‘É precisa unha reforma constitucional moi centrada no título VIII, desenvolvendo a idea das nacionalidades e rexións’
Aínda que desde un segundo plano da política activa, Xaquín F. Leiceaga (Noia, 1961) coñece ben o noso sistema partidario, primeiro no nacionalismo e na última década como destacada figura do socialismo galego. Aínda está moi recente o seu libro Por que fracasou a reforma do Estatuto? (Galaxia, 2012), pero na súa bibliografía acumúlanse os estudos sobre diferentes aspectos económicos do país. Leiceaga amósase abertamente partidario dunha reforma constitucional para actualizar a organización territorial do Estado, “compre resolver a polarización existente entre algunhas periferias singulares desexosas de máis autogoberno e un centro hispánico nostálxico do centralismo. Como facelo? Intercambiando autogoberno por estabilidade”. Esa é a receita que propón no seu libro, e que actualiza nesta conversa atravesada pola realidade do desafío catalán e polas súas ideas de urxencia para buscar unha saída á crise económica en Galicia.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Por que fracasou a reforma do Estatuto? é unha análise da reforma frustrada en 2005-2007 do estatuto actual, pero a conquista autonómica de 1981, a pesar de ser unha longa reivindicación, naceu case orfa de pai e nai.
É o grande paradoxo de Galicia. Unha nacionalidade histórica, como se recolle na Constitución, que por iso mesmo consegue un rápido e potente acceso ao autogoberno. Naquel momento da Transición conta cun nacionalismo moi maioritariamente contrario ao modelo autonómico, un Partido Socialista
Sigo defendendo que o modelo autonómico é o máis adecuado para Galicia, porque nos permite desenvolver un autogoberno potente
diverso, no que finalmente se impón unha versión municipalista, que apoia a autonomía formalmente, e unha dereita que é quen asume de maneira máis plena a existencia do poder autonómico, aínda que sexa cun Manuel Fraga que poucos anos antes defendía todo o contrario. Ou sexa que a situación de inicio foi que dispoñemos dunha fórmula de autogoberno que poucos reclamaban. Que o baleiro o enchese a dereita é a razón da longa hexemonía de Fraga durante dezaseis anos, que soubo ver as vantaxes da autonomía para articular unha maioría social que explotou de maneira conservadora. Inicialmente quería ir máis alá, facer un país moderno, reivindicarse como estadista, pero o enfrontamento cos presidentes das Deputacións fíxolle dar un paso atrás. Fronte a iso temos ao Partido Socialista centrándose no poder dos concellos e renunciando a disputarlle a hexemonía e o Bloque, desde fóra de sistema aínda que aproximándose a el. Só cando se integra o nacionalismo e o PS decide que Galicia é importante hai competencia e conseguen gobernar autonomía
Non se pode esquecer a paréntese de Fernando González Laxe (1987-1989), aínda que nacese dun parto doloroso.
Aquel foi un tempo intenso e con froitos. Hoxe aínda vivimos nalgúns temas de decisións tomadas naquela fase, sexa o sistema universitario ou a regulación dos montes veciñais por poñer dous casos diversos. Mais aquel goberno naceu cunha sombra de ilexitimidade porque foi produto dunha moción de censura despois dunha escisión da dereita. Por razóns de equilibrios da política española Felipe González non aceptou esa resultante e iso condena ao goberno de Laxe a non renovar, ademais cunha elección de Fraga en 1989 no límite do legal, con graves sospeitas sobre a xestión do voto emigrante en Ourense.
Desde hai unha década o conservadorismo español e o seu sistema mediático está martelando continuamente coa idea de que o estado autonómico é un estado de excesos froito da creación de pequenos estados
O paradoxo desa orfandade é que a autonomía nacera moi vinculada ao galeguismo, que fora o seu grande motor na II República. Afírmase con rigor que a nosa inclusión como nacionalidade é un haber político daquel tempo.
