‘Se aumentamos a transformación de alimentos o campo pode xerar emprego aínda coa crise. Podemos facelo a pesar da PAC’
‘A identificación de campo con atraso fíxonos moito dano. Hai que facer atractivo vivir da agricultura mellorando os servizos sociais, xerando unha industria de transformación potente e respondendo ao desafío demográfico’, asegura o economista Edelmiro López Iglesias (A Peroxa, 1960), que durante o período 2005-2009 foi Director Xeral de Desenvolvemento Rural. Para este especialista en política e economía agraria até un 15% do emprego dun país pode nuclearse arredor do complexo alimentario.
Que consideración ten o complexo agro-gandeiro nas economías contemporáneas?
Nos países máis desenvolvidos da Unión Europea a actividade agraria ten un peso pequeno. A media
Se consideras os conceptos de soberanía alimentar e xestión territorial, compréndese que os países máis avanzados do mundo teñen a política agraria como un tema principal.
europea é do 2,5% do PIB e o 5% do emprego. É un peso cativo e limitado, pero hai matices importantes. O primeiro que arredor dese 2,5% do PIB comprende outro conxunto de empregos maior (o chamado complexo alimentar) que move o 10-15% do emprego. A produción de alimentos para a sociedade segue a ser unha actividade importante en todos os países e despois da II Guerra Mundial, se alguén non o tiña claro, decatáronse da importancia estratéxica da alimentación. De feito a Política Agraria Común da Unión Europea nace para garantir a soberanía alimentar dos países asociados. A maiores disto a actividade agro-gandeira cumpre unha función esencial en toda sociedade que é a xestión do territorio. Se non o xestionas producindo alimentos ou con actividade forestal ao final terás que xestionalo con funcionarios encargados de apagar o lume ou coidar os montes, que é onde estamos chegando en Galicia. Se consideras estes dous conceptos de soberanía alimentar e xestión territorial, compréndese que os países máis avanzados do mundo teñen a política agraria como un tema principal.
Hai unha frase de Paz-Andrade en Galicia como tarea que podía valer para finais dos anos 50, “pouco agro para moita xente”. Entre eses anos e a entrada na UE, todo un momento decisivo para a agricultura do país, que sucedeu?
Cando Paz-Andrade escrebe iso, a mediados do século XX, tiñamos que 8 de cada 10 galegos vivían no rural, o 78% da poboación galega traballaba no campo. Iso daba lugar a un sistema agrario que aproveitaba moi ben os recursos que había no territorio pero efectivamente tiñamos moita xente para tan pouca terra. Era un sistema sustentábel pero daba lugar a uns sistemas de vida ínfimos e provocou, en canto se puido, a fuxida da xente. Cando a entrada na Unión Europea, as cifras baixaran
O asunto non é producir máis senón transformalo e darlle máis valor.
ao 40% de xente na agricultura e avanzaba o abandono de terras. Se damos outro salto a hoxe estamos nun 5,7%. Temos un volume de emprego agrario que está na media europea pero cunha porcentaxe moi alta de persoas maiores, ou sexa que hai escaseza de man de obra nova, e ademais un reparto moi desigual no territorio. Se vas ás zonas leiteiras do interior da Coruña atopas xente nova nas explotacións, con arredor de 40 anos, con formación. Pero en Ourense, agás A Limia e O Ribeiro, a situación é radicalmente diferente. Se Valentín Paz-Andrade escribise hoxe o que máis chamaría a súa atención é que temos poucos agricultores e que a terra que traballan non aumentou tanto, porque a xente marchou e ficaron abandonadas centos de miles de hectáreas. Insistiría en que o grande problema é a terra. O chamativo do caso galego é que en 50/60 anos se produciu esa mudanza, cando países como Dinamarca ou Francia realizaron esa transición en 150 anos. Aquí en dúas xeracións pasouse de traballar case todo o mundo no campo a que non haxa man de obra na agricultura. E ese 5,7% actual, que estaría nunha cifra razoábel, está en parte envellecido, mal repartido polo territorio e ten sen resolver o relevo xeracional.
Hai un pensamento arraigado que relaciona agro con atraso, que impide ver que é un sector que pode ser tamén un lugar de emprego potencial?
