única mercancía que non é material, ten unha grande capacidade de expansión e iso ten que estar regulado polo estado, e dígoo eu que teño un pensamento bastante liberal. A capacidade de emitir moeda foi un privilexio do emperador, do rei ou quen fose, pero aínda que hoxe o 94 % da moeda créase a través do sistema financeiro privado (a dimensión do efectivo é moi pequena) hai que regulalo. Iso é o importante desta crise porque senón en 15 ou 20 anos estamos nas mesmas.
Esa idea da intanxibilidade dos cartos resulta tamén de difícil comprensión cando pensamos en épocas pasadas nas que o respaldo do ouro era preciso. Sobre estas cousas fala no seu libro La energía oscura del dinero (2007).
Cos acordos de Bretton Woods, despois da II Guerra Mundial, ese respaldo que xa era moi teórico foise desfacendo. O diñeiro ten dous compoñentes: a información contábel que cada día se manexa mellor cos ordenadores e ten un soporte xurídico que dá lugar a produtos derivados fortes, e un segundo factor que é a confianza. Eu son empresario do sector do ferro e sei que levar unha viga ten un custe, porque pesa moito, e limita a capacidade de competir lonxe de onde tes o almacén, pero o diñeiro é inmaterial e os seus elementos só están sometidos á capacidade tecnolóxica e á protección institucional.
Pero a evolución dunha sociedade depende tamén da súa capacidade financeira. Dá vertixe pensar no Valentín Paz-Andrade que promovía nos primeiros anos da década dos 60 a creación dun Banco Industrial que canalizase o aforro como motor de desenvolvemento e a situación e os debates actuais.
Galiza está adaptándose a un mundo aberto e estáo facendo ben. A desaparición da fronteira sur é básica para nós.
Hoxe, o acceso ao crédito non debería ser problema, unha vez recapitalizado o sector financeiro. Cando Paz-Andrade, había unha estructura dese sector moi diferente: poucas alternativas de financiación, coeficientes obrigatorios... Hoxe estamos metidos nese barco que ten poucas restricións comerciais e hai que espabilar.
Estas cuestións abordounas vostede en moitos textos, e tamén nun libro que facía prospeccións de futuro, O mundo e nós. Pasaron quince anos fulgurantes, cal é a súa proxección de futuro agora? Por onde pode ir hoxe o noso crecemento económico?
Un liberal é por definición pouco dirixista, pero o principal activo dunha sociedade é a xente. Tamén inflúen os recursos pero hai sociedades que os teñen sobradamente e son probes, e así temos economistas que falan da desgraza do petróleo. A riqueza está na xente e na estruturación da sociedade. Galiza está adaptándose a un mundo aberto e estáo facendo ben. A desaparición da fronteira sur é básica para nós. Fomos un sur, agrícola e atrasado en termos económicos, situado no norte, pero fomos un norte sen sur. Castela non foi quen de que España non fose un fracaso, e agora a desaparición da fronteira abre un mercado natural co que relacionarnos. Portugal está coxunturalmente mal, pero as cousas mudarán porque o artellamento económico opera a longo prazo.
O vento é máis difuso como enerxía pero podería ser unha grande de inxección de recursos no rural, e a Xunta equivocouse ao suspender o concurso eólico no momento que o fixo por razóns políticas.
Por outro lado a globalización dá máis oportunidades a quen ten portos e isola máis aos que están no interior. Antes, cun mercado pechado, todo o mundo tiña as mesmas oportunidades, aínda que nós algunhas menos polo noso carácter periférico. Pero Galiza empezou a exportar e hoxe a exportación supón un 30% do noso PIB e representa o 8% da exportación española, velaí un dado derivado da nosa posición estratéxica. Aparecen unha chea de empresas que exportan e non é Citröen o que marca ese aumento continuo desde que entramos na UE. A nosa é unha economía pequena (2,7 millóns de habitantes) e se tivésemos máis empresas grandes como Inditex seríamos California, pero é bo ter algunhas de grande dimensión se queres ser competitivo.