Hai un vínculo tenue co galeguismo da República. O nacionalismo que aparece nos anos 60, e máis claramente nos 70, contraponse ao galeguismo de Ramón Piñeiro e o seu grupo, e intenta construír unha Galicia como comunidade política contra a idea galeguista. O galeguismo si está no comezo da autonomía e é unha presenza benéfica, que lle dá estabilidade e transversalidade e nos liga coa República. Pero iso eslúese moi rapidamente. Intentan facelo a través do sistema de partidos existente, mesmo entran con certa forza no parlamento a través do Partido Socialista e iso ten efectos, como a Lei de Normalización Lingüística que non sería posíbel sen esa presenza galeguista. Quizais non acertaron na seguinte fase que sería pasar dese predominio moral a unha actuación política estábel e foron dixeridos pola dinámica dos partidos. Non souberon atopar o seu espazo.
Paz-Andrade, que estivo todo o século XX na épica da autonomía e en primeira liña na Transición, remata sendo moi crítico sobre como se construía o autogoberno, principalmente polas duplicidades administrativas, sostendo as Deputacións que acabaron sendo un auténtico tumor da autonomía.
De feito hai comunidade autónomas onde non existen. Nas uniprovinciais ou nas Canarias onde hai dúas provincias pero o que funciona son as illas. As Deputacións non están na Constitución, está o
En Cataluña e no País Vasco o apoio ao estado autonómico descende en favor de solucións máis soberanistas e no resto de España, e aquí inclúo Galicia, descende pero en favor de solucións máis centralistas
ámbito provincial, e podíase vehicular doutro xeito. En Galicia houbo intentos desde a esquerda e sobre todo do nacionalismo en cuestionar as Deputacións, pero non houbo unha idea transversal a todas as forzas políticas para organizar doutro xeito o territorio. As Deputacións souberon conservar un ámbito de poder moi forte por varias razóns. Non son de elección democrática e os que se benefician e os que deciden son cargos intermedios dos partidos, sobre todo os alcaldes, o que lle dá unha base de resistencia municipal forte. Outra razón é que non son responsábeis, os seus ingresos proveñen das transferencias, non teñen que dirixirse aos cidadáns e o que fan é gastar basicamente a través dos concellos. Con iso conseguen un grande enraizamento, non tanto nos territorios porque non son institucións populares, pero si no que realmente manda que son as estruturas dos partidos. Isto dificulta moito que se puxeran en cuestión. Hoxe hai unha oportunidade porque a simplificación administrativa vai ser unha das consecuencias da crise. Estámolo vendo en Portugal, onde están adelgazando notabelmente o sistema de freguesías porque non soportan esa carga institucional e prefiren cortar aí antes que na sanidade ou a educación.
Aquí temos unha oportunidade e deberíamos aproveitala e xa foi unha das cuestións máis discutidas na reforma frustrada de 2007. O PP non quería tocalas, pero chegárase a un consenso sobre como facelo deixando todo aberto, non plasmando a estrutura provincial e das deputacións no Estatuto de Autonomía, que si están no actual texto, e daquela que fosen as maiorías parlamentarias as que decidisen como se organizaba Galicia, que xa hoxe non se corresponde coa estrutura das provincias en moitos casos. Un exemplo entre outros desa realidade: o hospital xeral de Santiago cobre A Estrada e a zona norte da provincia de Pontevedra e haberá zonas da Mariña de Lugo que miran máis para A Coruña que para Lugo.
Ese poder político provincial foi decisivo no devir destas tres décadas. Fraga presentábase politicamente omnipotente, pero estivo permanentemente demediado polas baronías provinciais.
Fraga intentouno pero enfrontouse con Cacharro e inicialmente con Vitorino Núñez que de entrada funcionou cun partido separado do PP (Centristas). Curiosamente desde dúas circunscricións que estaban e están primadas electoralmente. É máis barato ser deputado por Lugo e Ourense en termos de votos populares, pesa máis politicamente ser cidadán nesas dúas circunscricións. No Partido Socialista o municipalismo tamén consideraba as deputacións un chanzo último, e tivo na Deputación da Coruña unha referencia. Só desde o Bloque se formula un debate máis duro contra as deputacións, pero tampouco de forma moi aberta.
Di vostede que o autogoberno está plenamente consolidado e ninguén o discute, pero xa advirte ao comezo do seu libro que a volatilidade dos tempos actuais fai que moitas afirmacións quedan rapidamente atrás.
As dúas cousas están ligadas, e hoxe quizais non podería facer esa primeira afirmación exactamente.