Esa idea negativa influíu moito, tamén nas políticas agrarias. A idea dos gobernos era fomentar
O normal nos países do noso entorno é que a acada euro de materia prima agraria se lle incorporen de 1,5 a 2 euros de valor engadido na transformación. En Galicia por cada euro incorporámoslle só 0,6 euros.
o abandono do campo. O problema da economía galega non é que haxa menos agricultores, o que pesa máis é a desvalorización do traballo que interiorizou a xeración que pode ter agora máis de 70 anos. É comprensíbel que, co que eles viviron, non desexasen para os seus fillos quedar no campo, pero é máis difícil de entender que se manteña hoxe. Porque se ollamos os datos e con todos os problemas que atravesa, nunha explotación leiteira media sacas máis cartos que de albanel ou camareiro. ¿Por que nos últimos quince anos segue a preferirse marchar a un traballo de baixa cualificación nunha cidade a quedar no campo? Porque persiste a desvalorización social da figura do agricultor/a e un problema adicional que é obxectivo, non mental: a dificultade de acceso a servizos. Para min o gran problema a resolver para deter a hemorraxia demográfica no rural é, sobre todo, de acceso a servizos. Moita xente deixa as explotacións porque os fillos chegaban á ESO e onde vivían tiñan dificultades para escolarizalos, etc. A proba disto que digo é que se historicamente os primeiros en marchar do campo eran os homes (e de aí saía o das viúvas de vivos e mortos de Rosalía de Castro), nos últimos 30 anos o que hai é un aumento de solteiros por ausencia de mulleres no rural. As que primeiro marcharon nestas décadas son as mozas novas. Co acceso a unha maior formación, que futuro contemplan? O panorama de casar cun home á fronte dunha explotación significa dificultades para desenvolver a propia carreira profesional, ter que coidar aos rapaces e aos vellos, os propios e os do home e antes diso marchan. Non é un problema de ingresos, porque a alternativa pode ser vivir con dificultades nun piso de protección oficial nunha cidade, é que está sen resolver a mínima equiparación nos servizos, ter onde deixar ao rapaz, aos vellos, ter acceso doado a telecomunicacións, escola,... E ben sei que melloraron moito as cousas, porque cando eu era rapaz tardaba o autobús da miña aldea na Peroxa case dúas horas en chegar a Ourense, a só 18 quilómetros!
E cales son os problemas principais a enfrontar para que o campo sexa unha oportunidade de desenvolvemento, porque ás veces se fala dos límites á produción da PAC pero non é só iso polo deduzo das súas palabras, e hai moitas marxes polas que avanzar.
Un primeiro aspecto é demográfico, do que falei, que é xeral ao país pero máis grave no rural. En segundo lugar temos o problema da terra que está relacionado coa atomización da propiedade, e non
Contrariamente ao imaxinario colectivo de Galicia país agrario, neste momento os produtos alimentarios teñen un saldo negativo entre importacións e exportacións.
é só que teñamos centos de miles de propietarios senón que o concepto desa propiedade é ‘eu fago o que me peta coa miña terra’. Ou iso muda ou non hai nada que facer porque agora usamos menos terra da que deberiamos para producir a metade da media española ou europea. O terceiro aspecto é a baixa produtividade e está ligado á escaseza de terra. As explotacións galegas ben dimensionadas están ao nivel das mellores de Europa, pero ao facermos a media de todas elas baixa o índice, porque moitas teñen pouca superficie.
Despois temos un problema de rendas que está moi ligado ás políticas agrarias europeas e á evolución dos prezos. É un desafío agroindustrial porque se con todas as dificultades producimos razoabelmente ben materias primas agrarias o obstáculo é que non elaboramos. Fronte ao éxito histórico que supuxo a industria pesqueira, con todos os seus problemas, nada diso tes no ámbito agroalimentario, aínda que haxa exemplos como Coren e outros. O normal nos países do noso entorno é que por cada euro de materia prima agraria se lle incorporen de 1,5 a 2 euros de valor engadido na transformación. En Galicia por cada euro incorporámoslle só 0,6 euros. Iso fainos moitos máis débiles. Só hai que pensar no leite, apenas transformamos envasando en cartón e así estás collido do pescozo polos distribuidores.
O derradeiro chanzo deste esquema é o referido aos mercados que é o máis dramático. Pon en evidencia de como non o fixemos ben como sociedade nos últimos 50-60 anos: desde que hai datos en 1980 Galicia ten unha balanza agroalimentaria deficitaria. Contrariamente ao imaxinario colectivo de Galicia país agrario, neste momento importamos máis alimentos dos que exportamos. Boa parte destes problemas temos que resolvelo os galegos como sociedade. Os gobernos teñen responsabilidade, deben ser valentes e dicirlle á xente que non pode ter as terras abandonadas e facer o que lle pete con elas. Igual que ten que intervir máis decididamente na industria relacionada coa agro-gandaría e se non hai capital privado tes que intentar crealo. Pero tamén a sociedade debe responder.
E os límites da PAC (Política Agraria Común), que agora está en negociación?