En O mundo e nós falaba da caída do estado-nación e á xente moléstalle que o estado non teña capacidade de decidir sobre o que ocorre, pero é que o proceso de apertura comercial é tan brutal que os estados de dimensión media non poden controlar o que lles pasa. Iso produce frustracións porque a construción da soberanía en torno a un estado-nación todopoderoso que tiña sensación de que facía o quería xa non ocorre nin vai volver, salvo que haxa unha volta atrás despois dunha longa depresión. A Unión Europea xógase moito agora coa creación do euro, e todos os que esteamos dentro de aquí a 2 ou 3 anos, estaremos máis capacitados para desenvolvernos.
Cita o The Economist cando fala da auga como a gran materia prima estratéxica e tamén podíamos situar o vento como outro elemento de futuro. Ambos e dous témolos no país e son claves de desenvolvemento.
Nós tiñamos que ter unha tarifa eléctrica diferenciada e na planificación pública tamén se tiña que ter en conta a proximidade á fonte de produción.
Son vantaxes comparativas que se deben aproveitar. Na Fundación Juana de Vega, mediante un convenio coa Universidade de Vigo, editamos un manual dirixido aos propietarios e administradores de montes en man común, para negociar o vento. Aquí págase menos pola instalación dos muíños, en función dos megavatios, que en calquera sitio de España e á Xunta non lle importa, só lle interesa recoller a plusvalía por medio dun imposto. O vento é máis difuso como enerxía pero podería ser unha grande de inxección de recursos no rural, e a Xunta equivocouse ao suspender o concurso eólico no momento que o fixo por razóns políticas. Tería ou non defectos, pero en todo caso chegaba a tempo, antes da crise, e perdemos milleiros de postos de traballo para fabricación dos muíños e a súa instalación, e ademais perdemos a oportunidade das subvencións, que outros tiñan. E cando se perde un tren, pérdese.
A min non me gustan os bens sen prezo porque tenden a malgastarse. Pero que en Alacant sexa máis barato o metro cúbico de auga que na Coruña non ten sentido. Producir tomates en Almería, con man de obra inmigrante, a base de subvencionarlles a auga non semella moi racional. A auga debía ter un custe non subvencionado, agás para uso sanitario. Entón veríamos que Galiza ten unha vantaxe comparativa.
Fala da auga, pero tampouco nos beneficiamos de prezos mellores na produción hidroeléctrica e padecemos o custe social dos encoros. Estas semanas hai unha ameaza sobre Alcoa, que é a grande consumidora da electricidade producida na Galiza.
Esa é unha das grandes demandas que todos fixemos. Un exemplo máis claro: estaban electrificadas as vías Madrid-Sevilla e non o estaba o ferrocarril atlántico galego. Xa non se trata das tarifas é que o propio transporte de enerxía supón unha perda de case un 10%, e daquela se tiña que primar o consumo próximo. Pero non se toman esas decisións. Nós tiñamos que ter unha tarifa diferenciada e na planificación pública tamén se tiña que ter en conta a proximidade á fonte de produción.
Escribiu vostede que os galegos temos un problema de confianza en nós mesmos e o uso do idioma propio sería un termómetro desa confianza. Ese é un problema central se atendemos á idea de que historicamente as elites galegas pactaron progreso por identidade.
O noso idioma é un activo poderoso, igual que se falamos de bioloxía mariña o termos un mellor plancto é o activo polo que se queren instalar aquí as piscifactorías norueguesas.