Hoxe hai dous elementos clave: a internacionalización intelixente, saíndo mais de Europa cara as areas con máis futuro nos próximos vinte anos: Brasil, América Latina,... A outra panca é actuar en innovación e formación
En parte consecuencia da crise e en parte da maduración de elementos políticos e culturais doutro tipo hoxe estase producindo unha escisión moi notábel na opinión pública española. En Cataluña e no País Vasco o apoio ao estado autonómico descende en favor de solucións máis soberanistas e mesmo de independencia, e no resto de España, e aquí inclúo Galicia, descende pero en favor de solucións máis centralistas, co cal se está abrindo unha foxa notábel na opinión pública con dúas realidades moi diferenciadas. En Galicia tivemos unha adhesión tácita á autonomía, que tiña que ver con moitas cousas, entre outras que nos fornecía sanidade e educación a un custe baixo e que non estaba presente no sistema impositivo que corresponde á Axencia Tributaria e o estado. Todo iso está desaparecendo porque a crise deixa medrar a idea de que hai que simplificar e ser eficientes, que é unha idea interesante pero que apunta mal. A todo isto hai que engadir que desde hai unha década o conservadorismo español e o seu sistema mediático está martelando continuamente coa idea de que o estado autonómico é un estado de excesos froito da creación de pequenos estados e que iso hai que cortalo. Haberá moito que racionalizar no sistema autonómico, seguro, pero tamén no central e non digamos no que falabamos das deputacións ou os concellos. Con esa parte de verdade e toda a presión política da dereita e dos medios afíns non é extraña a desafección coa autonomía en Galicia da opinión pública máis conservadora hoxe máis marcada que cando escribín hai tres anos esas liñas.
Cataluña e País Vasco lánzanse a un novo camiño e xa se contempla que pode ter chegado o momento dun cambio constitucional. Cal é a súa opinión sobre esta nova situación?
Hoxe repetiría con máis vehemencia o que digo no libro: é precisa unha reforma constitucional moi centrada no título VIII [Organización Territorial do Estado]. Unha reforma que ademais encaixa nos
Haberá que ver que estratexia escolle o goberno central, se a negociación ou a confrontación. Negociar suporía reformar a constitución para encaixar mellor a Cataluña e aí Galicia ten oportunidade de facer valer o seu papel de nacionalidade histórica
primeiros artigos do actual texto, desenvolvendo a idea das nacionalidades e rexións que está no artigo 2. No ano 1978 aquel título VIII era unha especie de libro de instrucións abertas para armar o puzzle e podíase resolver de moitos xeitos. O resultado é o modelo actual que ten incoherencias e dificultades porque están presentes dúas forzas que se foron equilibrando: a da homoxeneidade, que ten que existir necesariamente porque senón non estaríamos nun estado cuasi federal, e a forza da heteroxeneidade, porque como recoñece a Constitución hai nacionalidades e rexións. Non é igual Cataluña ca Murcia a efectos de conciencia nacional, e pídenlle cousas diferentes ao estado autonómico. Por tanto hai que procurar solucións adaptadas a esas demandas. En Cataluña hai primeiramente un problema simbólico, tamén co tratamento que lle dan os tribunais á lingua catalá e hai un problema económico, séntense maltratados no financiamento, aínda que eu considere que nesta materia non teñen razón eles sénteno así. Ao mesmo tempo vexo que Madrid quere devolver competencias ao Estado. Chegados a ese punto quizais é o momento de tomar novas decisións e negociacións, porque hai un ben un común a protexer que é o conxunto de España na súa pluralidade, e non se protexe encastelándose na defensa dunha constitución que foi feita noutra conxuntura histórica e non dá resposta a estas cuestións actuais. E despois esta Galicia, que como sucedía en 1978 está en fóra de xogo. Sigo defendendo que o modelo autonómico é o máis adecuado para Galicia, porque nos permite desenvolver un autogoberno potente, defender a nosa identidade e establece un sistema de solidariedade que para unha comunidade cunha renda por habitante baixa como a nosa permite equilibrar a dotación de servizos. Nós debemos ter como país unha actitude máis ben conservadora co estado autonómico. Velaí a nosa contradición, porque a nosa opinión pública vai máis na liña de Castela que na de Cataluña ou o País Vasco, sen deixarmos de ser unha nacionalidade histórica. Os próximos anos van ser decisivos e a actitude que adopte a dereita que nos goberna é importante: se quere que sigamos a ser nacionalidade coas vantaxes que comporta ou colocarnos nunha posición menor na que pintaremos menos no conxunto español.