En políticas agrarias hai dous grandes ámbitos: regulación dos mercados e políticas estruturais (que fas coa terra, co capital, como formas aos traballadores,...). No primeiro ámbito a marxe dos
O Banco de Terras era unha medida reformista para crear un mercado inexistente, poñer o campo a producir e crear riqueza.
gobernos, sexa o galego ou o do estado, é moi limitada. Se te moves no fío da legalidade podes chegar a abrir camiños. Pero admitindo este corsé da PAC, que hai que procurar mellorar, nas políticas estruturais a responsabilidade é practicamente toda do goberno galego correspondente, e isto xa o o dicía cando estaba nel e tiven que tomar decisións. Se non actuamos máis é porque ou non sabemos ou non logramos a complicidade social adecuada. Negociar en Europa é fundamental, porque tamén podes obter fondos para as túas políticas estruturais, pero o primeiro é ter claro a onde queres ir porque ademais dáche forza en Bruxelas. Se co teu traballo melloras as túas marxes produtivas podes presentarte con máis peso nunha mesa de negociación. Non comparto insistir só na regulación da PAC, aínda que sei que a negociación no momento da integración prexudicounos, pero foi porque politicamente pintabamos moi pouco, daquela o sector hortofrutícola mediterráneo tiña un potencial exportador enorme e nós non o tiñamos. As cotas limitáronos e aínda así duplicamos a produción de leite desde entón, aínda que podería multiplicarse non por dous senón por catro.
Agora hai un novo problema engadido, que é a da capacidade financeira cando estamos a piques de que desaparezan os que tiñan centros de decisión en Galicia.
Nunha explotación leiteira media sacas máis cartos que de albanel ou camareiro. ¿Por que nos últimos quince anos segue a preferirse marchar a un traballo de baixa cualificación nunha cidade a quedar no campo?
Ese é un asunto moi grave. Se a situación do sistema financeiro español é mala, agora quedamos sen algo parecido a un sistema financeiro galego. E sen centros de decisión próximos nun horizonte a dez anos as cousas complícanse. Quizais os recursos públicos en troques de adicalos a subvencións podían destinarse a asegurar financiamento para iniciativas empresariais viábeis a medio prazo. Pode resultar cruel deixar caer unha empresa en vez de apoiala e que aguante dous anos máis, pero será mellor apoiar iniciativas con viabilidade a medio e longo prazo. É un feito novo, produto desta crise, que cambia moito as cousas. Antes da crise faltaba máis iniciativa empresarial que capital. Podería contar que cando o goberno entre socialistas e nacionalistas (2005-2009) traballouse moito para crear un grupo lácteo, tiñamos o compromiso das dúas caixas galegas e estaba moi avanzado. Non era unha ocorrencia, todo o que digo está documentado. Pero hoxe, a quen recorreríamos? Daquela o que nos levou máis tempo, e fixo que non culminara antes de estalar a crise, foi atopar o grupo de empresarios que podía poñerse á fronte. Non era un problema de aforro, senón de proxectos viábeis que o mobilizasen. Agora todo vai ser diferente.
Desmiuzando o sector, cales son os mellor dimensionados ou que teñen máis potencial para medrar?
Destaca primeiro o leite, despois as producións cárnicas extensivas, sobre todo o vacún, e finalmente o de ganderías internas (polos e porcos). En producións vexetais, viño e horta. Pero ningún deles chegou ao límite do que podería acadar. Poderíamos aumentar a produción de leite, aínda que iso implicaría poñer en forraxe terras agora abandonadas, aínda que o asunto non é producir máis senón transformalo e darlle máis valor. En gandería extensiva hai un potencial moi grande. O exemplo de Ternera Gallega é a mellor ilustración. Non é só que o fixera ben a xente da denominación, o éxito débese a que usamos un intanxíbel que estaba aí, porque no mercado das grandes cidades do estado Galicia segue asociada a verde e a vacas que pastan libremente, e esa imaxe de marca é unha vantaxe, porque todos os produtos que ligues á natureza teñen un mercado garantido. No viño podes avanzar máis e no hortofrutícola non é tanto que podas medrar para vender fóra, pero si para ocupar e rendibilizar o mercado interno. Hoxe vas a unha grande superficie e custa atopar mesmo patacas cultivadas no país.
Finalmente, e xa falando do ámbito forestal, o grande reto é que o 1,2 millóns de hectáreas que xa están arboradas rendan mellor, que se faga unha explotación silvícola adecuada e por suposto pechar ciclos produtivos. Producimos moito eucalipto e piñeiro que vai para celulosas e taboleiro, pero a industria do moble nos anos máis puxantes tiña que importar a meirande parte da madeira que empregaba.
Pode parecer o conto da leiteira, pero se pensamos a futuro gustaríame que se desenvolvesen todos os sectores, en produción e sobre todo en transformación de alimentos porque en perspectiva comparada con outros países podemos competir. Que nos falta? Non seguir asociando campo a atraso e adoptar medidas valentes e radicais, sobre todo no referente á terra. Non hai que expropiar pero hai que adoptar medidas para que as terras de 1,5 millóns de persoas se poñan a producir para 40.000 explotacións, basicamente mediante arrendamento. Ese era o esforzo do Banco de Terras, unha medida reformista para crear un mercado inexistente, poñendo o campo a producir e creando riqueza.
Por Xan Carballa
Santiago de Compostela, 3 de nadal de 2012
Foto: Sabela Vázquez Díaz