Pero non é precisa esa transacción, iso é algo que nos venderon. Galiza ten un idioma que ademais está preto do portugués. Eu dirixín os negocios do Banco Pastor en Portugal durante 12 anos e tivemos un parceiro importante en Sonae, con Amorim o grupo empresarial portugués máis importante. Traballei moitos meses en Portugal con avogados, directivos, asesores fiscais, operarios de todos os niveis, con auditores... e sempre utilicei o galego. O noso idioma é un activo poderoso, igual que se falamos de bioloxía mariña o termos un mellor plancto é o activo polo que se queren instalar aquí as piscifactorías norueguesas. Os activos, sexan recursos naturais ou culturais, son vitais. Fixen unha suxerencia, e vouna repetir sempre: agora que se está debatendo que os profesores de galego dean francés, eu obrigaría a todos os centros de secundaria do país, públicos e privados, a ofrecer como segunda lingua estranxeira optativa, o portugués. Porque xa bastante vai custar que falen inglés como para facer que falen francés ou alemán. Se se estuda galego en todo ciclo escolar, nun ano apréndese portugués que ten máis falantes no mundo que o alemán ou o francés, e ademais é lingua oficial en Europa. Se lográsemos isto á fin da escolarización, co dominio de galego, castelán, portugués e inglés... poderían, por exemplo, ser funcionarios europeos ao dominar tres linguas oficiais. Isto é un activo enorme, non se precisan cartos para poñelo en valor e traducen unha autoestima na propia creación cultural. Estragar activos é como estragar cartos e neste caso é ocasión de manexar un idioma que falan 230 millóns de persoas no mundo.
Non lle gusta especular, pero lembrando o pensamento de Castelao e as ideas de Paz-Andrade, que pensa da idea que semella manexarse nalgúns niveis altos do poder da recreación dunha confederación ibérica, aproveitando a crise?
Castelao adicoulle moitas páxinas a esta cuestión e nos galeguistas que eran máis capaces de pensar desde fóra e separábanse do miúdo dábanlle moita importancia á cuestión de Portugal. O debate está comezando polas posicións independentistas de Cataluña, que tamén é unha colisión entre as grandes cidades (Madrid e Barcelona). Hai tempo lin que unha das solucións pasaba pola confederación das catro nacións: Castela, País Vasco, Cataluña e Galiza, e eu engadiría que a solución debía integrar a Portugal.
Teño para min que un dos eixos estratéxicos do galeguismo, relacionado coa lingua, coa posición xeográfica, coa nosa dialéctica norte-sur, debería ser reintegrar Portugal. Que non nos acusen de separadores, que a cegueira dalgúns non manteña esa separación. O galeguismo tiña que aspirar a integrar Portugal e acadar unha Confederación Ibérica ou como se decida chamarlle. É unha oportunidade que alguén pode contemplar como teórica, pero para nós é unha necesidade. Se o galeguismo político quere transcender da súa defensa do autogoberno de Galiza tiña que ter tamén unha visión sobre estas cuestións, chamémoslle de reintegración, de búsqueda dun pacto federal... Teríamos nós que reconstruír o que outros destruíron.
En todo caso máis que unha especulación, o que apunta é un elemento para un debate que se está dando en Europa e no Estado, porque semella que nos achegamos a unha nova situación despois dos pactos da transición nos que Valentín Paz-Andrade tivo unha cota relevante de protagonismo.
A Unión Europea xógase moito agora coa creación do euro, e todos os que esteamos dentro de aquí a 2 ou 3 anos, estaremos máis capacitados para desenvolvernos.
A poboación mundial multiplicouse nun século por sete, a renda per capita como media por cinco, a esperanza de vida está case en 70 anos... vivimos nun mundo que se está abrindo. A xente non leu a Adam Smith, pero o comercio é un motor principal da historia. O noso sistema de goberno segue sendo de estados-nación, que estaba pensando para un tempo diferente, en dimensión da humanidade e en circulación e comunicación no mundo. Non é só a informática, o desenvolvemento loxístico é brutal. A Unión Europea é o primeiro intento de responder a estes desafíos e xa se van xeneralizando estes modelos máis amplos, en América ou Asia. Europa superou conflitos integrando estados, e Oriente Próximo debería a longo prazo camiñar nesa senda, quizais con Turquía como centro. O difícil é conseguir que países como EEUU ou China participen neses grandes pactos. No futuro seremos 10.000 millóns, imos precisar moitas institucións comúns, Europa pode ser un exemplo pero pode retroceder nos próximos dous ou tres anos. Se o euro trunfa podes pensar noutras moedas colectivas.
Por Xan Carballa
San Pedro de Nós-Oleiros, 24 de setembro 2012