E que cree que vai pasar?
A sociedade catalá creo que está formulando un esquema de negociación e aceptaríaa encantada. Seguro que Artur Mas e as elites amplas que o apoian nos medios de comunicación e no mundo económico gustaríalles que así fose. Pero haberá que ver que estratexia escolle o goberno central, se a negociación ou a confrontación. Negociar suporía reformar a constitución para encaixar mellor a Cataluña e aí Galicia ten oportunidade de facer valer o seu papel de nacionalidade histórica e marcar as súas posicións sobre o financiamento. Ir á confrontación sería suicida e conduciría en máis ou menos tempo a unha ruptura en España, e aí temos pouco a gañar. A existencia de Cataluña en España é un activo para Galicia porque reforza o valor da diversidade, protéxenos fronte a esa inevitábel procura de hexemonía castelá que nos empobrece... No escenario da confrontación perdemos sempre.
Aínda cun PSOE en momentos moi baixos, a reforma da Constitución esixe que que os dous grandes partidos se poñan de acordo. Hoxe non semella moi viábel, tendo o PP un núcleo duro moi partidario da recentralización e un PSOE que tamén ten destacados valedores da poda do estado autonómico. Co precedente da sentencia do Constitucional sobre o Estatut, que semella foi o ponto de partida do actual “adeu Espanya”, non hai motivos para a esperanza dunha negociación. E o asunto complícase máis cando nas reformas estatutarias sacadas adiante polo PP e o PSOE incluíuse a fórmula de nacionalidade para autodefinir comunidades como Andalucía, Aragón ou Valencia.
O discurso de Esperanza Aguirre era que o das autonomías é un barullo porque cada unha fai o que lle peta, pero á hora de verdade era Madrid quen tensaba o sistema.
Colócanse como nacionalidades tamén porque Cataluña se definiu como nación. Aceptan ir un paso por detrás pero non dous, nunha actitude promovida indistintamente por PP e PSOE. Os dous teñen que poñerse de acordo, porque o tempo demostra erróneo o movemento de Zapatero neste ámbito constitucional. Non é posíbel avanzar sen un acordo co PP, e calquera solución unilateral demostrouse inestábel e provoca danos graves como a sentencia do Constitucional. Por iso hai que vincular a ese futuro acordo os nacionalismos vasco e catalán, os realmente afianzados, e o galego tamén. Nas condicións do debate político en España vai ser moi complicado pero só pode facerse co PP gobernando, porque cando está na oposición explota até onde precise calquera debilidade que amose o goberno. O PSOE coido que ten unha actitude máis de estado e por iso é máis posíbel agora, ademais tendo en conta o peso de Andalucía para os socialistas.
O financiamento é a clave de bóveda de todo o edificio. Lanzouse aquela confusa estatística das balanzas fiscais, está presente a cuestión das sedes fiscais das sociedades, a recadación... temas todos que funcionan como un branco móbil.
Creo que é claro o que pasa en España. Hai unha asimetría fundamental, que son os concertos económicos vasco e navarro, que introducen tensión ao resto do sistema porque é claro que están mellor tratados que os demais, non contribúen á solidariedade do conxunto pese a ter unha renda per capita superior á media. Iso está claramente detrás da reivindicación de Cataluña. Hai outras asimetrías menores ás que ninguén presta atención, como a das Illas Canarias, que teñen un réxime fiscal especial.
Levamos gozando vinte anos de fondos europeos, cal foi o grande proxecto que se financiou con ese río de cartos? Non temos nin saneadas as rías. Imos ter fondos outros seis anos, aínda que menos, poñámonos de acordo en que gastalos.
E Madrid, co efecto de domicilio fiscal?
Creo que non, desde o momento que o Imposto de Sociedades está centralizado. Tivo algún efecto durante a expansión inmobiliaria e os impostos que leva ligados (transmisións patrimoniais, etc) aínda que as operacións tivesen lugar noutras comunidades, aumentaban a recadación madrileña. Iso é máis por ser centro que polo efecto domicilio fiscal. O de Madrid ten importancia por outro motivo. O discurso de Esperanza Aguirre era que o das autonomías é un barullo porque cada unha fai o que lle peta, pero á hora de verdade era Madrid quen tensaba o sistema. Por exemplo reducindo a fiscalidade sobre as sucesións o que provocaba imitacións no resto. Esa foi unha especialidade de Madrid, usando o privilexio de concentrar, só por ser a capital, rendas moi altas e unha grande capacidade recadatoria do IRPF, ou pola entrada de turismo por Barajas que xera un consumo moito maior e tamén máis ingresos... aproveitando isto Esperanza Aguirre cargábase boa parte da homoxeneidade fiscal do estado autonómico.
Pero hai outro elemento invariante clarísimo: as areas cun nivel de renda máis alta, con máis dinamismo económico (Madrid, Cataluña, La Rioja, Valencia...) xeran un rendemento por habitante para o Estado superior ao de Galicia, Andalucía ou Extremadura, e isto se equilibra coa acción do Estado central e tamén estas áreas as que máis se benefician dos fondos europeos. Do cálculo desta solidariedade nace boa parte da demanda de Cataluña.
Pero esta desigualdade non ten que asumirse como insuperábel. A pregunta, no centro da crise, é como promovemos o desenvolvemento económico de Galicia.
Na acción do Estado téñense en conta dous elementos, a xestión da demanda e a da oferta. A demanda desde o punto de vista do estado autonómico está practicamente pechada nos próximos anos. Son moi crítico coa austeridade cega imposta pola Unión Europea e creo que hai que combatela, pero nesa materia a marxe das comunidades autónomas é moi pequena, cos mercados financeiros moi pechados non se van poder endebedar e o estado central non vai estar en condicións de financiar aventuras. A marxe é mínima para perfilar novos ingresos fiscais.
É máis barato ser deputado por Lugo e Ourense en termos de votos populares, pesa máis politicamente ser cidadán nesas dúas circunscricións.
Ademais o keynesianismo dunha soia comunidade acaba por beneficiar ao conxunto por medio do comercio e o movemento de persoas. Sería un pouco estúpido promover o endebedamento de Galicia porque remataría beneficiando a outros. O proxecto de crecemento ten que vir por sermos máis eficientes que os demais e aí cada comunidade ten as súas armas. Nós temos vantaxes e desvantaxes. Entre as primeiras ter bos recursos portuarios para conectarnos con Europa e América, tamén unha presión menor sobre o mercado de traballo e entre as segundas ser unha comunidade pequena e avellentada e por iso mesmo cun gasto social moi alto, e un exceso de infraestruturas sen racionalizar. Con eses vimbios temos que traballar, sendo máis eficientes no uso dos recursos públicos. Se as Deputacións sobran convertamos iso nun asunto transversal das forzas políticas e que forme parte do proxecto de país, redefinamos as fronteiras municipais reducindo os concellos, pensemos que facer cun ámbito aeroportuario do que non tiramos beneficios... e nestas materias non hai proxectos recoñecíbeis das forzas políticas. As vantaxes da nosa relación con algúns países latinoamericanos, está explotada dalgunha maneira? Non parece.
Nesas vantaxes a explotar estarían tamén a enerxía e a auga? Que sector pode ser a locomotora do crecemento?
Temos amplas competencias en materia de política industrial, pero non parece que sexan usadas con moita intelixencia, e creo que é un dos fracasos do primeiro goberno Feixóo, máis alá dos contratos que poda haber no sector naval que están moi ben, pero a xestión eólica ou da acuicultura non foron precisamente un éxito. Sendo moi difícil hoxe atraer investimentos, hai dous elementos clave: a internacionalización intelixente, saíndo mais de Europa cara as areas con máis futuro nos próximos vinte anos: Brasil, América Latina, Asia, zonas do Leste de Europa. Nalgúns deses países contamos con vantaxes que hai que aproveitar. A outra panca é actuar en innovación e formación, que é onde está a clave da competencia. Levamos gozando vinte anos de fondos europeos, cal foi o grande proxecto que se financiou con ese río de cartos? Non temos nin saneadas as rías. Imos ter fondos outros seis anos, aínda que menos, poñámonos de acordo en que gastalos.
Por Xan Carballa
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2012